Ribadeo, 2 de outubro de 2025. Acisa Ribadeo celebrará a súa XI Gala Anual o vindeiro 19 de outubro. A cita servirá para conmemorar o seu 36 aniversario e para entregar varios galardóns: ao relevo xeracional, ao negocio emblemático, ao compromiso coa vida empresarial, a toda unha carreira e ao ribadense do ano.
A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, explicou que “na asemblea extraordinaria, que tivemos onte anunciamos a celebración da Gala Anual de Acisa Ribadeo. Consideramos importante esta cita, consolidada xa, como un punto de encontro entre o empresariado ribadense. Polo tanto, podemos xa anunciar oficialmente a celebración da XI Gala de Acisa Ribadeo – 36º Aniversario, que será o 19 de outubro. Deste xeito pretendemos reafirmar o noso compromiso coas nosas asociadas e asociados, os lazos empresariais, así como o intercambio de opinións, experiencias… por elo animamos a todo empresariado asociado e tamén ao non asociado a que poidan asistir e así compartir todos xuntos esta velada”.
Pola súa banda, Jesús Pérez, xerente de ACISA Ribadeo, contou que “a Gala terá lugar no Parador de Turismo ás 20:00 horas. O prezo da entrada será de 45 euros e as tarxetas poderán adquirise a partir do 3 de outubro, é dicir desde mañá, nas nosas oficinas situadas na rúa San Roque 57 – baixo”.
Cruzado Iglesias anunciou que “nesta XI Gala de Acisa Ribadeo esta directiva decidiu, non so entregar galardóns xa históricos se non engadir novas categorías, sendo nesta ocasión 5 as que entregaremos. En primeiro lugar, nunha categoría que estreamos o pasado ano, entregaremos o galardón en recoñecemento ao relevo xeracional a Josefa Abelleira Barreiro e César López Abelleira, que son nai e fillo, primeira e segundo propietarios de Gasolineira El Jardín / Gasóleos Abelleira, establecementos que seguen abertos grazas ao relevo xeracional familiar. En segundo lugar, acordamos conceder o galardón ao recoñecemento como negocio emblemático de Ribadeo, tamén creado o pasado ano, a Bis a Bis, en recoñecemento á súa traxectoria como local que fixo historia en Ribadeo, tras 40 anos de vida. Un novo galardón este ano é o de recoñecemento á vida empresarial, que recae en Juan Antonio Fernandez Andina, recentemente xubilado, polos seus anos á fronte de dous coñecidos negocios como foron Eureka Kids e R23 e especialmente a o seu compromiso como membro activo de Acisa Ribadeo e de varias das súas directivas. Un galardón histórico, como é e de recoñecemento a toda unha carreira, que este ano recae en María del Carmen Mon Bellón, pola súa xubilación, tras unha carreira profesional dedicada ao comercio local á fronte da súa histórica tenda Pequerrechos. E por último, concederemos o galardón como ribadense do ano ao xornalista Fabián Pérez Rego, pola súa traxectoria profesional en medios de comunicación estatais, por presumir de Ribadeo e ribadense aló por onde vai e pola súa boa disposición a colaborar coas iniciativas de promoción este municipio”.
Carmen Cruzado subliñou que “en Ribadeo hai máis negocios emblemáticos, hai máis relevo xeracional e hai máis persoas que poderían ser as ribadenses do ano. Neste 2025 eliximos estas e en vindeiras edicións serán outras as receptoras destes galardóns de Acisa, tal e como se veu facendo desde que celebramos a nosa Gala anual”.
Esta XI Gala Anual de Acisa Ribadeo conta co patrocinio principal de BeOne, así como de Gestión Gratelu, Talleres Cardi, Mariña Asesores, Limpezas lema, Iriarte Artes Gráficas, Kids & Us, Mariscos Ribadeo, Restaurante Marinero, Industrias Anel e Atleet Ribadeo. Ademais conta coa colaboración da Xunta de Galicia e do Concello de Ribadeo, do Parador de Ribadeo, de Aquí Diario e de Discosta Norte. “A todos eles queremos mostrarlles o noso profundo agradecemento, por colaborar con nos, e queremos amosar o noso agrado ao ver como tantas empresas creen no bo traballo e na boa imaxe de Acisa e están dispostos sempre a colaborar con nos. Moitas grazas a todas estas firmas polo seu apoio”, indicou Carmen Cruzado.





















Ocorreu pasadas as 15:30 horas. Un traballador tivo que ser evacuado ao hospital logo de caerlle o tronco dunha árbore enriba mentres realizaba tarefas no monte en Cervo. Aínda que estaba liberado e consciente, precisaba asistencia sanitaria. Os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 trasladárono finalmente ao Hospital de Burela. Neste operativo tamén participaron a Garda Civil e a Policía Local de Cervo.
Subliñou o traballo colectivo, o papel do voluntariado e a participación de arredor de mil corredores. Tamén puxo en valor o impacto económico e social da proba e o apoio institucional que permite o seu crecemento, incluída a difusión en streaming que levou a CAMOVI e a Viveiro a todo o mundo.
O presidente, José Manuel Gómez Puente, destacou o bo tempo e o reencontro do grupo nun percorrido de 22 km entre Pedrafita e Triacastela. A próxima etapa será o 1 de maio, entre Triacastela e Sarria, e xa está aberta a inscrición no teléfono 623 22 68 25.
Ás doce en punto, tres foguetes —un por cada palabra do nome oficial— foron lanzados desde O Castrodouro, capital histórica do termo municipal e orixe da localidade, pois alí, hai 806 anos, Afonso IX concedeu o título de vila e todo un distrito que administrar; episodio histórico do que deriva o nome do concello. Os veciños reunidos mostraron a súa satisfacción pola recuperación da denominación histórica, afirmando moitos deles que nunca deixaran de empregar o nome completo. Do mesmo xeito, os maiores agradeceron aos impulsores da iniciativa a restitución do topónimo que a historia legou ao municipio alfocés.
Viveiro, 20 de abril, 2026. A proba volveu converter Viveiro nun punto destacado do deporte e da convivencia, ademais de supoñer un impulso económico para o municipio. María Loureiro destacou que a Camovi “é un exemplo de colaboración e esforzo colectivo, que sitúa Viveiro no mapa e dinamiza a economía local”. O Partido Socialista lembra o seu apoio histórico á carreira e reafirma o seu compromiso para seguir contribuíndo ao seu crecemento. O PSOE agradece tamén á veciñanza a súa acollida e implicación, fundamentais para que o evento continúe medrando ano tras ano.
Castro destacou o labor da Asociación e o potencial da tradición do ferro como motor económico, social e cultural para Riotorto, subliñando a importancia de impulsar iniciativas que garantan futuro para estes oficios. A Deputación de Lugo mantén unha colaboración estable coa entidade, cunha achega de 14.000 euros. No marco deste apoio, a Asociación avanzou na documentación dos oficios do ferro, catalogando ferramentas, técnicas e a historia das antigas “ferrerías de monte”.
O responsable provincial destacou "o traballo realizado pola organización ao longo destes anos para consolidar unha proba deportiva de primeiro nivel, que atrae tanto deportistas do máximo nivel competitivo como participación popular"



