A Mariña, 8 de maio de 2026. A Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense valorou hoxe, de maneira moi positiva, a viaxe realizada esta semana á Reserva da Biosfera de Urdaibai, no País Vasco. Na viaxe participaron, ademais de representantes técnicos da Mancomunidade ,persoal técnico dos Concellos que a integran e membros de servizos distinguidos no SICTED. Foi, sen dúbida, unha interesante experiencia -no marco do Plan de Sostibilidade Turística na Mariña e máis concretamente no programa do SICTED, cofinanciado pola Mancomunidade, Xunta de Galicia e Secretaría de Estado de Turismo (SETUR)– coa que coñecer de primeira man o modelo de gobernanza e xestión deste enclave natural vasco, unha referencia a nivel nacional, e para achegarse ás experiencias e boas prácticas concretas de xestión turística que as diferentes entidades desenvolven na zona.
Durante a viaxe a delegación mariñá fixo tamén labor promocional do destino, agradecendo aos seus anfitrións vascos a súa hospitalidade, entregoulles detalles institucionais como a Carola, recén presentada este ano, e bolsas totebags, guías e folletos e botellas reutilizables.
Retos e modelos
Xa de volta, a Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense valorou esta viaxe de prospección como unha oportunidade única que serve para aprender, intercambiar experiencias e fortalecer os vínculos entre os dous territorios e os propios axentes turísticos da Mariña. A experiencia permitiu identificar problemáticas e retos comúns relacionados coa xestión turística sostible dos territorios, así como reflexionar sobre modelos e experiencias que poden ser aplicables noutros destinos.
Tres temas principais que se abordaron especialmente neste encontro foron a falta de regulación das vivendas de uso turístico, que dificultan o acceso á vivenda local e supoñen unha competencia desleal no sector do aloxamento; a importancia de implicar á iniciativa privada e á poboación local no modelo de xestión turística sostible; e a necesaria colaboración e coordinación entre as administracións dos distintos niveis.
A Mariña e Urdaibai comparten moitas similitudes no referido á oferta turística, con espazos naturais que requiren dunha protección singular e dun modelo de turismo respectuoso. Este tema tamén centrou gran parte das conversas, poñendo de relevo a complexidade na xestión turística destes enclaves, a necesidade da coordinación entre as administracións e a importancia dunha boa planificación fronte á masificación. Un exemplo do que se falou e que a delegación tivo a ocasión de visitar foi San Juan de Gaztelugatxe, un monumento natural que depende de administracións supra locais do País Vasco que supón todo un reto para a súa óptima xestión.
A delegación mariñá coñeceu como en Urdaibai os Concellos teñen tamén dificultade, debido á limitada capacidade económica, para xestionar recursos cun gran peso turístico a nivel autonómico. Nesta liña ambas partes coincidiron na importancia de non perder o relato do recurso por parte da administración máis próxima, da comunicación e da colaboración entre administracións como clave para acadar obxectivos globais, beneficiosos para os destinos e para a poboación local.
Houbo tamén momento para recoñecer que, a pesar de que quedan moitos retos por cumprir, tamén se teñen dado importantes avances a prol dun modelo de turismo sostible. Así, destacouse o valor que ferramentas de planificación e xestión turística como o SICTED, as CETS (Carta Europea de Turismos Sostible en Espazos Naturais Protexidos) ou os DTI (Destinos Turísticos Intelixentes) teñen para o sector.
Institucións e tecido turístico local
Nesta viaxe de tres días a Urdaibai a delegación mariñá reuniuse con representantes de institucións locais de Urdaibai e con emprendedores que xestionan empresas de produtos e servizos na zona. Con estas persoas coñeceron de primeira man diferentes experiencias orientadas á xestión turística sostible no territorio vasco, así como as solucións implementadas nos espazos naturais especialmente sensibles.
Un dos espazos máis impresionantes e recoñecidos a nivel nacional que visitou a delegación foi San Juan de Gaztelugatxe, onde mantiveron unha reunión con Begoña Gangoiti, directora de Turismo de Bermeo, para analizar a xestión de visitas neste espazo natural, que presenta importantes similitudes co Fuciño do Porco do Vicedo ou co Monumento Natural da Praia das Catedrais en Ribadeo.
Visitaron tamén:
– Ekoetxea Urdaibai, a primeira Ekoetxea de Euskadi, que forma parte da rede de centros ambientais do País Vasco, orientada á educación, formación e sensibilización sobre o desenvolvemento sostible e a biodiversidade.
– O pobo de Mundaka, un dos destinos internacionais de surf máis importantes do mundo, no que coñeceron a súa vinculación con este deporte e outras actividades na natureza.
