Propón unha empresa pública de enerxía, un fondo soberano para apoiar sectores estratéxicos e vincular os novos eólicos a proxectos industriais
Santiago de Compostela, 11 marzo 2026. A portavoz nacional, Ana Pontón, criticou ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que non teña máis política industrial que “a carta contaminada” de Altri, a única carta que xogou e que perdeu, “derrotado pola cidadanía galega”.
Pontón preguntou na sesión de control a Rueda polos investimentos por valor de 3.000 millóns de euros no sector industrial que prometera no seu discurso de investidura. “Onde están eses supostos proxectos estratéxicos da súa suposta política industrial?”, cuestionoulle sen obter resposta.
“Detrás da súa propaganda o único que queda é o gran fiasco de Altri”, recriminou ao titular do Executivo, ao que acusou de ser un “mal perdedor” que, logo da súa derrota coa macrocelulosa, “agora pretende vingarse vetando a proposta do BNG para vicevaledor do Pobo”, demostrando de paso que “a súa palabra non vale nada”.
A líder nacionalista cuestionou a Rueda se o que lle molestaba da proposta do Bloque para o posto é que se trata dun xurista que defende a legalidade, mentres el “se salta a lei para beneficiar a Altri” ou que defenda o medio ambiente e o territorio fronte á “barra libre para contaminar” do Goberno do PP.
“Veta a quen defende a lei, o noso territorio e o noso medio ambiente, todo moi coherente, tendo en conta que é vostede do Partido Popular que expulsa a quen denuncia a corrupción ou que expulsa a quen denuncia acoso sexual, como acabamos de ver no concello de Móstoles”, reprobou, para sintetizar a continuación que “ese é o Partido Popular”.
A portavoz nacional pediu a Rueda que “deixe de comportarse como un mal perdedor” e rectifique, “igual que fixo con Altri”, porque si “hai outra política industrial máis alá das macrocelulosas, da megaminería contaminante e do espolio eólico”. “Non imos permitir que converta Galiza nunha terra de sacrificio para que Madrid teña enerxía barata ou para que se forren as empresas amigas do PP”, advertiu.
Por iso, apostou por poñer a riqueza industrial e galega ao servizo do País e avanzou neste punto algunhas das propostas do Bloque para conseguilo, empezando por crear unha empresa pública de enerxía e por vincular os novos proxectos eólicos e as axudas públicas á creación de proxectos industriais que xeren emprego e riqueza en Galiza.
Ademais, propuxo a posta en marcha dun fondo soberano para proxectos estratéxicos en sectores que sexan fundamentais para o futuro do País e aumentar o investimento en I+D+i até o 2,5% do PIB, reforzando a transferencia de tecnoloxía, cuestións que considerou claves para a política industrial.
De igual xeito, emprazou ao presidente da Xunta a defender unha tarifa eléctrica galega que permita abaratar a factura da luz á cidadanía e ás empresas. “E verán como as empresas ven que hai futuro en Galiza”, afirmou Pontón, quen incidiu en que o problema é que o País ten “un goberno sen proxecto”.
Neste sentido, acusou a Rueda de “incumprir tres de cada dúas promesas” que fai en materia de política industrial, o que exemplificou nos anuncios dunha planta de hidróxeno en Meirama ou unha planta de pneumáticos nas Pontes, que nunca se concretaron. “A non ser que en Marrocos haxa un lugar que se chama As Pontes, aquí, nada de nada”, ironizou.
“Non se cansa de mentir aos galegos e ás galegas coas súas palabras baleiras?”, cuestionou ao titular do Executivo, ao que afeou que na súa resposta non concretara onde están os 3.000 millóns de euros que anunciara para política industrial nesta lexislatura. “Onde están? No mesmo lugar imaxinario que os 3.000 que xa nos dixera que ían a investir entre 2021 e 2024”, censurou.
A líder nacionalista tamén recordou que foron os populares os que “prometeron Pemex en plena campaña electoral” e os mesmos que “venderon unha biofábrica que era unha macrocelulosa que quería contaminar o País”.
“E vostede segue aquí facendo de comercial de Altri, sen recoñecer os seus erros e, o máis grave, demostrando que non ten ningún tipo de política industrial de futuro”, recriminou a Rueda, ao que afeou que na súa resposta só se dedicara a atacar ao BNG e a “facer de oposición”.
“Dígollo con moitísimo orgullo, claro que somos os do ‘Non a Altri’, os do ‘Non ao espolio da riqueza eléctrica do noso país’ e hoxe tamén, máis que nunca, os do ‘Non á guerra’”, respondeu aos ataques do presidente da Xunta nunha resposta que considerou o retrato da súa “incompetencia política” e da súa “incapacidade” para darlle un futuro aos galegos e ás galegas.
Logo de lembrarlle que “se saltou a lei” para tentar impoñer unha macrocelulosa no corazón do País, tal e como acaba de dicir o TSXG, a portavoz do BNG pediu a Rueda que deixe de facer de comercial de Altri, de saltarse a lei e comece a exercer como presidente. “Se non ten ideas, a nós non nos importa que nos copie as que lle propuxemos porque iso será bo para Galiza; cópielle ao BNG e iralle mellor a este País”, concluíu.

















O Concello destaca a oportunidade que supón para impulsar a hostalaría local e felicita ás persoas galardoadas pola súa contribución á gastronomía asturiana.
Este texto é o froito de varios anos de investigación e convida profesionais da educación, terapeutas e persoas curiosas a descubrir como o traballo coa arxila libera traumas e favorece unha transformación persoal profunda. Ao remate do acto servirase un viño e un pequeno petisco.
A continuación, as persoas que desexen continuar a conversa e compartir un tempo de convivencia poderán anotarse á comida que se celebrará na Casa da Penela.
Pasados dez minutos das 15 horas deste martes, un particular alertou ao 112 Galicia dun coche envorcado fóra da vía en San Martiño de Ferreiros, Pol. Aconteceu no quilómetro 3 da LU-750, e a única persoa implicada permanecía atrapada no interior. De inmediato, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias activouse un operativo no que participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, os Bombeiros de Vilalba, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da estrada. Os bombeiros actuaron para liberar á persoa, que foi evacuada en ambulancia polos profesionais sanitarios desprazados ata o lugar.
Unha comedia orientada para público infantil escrita e dirixida por Bea Campos. Hora: 18h.
O investigador achegarase a Ribadeo para falar sobre Urraca, considerada por moitos a emperatriz de todos os galegos e galegas. A entidade xa coñece o bo facer de Picallo, pois en anteriores ocasións participou como ilustrador nas presentacións das novelas Ao sur da liberdade e Entre a vontade e o destino, de Xosé Henrique Costas, deixando unha excelente impresión. Nesta ocasión, o público poderá escoitar ao Picallo historiador, que achegará novos datos sobre o reino de Galiza, unha realidade histórica que durante anos permaneceu agochada e que hoxe se recupera grazas a publicacións e investigacións como a súa.
Ofreceranse as seguintes modalidades e horarios: adestramento de forza/funcional os luns e mércores ás 9.00 horas; pilates os luns e mércores ás 11.00 horas; e TRX os martes e xoves ás 9.00 horas. A inscrición e a información sobre estes cursos realizarase na recepción da Piscina Municipal. Ademais, durante este mes habilítase a opción de proba gratuíta.



