Ribadeo, 28 de agosto de 2025. A Praza de Abastos de Ribadeo collerá o venres e o sábado (29 e 30 de agosto) as Experiencias de Calidade con catas, degustacións e showcookings. Están enmarcadas nos Días de Sabor da programación especial de Acisa O noso comercio é vida, vive Ribadeo.
A presidenta de Acisa Ribadeo, Carmen Cruzado, contou que “a Praza de Abastos de Ribadeo converterase os días 29 e 30 de agosto no escenario das Experiencias de Calidade, unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia coa colaboración do Concello de Ribadeo e cofinanciada pola Unión Europea, que busca poñer en valor a artesanía alimentaria e os produtos galegos con denominación de orixe, no marco das actividades excepcionais deste mes de agosto impulsadas por Acisa dentro da programación O noso comercio é vida, vive Ribadeo”.
Cruzado Iglesias explicou que “durante dúas xornadas o público asistente poderá gozar de catas comentadas, degustacións e demostracións gastronómicas, coa participación de expertos, sumilleres e recoñecidos cociñeiros galegos”.
O xerente de Acisa, Jesús Pérez, explicou que “o venres 29 de agosto a programación arrincará ás 11:00 horas cunha cata-degustación de queixos galegos con DOP, protagonizada polos gañadores dos premios Ouro nas Catas dos Queixos de Galicia 2024, da man de Salomé Beiroa, catadora e membro do panel oficial de cata. A continuación, ás 12:00 horas, o chef José Manuel Mallón (Espazo Gastronómico Remollo, Ames) ofrecerá un showcooking maridado con Tenreira Galega e Viños Galegos con DO, e ás 13:00 horas presentará unha sesión dedicada á artesanía alimentaria”.
E engadiu: “o sábado, 30 de agosto, as actividades retomaranse ás 11:00 horas cun almorzo de artesanía alimentaria, tamén da man de José Manuel Mallón. Ás 12:00 horas o público poderá gozar dunha nova demostración de cociña con Tenreira Galega e viños con denominación de orixe, e ás 13:00 horas terá lugar a cata-degustación de viños galegos con DO premiados nas Catas de Galicia 2024, conducida por Lucía Trelles, sumiller e copropietaria do restaurante El Oviedo (Ribadeo)”.
Cruzado Iglesias indicou: “as Experiencias de Calidade chegan a Ribadeo co obxectivo de achegar ao consumidor á riqueza e diversidade dos produtos galegos, impulsar a súa visibilidade e promover un consumo consciente e responsable. Ademais, esta programación pretende dinamizar os mercados locais, converténdoos en espazos de encontro e goce arredor da cultura gastronómica galega e facéndoos destacar como referente na venda de produtos de proximidade”.
Pérez Prada subliñou que “a iniciativa tamén busca reforzar as sinerxías entre o comercio local e a hostalaría, co obxectivo de que o Mercado de Abastos sexa un punto de referencia non só para a cidadanía, senón tamén para as empresas vencelladas ao mundo da gastronomía. Por último, pretende achegar a labor dos Centros Comerciais Abertos (CCA) á Prazas de Abastos, contribuíndo a reforzar e mellorar o traballo conxunto en beneficio da economía local. A actividade enmarcase nos DÍas de Sabor de Acisa Ribadeo, na súa programación especial O noso comercio é vida, vive Ribadeo, coa que colabora a Xunta de Galicia aportando esta iniciativa. Animamos a veciños, visitantes e amantes da boa mesa a participar nunha experiencia única arredor dos sabores de Galicia”.
Máis información en: www.experienciasdecalidade.gal
Semana multiaventura
Hoxe seguen en Ribadeo as actividades multiaventura organizadas por Acisa Ribadeo cun deslizador xigante, que estará situado na rúa Viejo Pancho de 18 a 21 horas, para facer as delicias dos máis valentes. Ten unha lonxitude de 100 metros. A instalación desta actividade ocasionará que estean cortadas ao tráfico as rúas Viejo Pancho, Antonio Otero e Muralla desde hoxe ás 14:00 horas ata mañá, día 29, ás 22:00 horas. Desde Acisa “pedimos disculpas polas molestias que poidan ocasionar esteas restricións no tráfico”. Tamén continúa o rocódromo en horario de mañá e de tarde no Parque de San Francisco, que onte foi escenario de inchables acuáticos terrestres e da festa da escuma, actividades das gozaron centos de nenas e nenos, que foron quen de ganarlle o pulso á chuvia que fixo acto de presenza en Ribadeo. Desde Acisa subliñaron que “a semana multiaventura está a ser un éxito de participación de nenas, nenos, mocidade e tamén adultos”.