A Xunta de Goberno adxudicou o acondicionamento de seis vías provinciais ao seu paso polo concellos de Portomarín, Ribeira de Piquín, Sober e Xove, así como o contrato de conservación da rede viaria provincial que afecta a catro municipios da Montaña
Lugo, 13 de febreiro de 2026. A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou investimentos por case 2,5M€ para continuar mellorando a mobilidade da provincia. Concretamente, inclúense varios proxectos para realizar arranxos en seis estradas provinciais ao seu paso polos concellos de Portomarín, Ribeira de Piquín, Sober e Xove; así como a adxudicación do contrato de conservación e mantemento da rede viaria provincial que afecta a catro municipios da Montaña Lucense. Así o detallou o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, tras a reunión deste venres.
En materia de mobilidade, a institución provincial vén de adxudicar as seguintes obras:
– En Portomarín adxudicouse por 237.958,52€ á empresa Construcciones y Obras Taboada Ramos SLU os traballos de mellora de algo máis de 10,65 quilómetros da estrada que conecta este concello e Taboada: a LU-P-4905. O prazo de execución será dun mes e medio e os traballos, que afectarán á vía en todo o termo municipal de Portomarín –desde o inicio da estrada ao punto quilométrico 10,625-, consistirán na reapertura de cunetas, no saneo da explanada e na pavimentación.
Rivera Capón recordou que “este é o segundo tramo da vía que imos mellorar, porque tamén se vai arranxar outro treito -do punto 10,65 ao 24,631- cun investimento de 200.000€. Polo que tras a execución de ambos proxectos a estrada quedará renovada na súa totalidade”.
– En Ribeira de Piquín adxudicouse por 189.587,64€ á empresa Ovisa Pavimentos y Obras SLU o proxecto de rehabilitación dun tramo de algo máis de 3 quilómetros ao final da LU-P-4802, que é a estrada que conecta a Pontenova con este concello da Montaña, desde Santalla a Ponte Soutelo. Os traballos, que contan cun prazo de execución dun mes e medio, afectarán ao treito comprendido entre o punto quilométrico 19,7 e o 23. “Unha actuación que consistirá na reapertura de cunetas, execución dunha escollera, pavimentación con aglomerado en quente e sinalización horizontal e vertical”. Fixo especial fincapé na importancia destes traballos “porque esta estrada conecta as comarcas da Mariña e da Montaña, artellando as parroquias situadas no corazón do val do Eo. Unha zona que ten un alto valor natural e paisaxístico”.
– En Sober adxudicouse á empresa Fevisa Vías y Obras SL a mellora de sete quilómetros ao inicio da LU-P-5903, que é a estrada que conecta este municipio con Doade “unha vía fundamental para a Ribeira Sacra polo que supón tanto para o turismo como para o sector vitivinícola”.
Concretamente, cun prazo de execución de 2 meses, rehabilitarase o primeiro tramo da vía: desde o quilómetro 1,3 ao 8. Os traballos consistirán na reapertura de cunetas, saneo da explanada, reparación de desperfectos e repavimentación. Avanzou o Deputado Provincial que estas obras “terán un impacto moi importante, porque esta vía dá acceso a miradoiros, bodegas e explotacións de viño, sendo unha infraestrutura clave para o desenvolvemento da economía local. En base a esa importancia, levamos investidos máis de 700.000€ nesta estrada nos últimos seis anos”.
– En Xove adxudicouse á empresa José No Mantiñán e Hijos Construcciones SA por 810.216€ as obras de mellora de 3 vías provinciais ao seu paso por este concello mariñán. Este proxecto enmárcase dentro do convenio de colaboración asinado pola Deputación de Lugo con este municipio para cederlle as 10 estradas de titularidade provincial. Neste acordo, a institución provincial comprometíase a mellorar 4 destas vías antes de traspasalas definitivamente. Neste contexto, hoxe adxudicáronse as seguintes:
Na LU-P-2601, a vía que une a autonómica LU-862 co Portiño de Morás, arranxarase un treito de algo máis de 2 quilómetros -do 2,850 ao 5,285-, quedando así acondicionada practicamente a totalidade da estrada.
Na LU-P-2604, que vai da autonómica LU-862 ata Valcarria por Monte, mellorarase un tramo de algo máis de 3 quilómetros desde o inicio da vía -do 0 ao 3,140-.
E na LU-P-2605, entre A Tronca e Tarolo por Vila, os traballos realizaranse nun tramo de case 3 quilómetros tamén desde o comezo da estrada -do 0 ao 2,700.
