A democracia liberal perdeu non só presenza cuantitativa no mundo nos últimos quince ou vinte anos, senón tamén calidade mesmo onde constitúe aínda o alicerce do sistema xurídico-político. Entón existía o autoritarismo de mercado dirixido polo Partido Comunista Chinés e a ditadura personalista do seu estado asociado (Corea do Norte), canda a teocracia iraniana, as monarquías feudais da península arábiga e do Golfo Pérsico e a ditadura cubana. Nestes últimos quince ou vinte anos a democracia na Federación rusa deixou paso, primeiro a un réxime híbrido e arestora xa a un sistema autoritario onde a oposición non ten xa posibilidade de competir electoralmente. O mesmo que está a pasar na república de El Salvador ou na Nicaragua de Ortega, mentres que na Turquía ou na Hungría os delongados mandatos de Erdovan e Orban enfebleceron as institucións democráticas, malia que a hibridación entre praxe autoritaria e institucións democráticas doentes poida ser alcumada autoritarismo competitivo, pois que aínda que a oposición poida competir nun país ou noutro de xeito moi desigual aínda é posíbel a alternancia, como acadou no 2023 na Polonia o primeiro ministro liberal D. Tusk.
Arestora a Unión Europea (hai quince anos a primeira potencia comercial do mundo) enfronta a realidade da súa falla de peso político que poida defender acaídamente o seu aínda importante, malia que minguante poder económico. Fronte á UE os autoritarismos ruso e chinés adoptan a fasquía de Imperios e os EUA (aínda primeira potencia militar e económica do mundo) transitan a correr, dende o comezo da segunda presidencia de Trump, este último xaneiro, cara ao autoritarismo competitivo e, no exterior, cara formas puramente imperiais e de confrontamento, liquidando a diplomacia, o diálogo e o soft power e destruíndo os sistemas de alianzas e equilibrios definidos dende a fin da segunda guerra mundial no 1945.
Un precedente indubidábel, no remate do primeiro mandato de Trump (xaneiro 2021) foi o cuestionamento dos resultados das eleccións presidenciais de 2020, culminando no asalto violento ao Capitolio o 6 de xaneiro de 2021. Un evento sen precedentes na historia moderna dos Estados Unidos que tivo como obxectivo impedir a transferencia pacífica do Poder. Un golpe de estado do que o Tribunal Supremo dos EUA (cunha maioría de seis maxistrados conservadores dos nove in office, deles tres nomeados no primeiro mandato de Trump) eximiu ao actual Presidente de toda responsabilidade, mentres el propio outorgaba o perdón presidencial aos condenados e deixaba sen efecto os procesos dos que ficaban pendentes de xuízo.
Mais dende o comezo do actual mandato (alicerzado nunha curta maioría na Cámara de Representantes e outra algo máis cómoda no Senado e na propia maioría abafante do Tribunal Supremo) as ordes executivas de Trump desenvolveron unha campaña policial para a expulsión de millóns de persoas residentes nos EUA, nalgúns casos, dende ducias de anos atrás, un programa de redución da Administración federal que despediu ducias de milleiros de empregados públicos liquidando programas esenciais para as persoas máis vulnerábeis, mentres a constante deslexitimación da América allea ao trumpismo MAGA (minorías racializadas, mulleres feministas, colectivos LGTB, Universidades, Partido Demócrata, opinadores, xornalistas, xuíces e avogados liberais e progresistas ) polariza a sociedade e a política e alcuma de antiamericanos á América non trumpista (arestora aínda maioritaria se acreditamos nas sondaxes deste verán).
Ao tempo, o cuestionamento da independencia xudicial e o desprezo polas normas legais e constitucionais tenden á concentración do poder e están a fanar o propio Estado de dereito, mentres unha ondada de autoritarismo populista percorre o país, baseada nunha retórica que apela directamente ao “pobo” fronte a elites percibidas como corruptas, xunto coa tendencia a concentrar o poder. Malia que algunhas ordes executivas foron suspendidas ou mesmo declaradas anticonstitucionais por varios tribunais federais a tendencia do Tribunal Supremo é de ratificar case toda caste de inconstitucionalidades.
Por outra banda, a difusión de noticias falsas ou teorías conspirativas e o ataque á prensa independente e liberal (considerada inimiga do pobo) como fonte de información fiabel está a limitar substancialmente a liberdade de expresión, mentres que a invasión dos espazos propios do control xudicial ou parlamentario deteriora substancialmente as institucións democráticas. Neste contexto, a profesora Lilian Bobea (Fitchburg State University, Massachusetts) prognostica que a deterioración das institucións democráticas norteamericanas non será doadamente reversíbel e pode requirir décadas e xeracións.
No cumio da UE e dos gobernos dos principais Estados Membros confían, polo menos, na perda da maioría trumpista na Cámara de Representantes nas eleccións de metade de mandato do outono de 2026. Mais algúns Estados con maioría conservadora, como Texas, están a aprobar lexislacións electorais que queren blindar esa maioría, mentres o amplo tecido empresarial, industrial, financeiro e tecnolóxico norteamericano semellan inertes, cando non pasivamente conformes, fronte esta derivas autoritaria, como se fose o único xeito co que os EUA poden combater a súa tendencia minguante.



















Era o único ocupante do turismo e os Bombeiros de Vilalba tiveron que excarceralo. Ao fío das 13:30 horas, un particular informou ao 112 Galicia dun coche que se saíra da vía e acabara batendo contra unha árbore no quilómetro 75 da N-640, en Ludrio (Castro de Rei). O propio alertador sinalou que o accidente semellaba grave polo estado no que quedara o vehículo. Cando chegaron ao lugar, os servizos de emerxencias confirmaron que só había unha persoa implicada,un home que resultou falecido e foi excarcerado polos bombeiros. No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
A alcaldesa Marta Rouco inaugurou a cita, que abriu coa IV Volta Ciclista á Terra Chá e cunha programación centrada na relación entre Galicia e Cuba e na memoria da emigración. Houbo unha mesa redonda sobre o Centro Galego da Habana, a exposición Galicia Imaxinada e música, ademais dunha mostra de xornais antigos. Rouco reivindicou a importancia de lembrar a emigración galega e apelou a mirar con humanidade as migracións actuais, destacando tamén o papel das asociacións culturais das parroquias na conservación das tradicións. A feira continúa con desfile de época, xantar popular, xogos, animación, baile cubano, foliada, queimada e propostas musicais e artesanais ata a noite.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Ocorreu minutos antes das 11:30 horas. Unha persoa foi trasladada ao hospital tras resultar ferida na colisión entre un coche e un autobús no quilómetro 512 da A-8 en sentido A Coruña, en Vilaframil (Ribadeo). Entre os alertadores estiveron as persoas que viaxaban no coche, que puideran saír do vehículo. Por outra banda, o autobús conseguiu deterse uns metros máis adiante. Ao punto desprazáronse Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da autovía.
O próximo luns 14 de setembro comeza un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.
Finalizado o encontro, de carácter privado, o Cónsul asinou no Libro de Ouro da Deputación e a Presidenta fíxolle entrega dun agasallo institucional. Trala xuntanza Carmela López manifestou a súa satisfacción porque “traballamos para avanzar en novas vías de colaboración, e en posibles proxectos que serven para reforzar a relación entre a Deputación e o veciño país de Portugal”.



