Como antesala das festas, estes martes 22 de xullo a partir das 16:00 h arrinca en Sargadelos a Iniciativa Xove “Techno Con-Ciencia”
Cervo, 22 de xullo do 2025. A parroquia de Sargadelos xa se prepara para vivir as tradicionais Festas na honra a Santiago Apóstolo, que terán lugar os días 24, 25 e 26 de xullo de 2025. O evento está organizado pola Asociación Amigos da Troula e o Concello de Cervo, que convida a toda a veciñanza e visitantes a participar desta cita festiva, cultural e deportiva.
O programa comeza o xoves 24 de xullo, ás 20:00 horas, coa tradicional espetada moura, amenizada polos grupos locais “Cordenaia”. Ás 22:00 h comezará a verbena coa Discomóbil Conxuro, e ás 23:00 h ofrecerase o concerto de Roi Casal, un dos pratos fortes das festas. A festa continuará con Conxuro Discomóbil.
O venres 25, Día do Patrón, haberá misa solemne e procesión ás 13:00 h, seguida dun pasarrúas e baile a cargo do grupo tradicional local Fol do Raxal. A sesión vermú e o baile de tarde estarán novamente animados pola Discomóbil Conxuro. Pola noite, a verbena contará co grupo Alma Latina e a actuación estelar de Kike Varela – Mikaela Tour. Ao mediodía serviranse racións de churrasco (12 €), que inclúen porco, criollo, chourizo e pan.
O sábado 26 arrancará cunha actividade deportiva: o Trail Sargadelos, a partir das 10:00 h, acompañado de venda de boliños preñados e empanada. A animación musical correrá a cargo da Discomóbil Olympo. As inscricións están abertas a través da plataforma www.sportmaniacs.com ata o 25 de xullo.
Este martes, arrinca a iniciativa Xove “Techno Con-Ciencia”
Como antesala das festas, estes martes 22 de xullo a partir das 16:00 h arrinca en Sargadelos a Iniciativa Xove “Techno Con-Ciencia”, unha proposta de creatividade xuvenil arredor da música electrónica e a cultura. Desenvolverase tamén o mércores 23 e está promovida polo grupo Fonte da Tella en colaboración co Concello de Cervo, co financiamento da Xunta de Galicia a través do programa Iniciativa Xove. Un espazo interxeracional, creativo e innovador que marcará o inicio festivo da semana. Toda a información está dispoñible a través das redes sociais do grupo Fonte da Tella.
O Concello de Cervo anima a toda a comarca e visitantes a achegarse a Sargadelos para gozar destas festas que combinan tradición, música, gastronomía e deporte nun ambiente familiar e acolledor.