O Presidente da institución provincial garante a continuidade destas dúas citas viveirenses que “son estratéxicas, que atraen cada ano a milleiros de visitantes e que teñen un notable impacto económico en toda a comarca da Mariña”
Lugo, 1 de outubro de 2025. A Deputación de Lugo confirma que manterá o seu apoio ao Belén con figuras a tamaño real Viveiro Ante o Berce e á Semana Santa, dúas citas fundamentais para o desenvolvemento cultural, social, turístico e económico da cidade do Landro e da Mariña lucense.
Este respaldo da institución provincial é froito das xestións realizadas pola asesora de Presidencia, María Loureiro, quen mantivo diferentes encontros co Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, para garantir a continuidade de dous apoios estratéxicos que atraen cada ano a milleiros de visitantes e que teñen un notable impacto económico na comarca.
“Ambas citas supoñen un motor económico para o municipio e para a súa contorna, cun retorno directo nos sectores da hostalaría, do comercio e dos servizos. O apoio da Deputación de Lugo a estas dúas citas está máis que xustificado, porque representan unha tradición, un patrimonio cultural e tamén un motor económico para toda a provincia. O noso compromiso con Viveiro e coa Mariña segue intacto”, afirma o mandatario provincial.
Procedemento ordinario para a concesión de axudas
A Deputación lembra que, tal e como acontece con calquera outro Concello da provincia, será o Concello de Viveiro quen deba solicitar oficialmente estas achegas, acompañando a petición cunha memoria detallada de necesidades. Este trámite é imprescindible para que a institución provincial poida avaliar e tramitar as axudas de forma transparente, rigorosa e conforme á normativa vixente.
Dúas citas importantes
A Semana Santa de Viveiro, declarada no ano 2013 Festa de Interese Turístico Internacional, está considerada como unha das celebracións relixiosas máis importantes e antigas de Galicia, coa participación de numerosos pasos de grande valor artístico, como a Última Cea (1808), o Encontro, o Vía Crucis ou a procesión da Soidade, coñecida como a dos Caladiños.
Pola súa banda, o Belén con figuras a tamaño real Viveiro ante o Berce conta cun centenar de imaxes a tamaño real, incluíndo animais e estruturas coas que se recrean escenas do nacemento e tamén da vida cotiá dunha vila tradicional. Destaca pola beleza das súas pezas, pola súa magnitude e por estar instalado no casco histórico de Viveiro, converténdose nun dos grandes reclamos turísticos do Nadal en Galicia.