Naturleite súmase ao pacto ambiental que promove o Executivo galego e reforza a súa aposta pola redución de emisións de CO2
Meira, 26 de setembro de 2025. A Xunta subliña que cada vez máis empresas comparten a necesidade sumar esforzos coa Administración e con outras organizacións sociais para, a través da Alianza Galega polo Clima, adoptar medidas e accións que contribúan a paliar o quecemento global e a camiñar cara unha transición ecolóxica que garanta unha Galicia máis sostible.
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e a directora xeral de Naturleite, María Jesús Peteira Quintas, asinaron hoxe en Meira (Lugo) a adhesión desta empresa de produción e envasado de leite á Alianza galega polo Clima, iniciativa autonómica que agrupa a axentes económicos e sociais comprometidos co medio ambiente e na redución das emisións de gases de efecto invernadoiro que inciden nun aumento das temperaturas do planeta.
A Alianza galega polo clima, á que se suman de xeito voluntario diferentes entidades públicas e privadas da comunidade, acadou a cifra de 229 integrantes. O dato mostra o compromiso do tecido empresarial, social e institucional por sumar esforzos e aproveitar sinerxías no obxectivo común de frear o cambio climático.
A incorporación á iniciativa autonómica polo clima posibilita que as entidades aliadas poidan participar en distintas actividades, entre elas, nun programa de mentoring no que as grandes empresas con experiencia guían a outras máis pequenas para que aprendan como avanzar no eido da descarbonización e a redución de gases.
A partir do exemplo que da Naturleite, Ángeles Vazquez eloxiou o esforzo a prol da sostibilidade que fan as empresas integradas no pacto impulsado pola Xunta para acadar “unha Galicia máis forte, verde es sostible”. Resaltou que, para afrontar este reto, a empresa leiteira coida especialmente aos gandeiros galegos que son os seus provedores, a calidade do produto e, tamén, está preocupada polo medio ambiente.
As políticas públicas teñen que ter en conta ás persoas e á economía, avogou a titular de Medio Ambiente. Asemade, lembrou que Galicia, grazas á cooperación da Administración e dos diferentes axentes, leva anos traballando e está a liderar a mitigación de emisións netas de gases de efecto invernadoiro (GEI). Reiterou que todos os esforzos están orientados a lograr o cumprimento de neutralidade climática no ano 2040, unha década antes do prazo fixado pola propia UE.
Visita ás instalacións de Meira
Por outra banda, a conselleira e a directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Paula Uría, aproveitaron a xornada para, da man do equipo directivo de Naturleite, coñecer a actividade que desenvolve esta empresa no eido da fabricación e comercialización de produtos lácteos e de leite fresco.
Responsables da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático e membros do Comité directivo da empresa fixeron un percorrido polas distintas estancias da planta de produción e envasado de leite, sita no polígono industrial de Xestur, na localidade lucense de Meira.
A empresa, pertencente ao grupo Cooperativa Ganadera del Valle de los Pedroches (COVAP) e proveedora de Mercadona, traballa con explotacións leiteiras da provincia de Lugo e a Coruña. Nos últimos anos, executou un forte investimento en tecnoloxía e, en concreto, apostou pola mellora da sostibilidade das súas instalacións para reducir o consumo de enerxía, gas e auga co reto de avanzar na redución das emisións de CO2.