A alcaldesa Mariña Gueimunde reiterou “que se está a actuar con total transparencia e instou a BNG e PSOE a que deixen de xerar confusión”
Viveiro, 18 de setembro de 2025. O Concello de Viveiro informa de que hoxe tivo lugar unha xunta de voceiros á que asistiron todas as formacións políticas. Foi convocada para dar conta da situación relativa ao vertido de purín rexistrado en xuño no río Landro. Na reunión déronse detalles dos informes solicitados á Policía Local, Protección Civil e á empresa concesionaria Viaqua, remitidos xa ao Seprona, así como do proceso en curso para coñecer as dilixencias xudiciais e que o Concello poida personarse nelas e facer as reclamacións pertinentes.
A alcaldesa Mariña Gueimunde reiterou que, desde o primeiro momento, «este Goberno actuou con total transparencia, ofrecendo información puntual á veciñanza e aos grupos que se interesaron, que, naquel fin de semana foron o PSOE e Por Viveiro; non así o BNG».
Explicou ademais que o executivo local «está á espera de coñecer as dilixencias previas xudiciais para poder reclamar os posibles danos ocasionados, sempre en coordinación co resto de organismos competentes».
Gueimunde lamentou a actitude do BNG e do PSOE, que continúan reclamando un pleno extraordinario. «Xa se explicou todo en agosto, volveuse explicar hoxe na xunta de voceiros, e seguiremos informando con claridade cando haxa novidades. O único que fan BNG e PSOE é enredar, marear á veciñanza e tratar de xerar confusión, cando saben que non hai nada que ocultar», subliñou a rexedora.