Lugo, 16 de setembro 2025. O PSdeG-PSOE na provincia de Lugo condena con firmeza o ataque sufrido contra a súa sede provincial, que apareceu cunha pintada ofensiva no portal. Os socialistas cualifican este feito como un “atentado contra a liberdade política e de expresión” e xa presentaron a correspondente denuncia ante a Policía Nacional.
Na pintada podía lerse “Rojos de mierda”, unha mensaxe que, segundo denuncian os socialistas, busca sementar odio e intimidación contra quen defende ideas progresistas.
A Secretaria de Organización provincial, Pilar García Porto, advirte que “estes feitos son o eco dos argumentarios da dereita e da extrema dereita, unha mostra de violencia democrática que sufrimos e que condenamos con absoluta rotundidade. Non falamos só de violencia física, tamén da verbal e simbólica, como estas pintadas, que pretenden sementar odio e reproducen a mensaxe radical da ultradereita”.
Do mesmo xeito, os socialistas engaden que “estes actos evidencian a covardía de quen os comete, porque actúan ao amparo do anonimato. Non dan a cara para defender os seus argumentos en política e recorren a pintadas absurdas. Só saben empregar a violencia como modo de expresión”.
García Porto lembra que “non é a primeira vez que isto sucede. Rexeitamos ás persoas que o fixeron, porque representan unha actitude e un comportamento que nada teñen que ver co diálogo nin co respecto político. Non é o tipo de política que defendemos nin a que queremos para o noso país”.
Desde a dirección provincial socialista subliñan que o PSOE é “o partido de maior historia deste país, con máis de 140 anos de traxectoria ao servizo da cidadanía, comprometido coa defensa da liberdade, da convivencia e do respecto fronte a quen pretende impor o insulto, a crispación e a intolerancia”.
“A nosa resposta sempre será máis democracia, máis diálogo e máis compromiso coa sociedade”, conclúe a responsable socialista.