As obras que se van acometer nestas vías son: a reapertura de cunetas, a pavimentación con aglomerado en quente e a sinalización horizontal e vertical. Unha vez se inicien os traballos o prazo de execución será de 6 meses.
Contrato de conservación e mantemento da zona 5
O último acordo que se aprobou en materia de mobilidade foi a adxudicación á empresa Construcciones Carballeira SL por un importe de 1.015.852,61€ do contrato de conservación e mantemento da zona 5 da rede viaria provincial que conforman os concellos da Montaña Lucense de A Fonsagrada, Negueira de Muñiz, Ribeira de Piquín e Navia de Suarna. Este contrato, no que se inclúen as actuacións correspondentes de conservación e mantemento desta zona, conta cunha duración de dous anos e poderá prorrogarse por outro ano máis.
Aprobadas dúas listaxes de emprego
Por último, na reunión desta mañá a Deputación de Lugo aprobou a convocatoria e as bases para dúas listaxes de emprego de administrativo e de técnico de xestión para cubrir necesidades de persoal en diferentes servizos da institución provincial. Nos vindeiros días sairán publicadas no Boletín Oficial da Provincia.






















Trátase de dous MG ZS Hybrid+ Comfort, equipados coa tecnoloxía híbrida autorrecargable Hybrid+, que permite combinar eficiencia e un menor consumo no uso habitual. Segundo os datos do fabricante para este modelo, presenta unhas emisións de entre 113 e 115 g/km de CO₂ e un consumo de combustible de entre 5 e 5,1 litros aos 100 quilómetros, segundo o ciclo WLTP. A adquisición supuxo un investimento de 51.848,50 euros, IVE incluído, financiado a través do Fondo de Compensación Ambiental correspondente ao ano 2026.
Conta con arredor de 90 expositores provintes de todos os puntos tanto de Galicia coma do resto de España e de varias partes do mundo, que exhibirán as súas pezas de tornería en madeira. Tamén acolle a XVIII edición da Exposición CONtornos. Entre os participantes, destaca a presencia dun expositor provinte da cidade arxentina de Córdoba, así coma outros de Reino Unido, Francia e Portugal. Estímase que ata o domingo se acheguen a esta mostra internacional uns 5.000 visitantes, principalmente provintes de toda Galicia e tamén de Portugal.
O horario será o seguinte: Martes, 20 de outubro: de 9:00 a 13:30 horas e de 15:15 a 18:00 horas. Mércores, 21 de outubro: de 9:00 a 13:30 horas. As persoas interesadas poden solicitar cita previa a través do teléfono 981 92 80 80 ou da páxina web
A competición celebrarase entre o 24 e o 27 de setembro en Las Vegas, e Julia Cabarcos emprenderá esta mesma tarde a viaxe cara aos Estados Unidos para afrontar a súa participación na categoría Women's Physique.
O programa inclúe inscricións, concertos, exhibicións, rutas e exposición de vehículos. Con motivo do evento, haberá cambios temporais de tráfico no casco urbano, con prohibicións de circulación e estacionamento en varias rúas e modificacións de sentido. O Concello pide á veciñanza que respecte a sinalización para garantir o correcto desenvolvemento das actividades.
Este luns, 14 de setembro, visitaron Mondoñedo, a Praia das Catedrais e Santa Cruz. A viaxe evocou as lecturas de Cunqueiro e as súas Crónicas do sochantre, nun percorrido que incluíu a catedral mindoniense e o barrio dos Muíños, ademais da emblemática praia de Augas Santas. Pola tarde participaron nunha exhibición de billarda grazas á estimable colaboración dos billardeiros da comarca. O martes partiron de regreso a Loktudi.
A programación arrancará de 13:00 a 15:00 horas cos pinchos de benvida e unha sesión vermú a cargo do DJ Peabody. A continuación, de 15:00 a 17:00 horas, terá lugar a comida na Finca San Antonio, cun menú composto por salpicón de rape e langostinos, codillo con patacas, pan, postre, café, chupito e bebida incluída. Os tickets teñen un prezo de 40 euros e poden adquirirse en O Rincón, Confitería Alianza, Comercial Anjor e Perruquería Oriola; os menores de 5 anos asistirán de balde e os de 6 a 10 anos contan cun desconto do 50 %. Xa a partires das 18.30 horas haberá sesión de música con Toxo Guayaba.



