O pleno deixou sen resposta problemas estruturais como a calidade da auga, a apertura do centro de día e a falta de información á veciñanza sobre proxectos industriais
Xove, 22 de decembro de 2025. O Grupo Municipal Socialista de Xove alerta de que o último pleno ordinario do ano serviu para constatar, unha vez máis, a falta de iniciativa do goberno municipal do PP, nunha sesión na que se adoptaron decisións que avanzan na privatización de servizos públicos e na que quedaron sen resposta problemas estruturais que afectan ao día a día da veciñanza.
Un dos asuntos máis relevantes foi a aprobación definitiva da extinción do servizo público de Ximnasia Rítmica, que deixa de prestarse como actividade municipal para pasar a mans dunha entidade privada. O grupo socialista votou en contra ao entender que se trata de “deixar de ofrecer un servizo público para privatizalo”, unha práctica que “se está a consolidar como a liña de actuación do goberno local”.
Desde a formación lembran que xa no pleno de setembro advertiran de que o PP avanzaba nesta dirección, optando por suprimir este servizo municipal para entregalo a unha entidade privada mediante subvención directa, sen concurso público nin garantías de transparencia. “É unha forma de gobernar baseada nas decisións a dedo e afastada dunha xestión pública pensada para o interese xeral”, subliñan.
No apartado de preguntas de control ao goberno, a sesión volveu poñer de manifesto a ausencia de respostas en asuntos que levan anos pendentes. No relativo á calidade da auga, lembran que levan meses denunciando que chega ás vivendas “en condicións moi deficientes, máis parecidas ao barro ca a un servizo potable”, unha situación que se repite cando se producen choivas intensas. No pleno, o goberno limitouse novamente a ofrecer escusas “sen asumir a necesidade dunha actuación estrutural”.
O alcalde fixo referencia a medidas como o cambio de filtros ou a limpeza de depósitos, actuacións que desde o grupo socialista consideran simple mantemento. “Iso non é investir nin modernizar unha traída obsoleta, é facer o mínimo para que todo siga igual”, advirten, lembrando que non existe ningunha previsión de investimento nin nos orzamentos municipais nin nos da Xunta para 2026.
Tampouco se produciron avances na posta en marcha do centro de día, unha infraestrutura reclamada dende hai tempo polos socialistas e pola veciñanza. Segundo explican, o alcalde volveu evitar dar prazos, chegando incluso a restarlle importancia á situación das persoas maiores que se reúnen nunha marquesiña por non contar cun espazo adecuado. “É unha mostra máis da desconexión do goberno local coa realidade social do concello”, sinalan.
En relación coa charla informativa sobre a ampliación do encoro de lodos de Alcoa, o PSdeG critica que o goberno municipal considere que só afecta á parroquia de Morás e que, por tanto, só informase a esa zona. “Segundo o alcalde, os veciños de Lago, Súmoas ou Portocelo, que viven ao lado, non teñen dereito a estar informados. Esta é a maneira de gobernar do PP: dividir á veciñanza”, denuncian, lembrando as queixas recibidas por parte de veciños que non foron avisados.
Para os socialistas, o balance do último pleno do ano confirma unha forma de gobernar baseada nas escusas, na falta de acción e de propostas para mellorar Xove. “O PP remata 2025 como o comezou: sen resolver problemas, sen planificación e sen asumir responsabilidades”, indican, lembrando que esta dinámica xa se manifestou noutros asuntos recentes, como no caso da vivenda ocupada, no que o goberno local “optou polo ruído e a confrontación mediática, en lugar de aplicar a lei e traballar con seriedade para dar unha solución efectiva”.
Desde o PSdeG-PSOE de Xove conclúen que o concello pecha o ano cun goberno municipal “sen iniciativa nin proxecto de futuro”. “Xove non pode permitirse seguir perdendo tempo. Imos seguir defendendo os servizos públicos, dando voz á veciñanza e construíndo unha alternativa seria para que o municipio avance dunha vez por todas”, conclúen.




















O programa inclúe inscricións, concertos, exhibicións, rutas e exposición de vehículos. Con motivo do evento, haberá cambios temporais de tráfico no casco urbano, con prohibicións de circulación e estacionamento en varias rúas e modificacións de sentido. O Concello pide á veciñanza que respecte a sinalización para garantir o correcto desenvolvemento das actividades.
A piscina abrirá de luns a venres de 8:30 a 13:00 e de 15:30 a 22:00, e os sábados de 8:30 a 14:30. O ximnasio manterá horario continuo de luns a venres, de 8:30 a 22:00, e os sábados de 8:30 a 14:30. A tempada arrinca tras diversas melloras nas instalacións, entre elas a renovación da cuberta do polideportivo, cun investimento de 195.000 euros, así como a substitución de portas de emerxencia, a intervención en pontóns das piscinas e o cambio das huellas de volteo. O Concello continúa así reforzando o mantemento e a seguridade dun complexo utilizado diariamente por numerosos veciños e deportistas.
Este luns, 14 de setembro, visitaron Mondoñedo, a Praia das Catedrais e Santa Cruz. A viaxe evocou as lecturas de Cunqueiro e as súas Crónicas do sochantre, nun percorrido que incluíu a catedral mindoniense e o barrio dos Muíños, ademais da emblemática praia de Augas Santas. Pola tarde participaron nunha exhibición de billarda grazas á estimable colaboración dos billardeiros da comarca. O martes partiron de regreso a Loktudi.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asistiu á ofrenda da Virxe dos Remedios en Mondoñedo.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Este luns, 14 de setembro, deu comezo un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.



