O grupo socialista esixe medidas a longo prazo que garantan unha atención sanitaria de calidade durante todo o ano
O Vicedo, 1 de agosto de 2025. O Grupo Municipal Socialista do Vicedo reuniuse este xoves cos máximos responsables da Área Sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, co obxectivo de abordar a inestabilidade do servizo médico no municipio, unha das principais preocupacións trasladadas pola veciñanza nas xornadas de escoita organizadas polo grupo.
Desde a agrupación explican que, tras completar a primeira rolda de encontros Escoitámosvos, “unha das preocupacións máis repetidas foi a falta de estabilidade do servizo médico no noso concello”. “Non dubidamos en chamar ás portas necesarias para buscar respostas a todas as preguntas da nosa veciñanza, porque mentres o noso alcalde só parece preocuparse polo verán, nós preocupámonos polo Vicedo todo o ano”, engadiron.
Na xuntanza, os representantes da Área Sanitaria, Ramón Ares Rico (Xerente), Fernando José Fernández Lamelo (Director Asistencial) e Jonathan Benxamín Grandío Gómez (Director de Atención Primaria), trasladaron ao grupo socialista que a situación actual no Vicedo é de tranquilidade, logo dun tempo complicado con anterioridade.
Desde o PSdeG do Vicedo explican que “insistimos en buscar medidas que dean estabilidade no tempo e que fagan do noso concello un destino atractivo para as e os médicos”.
“Con esta reunión demostramos que podemos estar da man da veciñanza nas manifestacións e, ao mesmo tempo, actuar con diálogo e responsabilidade como representantes políticos”, conclúen desde a agrupación.