A Mariña 3 de setembro de 2025. Unha multitude de persoas achegáronse ao Centro de Saúde de Xove en demanda dunha atención sanitaria estable e de calidade, co cen por cen do persoal.
Ata hai uns meses o centro de saúde contaba con dúas médicas fixas que coñecían a todas e todos os pacientes polo seu nome e os seus antecedentes persoais ou a historia da súa enfermidade. Máis desde que unha delas se xubilou sen que fora substituída o pobo de Xove viviu de primeira man como se deixou de garantir a súa atención sanitaria. Unha soa profesional tivo que facerse cargo das urxencias do cupo da médica que non se substituiu, facendo un enorme esforzo e mesmo fora de horario. Desde a Xerencia da Área o único que se fixo foi repetir o mantra de que a asistencia sanitaria estaba garantida e reunirse cos alcaldes e alcaldesas do Partido Popular, entre eles ode Xove que se adicaron a lanzar falsidades para calmar o clamor social dunha comarca que está a sair á rúa masivamente en demanda de atención sanitaria.
“O pobo de Xove non tolera máis a desidia e a inacción da consellería e da xerencia, como demostraron coa recopilación de case setecentas sinaturas en demanda da cobertura da totalidade das prazas de facultativ@s”, sinala Montse Porteiro, coordinadora da plataforma sanitaria.
No transcurso da concentración o veciño de Xove e integrante da Plataforma Sanitaria da Mariña, Xosé Durán leu un manifesto e asegurou que todas e todos somos pacientes, tamén o alcalde ausente de Xove, o xerente da área sanitaria e o conselleiro de sanidade.