“As industrias lácteas deben reconsiderar a súa postura de cara á inminente renovación de contratos, pois unha baixada de prezo desencadearía unha baixada drástica da produción de leite”, afirma Noelia Rodríguez
Lugo, 11 de marzo 2026. A asociación de gandeiros e gandeiras Agromuralla, que reúne a 400 produtores de toda Galicia, fai un chamamento á “responsabilidade” das industrias leiteiras ás portas da inminente renovación de contratos, que vencen na maioría dos casos o día 31 deste mes.
Agromuralla califica de “temeraria” a postura das empresas de aplicar baixadas no prezo cobrado actualmente polas explotacións, tendo en conta “o repentino encarecemento de custos de produción que están a sufrir as granxas como consecuencia da guerra en Irán”.
A presidenta de Agromuralla, Noelia Rodríguez, explica que “desde que comezou o ataque de EEUU e Israel os prezos do gasóleo agrícola disparáronse, superando neste momento 1,5 euros o litro”. Esta situación chega nun momento no que está a piques de comezar a campaña agrícola, co abonado das fincas de herba e o posterior ensilado.
Do mesmo xeito, tamén se disparou o prezo dos fertilizantes, que dependen nalgún caso directamente do prezo do petróleo e o gas natural para a súa fabricación, e que xa experimentaran un encarecemento desde comezos de ano como consecuencia da decisión da UE de aplicar o chamado Mecanismo de Axuste de Carbono en Fronteira. Agora, debido ao estalido bélico, non está garantido o subministro dalgúns abonos, poñendo en risco a produción forraxeira das granxas, tanto de herba como de millo.
Á suba do gasóleo e os fertilizantes, engádese a suba da luz, os plásticos e os pensos, o que vai provocar de xeito inmediato un incremento dos custos de produción das explotacións que Agromuralla cifra nun 20%, semellante ao vivido no ano 2022 co estalido da guerra en Ucraína.
Renovación inminente dos contratos do leite
Este incremento de custos das explotacións prodúcese a piques de que se inicie a renovación de contratos de compra-venda do leite, que finalizan na maioría dos casos este 31 de marzo. As ofertas enviadas polas industrias fai un mes recollían “baixadas desproporcionadas e inasumibles de até 9 céntimos en litro que non se axustan á realidade do mercado e non teñen en conta o incremento de custos provocado pola guerra”, asegura Noelia Rodríguez.
Por iso, Agromuralla pide ás empresas que reconsideren a súa postura, repercutindo no prezo do leite o incremento de custos de produción que están a sufrir as granxas. Do contrario, advirten, “os contratos serían ilegais”, pois non está permitido legalmente traballar a perdas.
A entidade máis representativa do sector produtor de leite na comunidade agarda que as industrias reconsideren a súa postura nos vindeiros días, pois “estarían poñendo en risco o subministro de leite e o abastecemento á poboación”. “Unha caída de prezos a partir de abril desencadearía un descenso da produción de leite e aceleraría o peche de granxas”, alerta a presidenta de Agromuralla. “Neste momento as vacas de carne manteñen prezos altos e moitas explotacións optarán por enviar vacas a matadoiro antes que ter que producir por debaixo de custos”, explica.
O risco de que a dermatose chege a Galicia
Ao factor do prezo e do incremento de custos de produción engádese ademais a “ameaza” que supón para o sector o avance da Dermatose Nodular Contaxiosa. A enfermidade detectada a finais do 2025 en Cataluña saltou xa a Aragón e prosegue o seu avance cara ás principais zonas leiteiras da cornixa cantábrica. “De chegar a Galicia sería a ruína para o sector”, advirte Agromuralla.
Noelia Rodríguez califica de “risco certo” esta posibilidade, polo que considera “unha temeridade e un acto suicida” a intención inicial das industrias leiteiras de baixar prezos. Do mesmo xeito, Agromuralla esixe á conselleira do Medio Rural, María José Gómez, “un pronunciamento claro e directo en defensa do sector e en contra da baixada de prezos por parte das industrias, máxime, ante a suba desmesurada dos custes de produción”.


















O Concello destaca a oportunidade que supón para impulsar a hostalaría local e felicita ás persoas galardoadas pola súa contribución á gastronomía asturiana.
A continuación, as persoas que desexen continuar a conversa e compartir un tempo de convivencia poderán anotarse á comida que se celebrará na Casa da Penela.
Pasados dez minutos das 15 horas deste martes, un particular alertou ao 112 Galicia dun coche envorcado fóra da vía en San Martiño de Ferreiros, Pol. Aconteceu no quilómetro 3 da LU-750, e a única persoa implicada permanecía atrapada no interior. De inmediato, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias activouse un operativo no que participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, os Bombeiros de Vilalba, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da estrada. Os bombeiros actuaron para liberar á persoa, que foi evacuada en ambulancia polos profesionais sanitarios desprazados ata o lugar.
Unha comedia orientada para público infantil escrita e dirixida por Bea Campos. Hora: 18h.
O investigador achegarase a Ribadeo para falar sobre Urraca, considerada por moitos a emperatriz de todos os galegos e galegas. A entidade xa coñece o bo facer de Picallo, pois en anteriores ocasións participou como ilustrador nas presentacións das novelas Ao sur da liberdade e Entre a vontade e o destino, de Xosé Henrique Costas, deixando unha excelente impresión. Nesta ocasión, o público poderá escoitar ao Picallo historiador, que achegará novos datos sobre o reino de Galiza, unha realidade histórica que durante anos permaneceu agochada e que hoxe se recupera grazas a publicacións e investigacións como a súa.
Ofreceranse as seguintes modalidades e horarios: adestramento de forza/funcional os luns e mércores ás 9.00 horas; pilates os luns e mércores ás 11.00 horas; e TRX os martes e xoves ás 9.00 horas. A inscrición e a información sobre estes cursos realizarase na recepción da Piscina Municipal. Ademais, durante este mes habilítase a opción de proba gratuíta.



