Dende o Partido Popular lamentan “o autoritarismo” da señora López Moreno ao impoñer una reforma dunha rúa que provocará a perda de prazas de estacionamento e un “dano económico” a todos os comercios desta zona
Burela, 13 de setembro de 2025. Os concelleiros do Partido Popular de Burela reclaman ao goberno local “consenso” á hora de acometer as obras da rúa Curros Enríquez, que están a xerar moitas queixas entre veciños e comerciantes, xa que a humanización desta rúa provocará a perda de prazas de estacionamento e “segundo afirman os afectados un prexuízo económico aos negocios”.
Os populares explican que as obras que se están a realizar na rúa Curros Enríquez traen de cabeza aos veciños e veciñas desta zona e das rúas da contorna.
Dende o Partido Popular de Burela “temos que facernos eco destas queixas” porque á realidade é que unha vez máis “queda en evidencia a incapacidade do goberno local de Burela”, liderado pola señora López Moreno, para poder desenvolver calquera proxecto con consenso. “Unicamente saben impoñer, algo que é evidente dende o inicio do mandato”, critican.
Dende o Grupo Municipal do Partido Popular de Burela xa denunciamos as numerosas irregularidades ou ilegalidades que a señora López Moreno está a cometer ou a permitir e, nesta ocasión “temos que lamentar a ausencia do cartel preceptivo indicativo da obra que se está a realizar nesta céntrica rúa de Burela, un suma e segue que se engade a outras xa denunciadas e que evidencian que a alcaldesa de Burela pensa que están por enriba do ben e do mal”.
MINIMIZAR AS MOLESTIAS
Dende o PP de Burela “somos conscientes de que toda obra leva parello unha serie de molestias, pero as autoridades locais deben de encargarse de minimizar estas molestias, pero lonxe de minimizalo semella que queren aumentalo ao carecer a obra de calquera tipo de información para facer, por exemplo, máis sinxela a mobilidade aos veciños.
Unha falta de información que “xera moitas críticas entre os veciños” que descoñecían a intención de humanizar esta rúa, perdendo prazas de aparcamento “unha dinámica na que está inmersa a señora López Moreno dende que aprobou o seu plan de mobilidade, co beneplácito dos seus consentidores do BNG”.
Tamén amosaron o seu malestar dende o comercio local que denuncian que se leva adiante unha nova obra sen ningún tipo de consenso, “algo que din afectará ao seu volume de vendas, provocando un dano económico aos negocios”.
Para os concelleiros populares “o goberno local ten que ter moita máis humildade da mostrada ata agora e sentarse cos veciños e comerciantes para consensuar os traballos e minimizar os danos que provocará a perda de prazas de aparcamento no día a día desta zona”.