José María Fernández denuncia que ante un problema de funcionamento na torreta de Fornea o alcalde “só se preocupou por facer público o problema” en redes sociais en vez de “descolgar o teléfono para comunicar o problema e atopar unha solución”
Trabada, 3 de setembro de 2025. Dende o Grupo Municipal do PP de Trabada denuncian que ao alcalde “unicamente lle preocupa ser un populista en lugar de buscar solucións aos problemas” que afectan á veciñanza.
O voceiro municipal, José María Fernández, denuncia que Rubén García “onte só se preocupou” de facer unha publicación en redes sociais “para criticar a falta de funcionamento” da torreta de Fornea. “A realidade é que o alcalde en lugar de poñerse en contacto con Amtega o único que fixo foi criticar a situación en redes sociais”, ao que engade que “en canto tivemos coñecemento da situación, dende o PP de Trabada puxémonos en contacto coa Xunta e podemos asegurar que dende primeira hora desta mañá o problema está solucionado e o servizo restablecido”.
José María Fernández critica “o populismo” de Rubén García que “en lugar de preocuparse por buscar solucións aos problemas, emprega o seu tempo como alcalde en confrontar coa Xunta e buscar a forma de seguir a confrontar, en lugar de buscar camiños para colaborar e mellorar o día a día da veciñanza”.
“De feito, podemos confirmar que a primeira notificación do problema que tiveron en Amtega foi pola chamada que realizamos dende o PP de Trabada, porque o alcalde non comunicou nada aos responsables da torreta”, denunciou.
Finalmente, José María Fernández tamén quere recordar ao alcalde que “dende o Concello non fixo un esforzo como el asegura, senón que se fixo que se tiña que facer, ceder os terreos para que a Xunta de Galicia instalase esa torreta para mellorar as comunicacións en Fornea”.