Alfoz, 8 de agosto de 2025. Os Concellos de Alfoz e O Valadouro veñen de asinar un convenio de colaboración para levar a cabo a actividade “Noites de Campamento”, dirixida á mocidade de 13 a 17 anos e que se desenvolverá do 26 ao 28 de agosto no entorno do CEIP Castro de Ouro (Alfoz).
Esta iniciativa busca ofrecer unha experiencia única de convivencia, ocio e aprendizaxe en plena natureza, con actividades pensadas para fomentar a cooperación, a creatividade e o tempo libre saudable.
As inscricións estarán abertas do 11 ao 18 de agosto en cada concello. Cada municipio contará con 15 prazas dispoñibles, que se cubrirán por orde de inscrición. As persoas interesadas poderán anotarse a través da sede electrónica do seu concello ou de forma presencial nas oficinas de rexistro.
Con esta colaboración, ambos concellos reforzan a súa aposta pola programación de actividades conxuntas para a mocidade, aproveitando recursos e fomentando a unión entre comunidades veciñas.