– Lurkoi-Lurdeia, un proxecto de agricultura ecolóxica e aloxamento de agroturismo.
– O Urdaibai Bird Center, un espazo de interpretación de referencia para o turismo ornitolóxico.
– A adega de txakoli Talleri, que ofrece actividades e catas no corazón da reserva natural e en pleno Camiño de Santiago.
E mantiveron encontros técnicos e mesas de traballo:
– Con María Alonso, do servizo da Reserva da Biosfera de Urdaibai e responsable da CETS; Lurdes Romano-Agirre, asistencia técnica da CETS; e Aitzibe rAnsotegi, xerente da Asociación de Desenvolvemento Rural Urremendi, no que se abordou a xestión turística do territorio, a colaboración co sector local e entre administracións.
– Con asociacións empresariais como Nekatur e empresas adheridas ao Código Ético do Turismo Vasco e á CETS, xunto a Ana Iturbe e a Aitor Maduriz.
– Cos responsables do produto turístico Urdaibai –Bike Reserve Destino Cicloturista e Urdaibaiko Esentziak, de gastronomía.
– Coas empresas de Ur Turismo Activo, Laga Surf e Ekobideak coñecendo propostas vinculadas ao mar, ao xeoturismo, á educación ambiental e á posta en valor da contorna natural.
Urdaibai, reserva da biosfera
Urdaibai, territorio declarado Reserva de la Biosfera pola UNESCO en 1984, abarca un territorio de 22.000 hectáreas integrado por diferentes paisaxes (montañas, praias, ríos, cantís e augas soterradas) que conforman un destino espectacular da costa do País Vasco.
Está considerado como un dos espazos naturais máis valiosos do Norte de España e a día de hoxe é un referente en conservación natural e turismo sostible. Natureza, biodiversidade, cultura, gastronomía e ocio conforman unha oferta turística vinculada á comunidade local e fundamentada na calidade e na sostibilidade. Forman parte desta reserva lugares moi coñecidos, como son Gernika-Lumo, Bermeo ou Mundaka. A súa organización e desenvolvemento converteron a Urdaibai nun interesante modelo de xestión de destinos turísticos, xa que representa o equilibrio entre a protección á contorna e á poboación e o turismo como actividade económica.






















O Pazo de San Marcos acolleu a conferencia final, de Manuel Andrade Baliño, e a entrega de premios ás alumnas e alumnos que obtiveron mellores valoracións nas probas que realizaron, o xoves, individuais, na Facultade de Formación do Profesorado de Lugo, e o venres, por equipos, en Mondoñedo. A final do certame, cunha axenda complentaria que achegou ás rapazas e rapaces ao patrimonio e á cultura, celebrouse por primeira vez en Lugo da man da Asociación Galega de Profesorado de Matemáticas (Agapema) e coa colaboración da área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación.
Por este motivo, o Concello recomenda ás persoas, colectivos e entidades que precisen facer uso dalgunha instalación municipal ou solicitar material que presenten as súas peticións coa antelación necesaria. A medida permitirá organizar adecuadamente a atención das solicitudes e a planificación dos recursos municipais.
Dentro desta programación, o martes 30 de xuño ás 11:00 celebrarase na Casa da Cultura unha charla divulgativa impartida pola astrofísica Lucía González Cuesta, aberta a toda a veciñanza. A iniciativa enmárcase no programa provincial que busca ofrecer información rigorosa e garantir unha observación segura. Durante a xornada repartiranse folletos e gafas homologadas. A alcaldesa, Marta Rouco, destaca o carácter histórico do eclipse e anima a participar para vivilo con seguridade. O Concello lembra que só deben empregarse gafas específicas para mirar ao sol e continuará colaborando en actividades divulgativas e sociais arredor deste acontecemento único.
O obxectivo é facilitar que os mozos e mozas que o desexen poidan facer uso destas instalacións. A medida permitirá empregar o campo para a práctica deportiva e para a organización de partidos informais durante o período estival. Desde o Concello de Viveiro sublíñase a importancia de ofrecer espazos deportivos accesibles durante as vacacións de verán e de favorecer hábitos de lecer activo entre a mocidade.
A convocatoria foi realizada polo Concello para amosar a solidariedade de Ribadeo con esta catástrofe natural.
No evento participarán todas as seccións da escola, que amosarán o traballo desenvolvido ao longo do ano. A entidade adianta tamén que está a ultimar os preparativos da XL Feira do Bonito, da que ofrecerá máis información proximamente.
Renova o seu compromiso co club despois de facerse cargo do equipo a mediados da campaña pasada. O técnico pontenovés afrontará este novo ciclo con traballo, compromiso e ilusión para seguir liderando a nave celeste.



