O voceiro popular cuestiona que a presidenta da Deputación “presuma desta decisión”, xa que a realidade é que “non ten máis remedio que dar cumprimento á sentenza do Supremo”
Lugo, 24 de abril de 2026. A presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, “non tivo máis remedio que dar o brazo a torcer” e así acatar a sentenza do Tribunal Supremo que declaraba nulos a compra dunha acción de Tragsa por parte da Deputación de Lugo e as posteriores encomendas de xestión á devandita empresa pública, o que “supoñía readmitir na Deputación aos traballadores que botaron a Tragsa e que nunca deberon de saír da entidade provincial”.
O voceiro popular, Antonio Ameijide, afirma que “estamos ante un éxito” dos propios traballadores, así como dos diferentes Grupos Provinciais do PP que levaron esa decisión do goberno de PSOE e BNG ante a xustiza. “Tivemos que chegar ata o Tribunal Supremo na defensa dos traballadores e dos seus dereitos, pero o esforzo e o tempo tiveron a súa recompensa e hoxe sabemos que a partir do 1 de xaneiro volverán á Deputación, de onde nunca deberon de saír. Un éxito máis que iniciou Elena Candia”, afirmou.
Antonio Ameijide explica que PSOE e BNG “non tiña outra opción que acatar a sentenza do Tribunal Supremo”, unha situación totalmente contraria á de hai dous meses, cando no pleno extraordinario celebrado a petición do PP “se negaron a votar a favor da moción que defendemos que supoñía acatar a sentenza e, por conseguinte, readmitir aos 16 traballadores”.
“O certo é que é un gran día para a Deputación porque se tiran por terra as ilegalidades cometidas por PSOE e BNG na compra da acción de Tragsa e as posteriores encomendas de xestión a esta empresa pública, así como se pon fin á tremenda inxustiza cometida cos traballadores que enviaron a Tragsa”, sinalou.
CRONOLOXÍA
En decembro de 2019, o goberno da Deputación de Lugo, baixo a presidencia de José Tomé, decidiu comprar unha acción de Tragsa “cunha clara intención política” de extinguir Suplusa e levar por diante á maior parte dos traballadores desa empresa pública dependente da Deputación de Lugo.
A través da compra desta acción o que fixeron PSOE e BNG foi saltar a Lei de Contratos e adxudicar de forma directa traballos de ámbito provincial a Tragsa “sen pasar por un procedemento ordinario de contratación ou sen pasar pola pública concorrencia, unha decisión de calado que se adoptou de forma unilateral por parte do presidente da Deputación, sen consultar co pleno”.
Esta decisión unilateral de adquirir unha acción de Tragsa e a encomenda de xestión sen pasar polo pleno son dous exemplos de como saltarse a lei, polo que desde o Grupo Provincial Popular acudiuse ao tribunal contencioso-administrativo de Lugo, que o 31 de marzo de 2022 “deunos a razón, declarando nulos a adquisición e o encargo como medio propio a Tragsa, ao declarar ilegais as decisións do presidente da Deputación e o seu equipo de goberno de PSOE e BNG”.
Tras esta sentenza, dende o goberno da Deputación, con recursos ilimitados, acudiron ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que admitiu a súa apelación, o que motivou que o Grupo Provincial Popular, co esforzo que supón por contar con moitos menos recursos, elevase o caso ao Tribunal Supremo.
“O primeiro éxito” que se acadou foi que o Tribunal Supremo actuase, é dicir, que tivera interese casacional para determinar se a integración na organización provincial, como medio propio personificado, dunha sociedade de capital preexistente mediante a adquisición de parte do seu capital social constitúe unha manifestación da potestade de organización provincial, e, en caso afirmativo require un pronunciamento do Pleno da Deputación.
A sentenza do Tribunal Supremo “puxo de manifesto a actitude ditatorial permanente do PSOE e do BNG, a prepotencia e a soberbia na que están instalados, o afán constante de saltarse a lei e vulnerar o ordenamento xurídico e saltar directamente a democracia ao vulnerar as competencias do pleno, obviar aos representantes dos cidadáns, consideran as administracións o seu cortijo particular onde pretenden facer e desfacer sen control e sen respecto á lei nin aos representantes dos cidadáns”.
O Tribunal Supremo, na súa sentenza 48/2026 do 22 de xaneiro deste ano e ante a cal non cabe recurso, estima totalmente as pretensións formuladas polo Grupo Provincial Popular, declarando nulas as accións levadas a cabo por PSOE e BNG dende o goberno da Deputación de Lugo, “por tanto declarando ilegais as decisións adoptadas por estes dous partidos e as súas posteriores consecuencias”.
Ameijide recorda que a sentenza do Tribunal Supremo “reforza o papel do Partido Popular como garante da legalidade”, tras un proceso moi longo iniciado con Elena Candia como portavoz, continuado por Javier Castiñeira e cuxos froitos chegaron en 2026.




















O evento celebrarase este sábado 25, de abril, na capital lucense. Durante a xornada matinal, o alumnado asistirá a clases impartidas por profesionais de distintas disciplinas, tanto do ámbito da danza clásica como da moderna. Pola tarde, ás 19:30 horas, o grupo da EMMeD subirá ao escenario do Auditorio Gustavo Freire xunto aos demais centros convidados, nunha actuación que servirá como peche desta xornada de convivencia e intercambio artístico.
Un home perdeu a vida este xoves tras sufrir un accidente cunha res no lugar de Carelle Grande, na parroquia do Burgo (Muras). O suceso tivo lugar sobre as 19 horas, cando un familiar deu a voz de alarma ao 112 Galicia e explicou que o implicado fora aplastado polo animal. De inmediato, activouse un operativo no que participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que desprazaron ao punto o helicóptero medicalizado con base en Santiago, e a Garda Civil. Unha vez alí, os profesionais sanitarios só puideron confirmar o falecemento do home.
Con motivo desta conmemoración, o Concello anima á veciñanza a participar no Certame do Día do Libro, unha iniciativa pensada para fomentar a creatividade en todas as idades. Categorías do certame: Infantil (3-6 anos): creación dun marcapáxinas orixinal. Primaria (7-11 anos): continuación dunha historia proposta. Adultos (12+ anos): relato, anécdota familiar ou continuación da historia proposta. Data límite: 30 de abril. Envío por correo: prensa@concellodecervo.com. Envío por WhatsApp: 683 315 939
A directora, Ana Traseira, e o brand manager, Carlos García, representaron ao centro lucense, que presentou a experiencia “A comunicación: unha nova ponte cara Lugo”, recoñecida co Accésit do Consello Social da UNED 2025. O proxecto destaca pola súa aposta pola innovación, a proximidade e a mellora continua na relación coa contorna. A UNED de Lugo agradeceu a oportunidade de participar nun espazo que reforza a colaboración e contribúe a construír unha universidade máis conectada, accesible e comprometida.
Varios grupos participan en obradoiros de cestería na Devesa e de manualidades en Rinlo, Cinxe e As Anzas. A Área de Benestar Social, Saúde e Familia quere “potenciar deste xeito a convivencia e encher de propostas os locais sociais do noso concello e de entretemento ás persoas que viven nas parroquias de Ribadeo”.
Fixoo no marco do Campionato Galego de Coctelería celebrado no Hostal dos Reis Católicos.



