José Luis Rodríguez Zapatero foi, durante décadas, o referente moral e político máis sólido do socialismo español. A súa etapa de goberno lémbrase por fitos que transformaron a arquitectura social de España: a fin do terrorismo de ETA, a aprobación do matrimonio homosexual ou o pulo á protección dos dereitos fundamentais. Alén disto, dende 2018, Zapatero experimentou unha segunda xuventude política, converténdose no escudeiro máis potente de Pedro Sánchez, un valor electoral de primeira orde que actuou como a “reserva espiritual” do PSOE estatal nos seus momentos máis críticos. Ate esta terza, 19-M, Zapatero era un activo imbatíbel; hoxe, un auto xudicial sitúao como o “vértice” dunha rede de influencia que choca de vez, sexa cal for a fin do procedemento penal, con esa imaxe de desinterese público.
A interlocutoria do maxistrado Calama (Tribunal Central de Instancia, que instrúe no orde penal os procedementos que xulga despois a chamada Audiencia Nacional, sucesora dende 1977 do Tribunal de Orden Público franquista) presenta a tese de que Zapatero non sería un colaborador ocasional, senón o líder estratéxico dunha estrutura organizada. O máis rechamante é que esta rede tería operado dende a súa propia oficina como ex presidente de Ferraz, utilizando canles corporativas como o correo xestionado pola súa secretaria María Gertrudis Alcázar. O xuíz ve aquí un “coñecemento e dominio organizativo”, suxerindo que a oficina de Zapatero abeiraba o suposto centro de coordinación dunha operativa económica de alto nivel.
Esta rede, cualificada internamente polos investigados como un “equipo” ou “boutique financeira”, tería actuado na sombra baixo o control da contorna directa do expresidente, representada por Alcázar e o xestor Julio Martínez Martínez, encargado da loxística societaria e representante legal da consultora Análisis Relevante. O núcleo da imputación reside na suposta intermediación para favorecer á aeroliña Plus Ultra ante a Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI). O auto recolle conversas onde terceiros se refiren a Zapatero como a “panca” ou o “pana” necesario para abrir portas institucionais. A cambio, o fluxo económico tería sido constante: a sociedade Análisis Relevante tería canalizado preto de 491.000 euros cara a Zapatero e outros 240.000 euros cara a Whathefav SL, a empresa administrada polas súas fillas. O xuíz sospeita que esta última actuaba como unha “sociedade finalista” para diluír a tracexabilidade do beneficio económico.
En realidade, o material indiciario —absolutamente insuficiente para condenar nin para levar a xuízo a Zapatero, pero si para lle preguntar en sede procesual sobre a súa eventual participación nos feitos, pregunta que no noso sistema de garantías esixe a atribución previa da cualidade xurídica de investigado, o que porén conleva de certo a chamada en castelán “pena de banquillo”— descansa exclusivamente sobre tres elementos esenciais:
1.-Que a hipotética intermediación de ZP obtivese da SEPI para Plus Ultra o préstamo de 53 M€ outorgado a fins do verán de 2021.
2.- Que a obtención de dito préstamo se vinculase a unha influencia directa ou indirecta exercida por un Zapatero absolutamente alleo naquel momento á estrutura da SEPI e da Administración do Estado.
3.- Que a sociedade off shore que recibiu de Plus Ultra, despois do ingreso do préstamo, o pago dun 1% de suposta comisión pertencese a Zapatero directa ou indirectamente.
Se falla algún dos dous primeiros elementos, non hai caso. Se falla o terceiro, decae a acusación de falsidade documental, xa que as facturas emitidas por Zapatero como persoa física e/ou pola sociedade das súas fillas non estarían vinculadas a dita comisión, decaendo nos mesmos termos as acusacións de organización criminal e branqueo de capitais. E, en canto ao delito que quedaría en pé como posible (tráfico de influencias), habería que acreditar a efectiva influencia ilícita, dando un salto máis aló da mera actividade lobbística. Sobre que ministros, secretarios de Estado ou altos funcionarios informantes tenta influir Zapatero e de que xeito? U-la fonte da efectividade potencial desa influencia?
Preguntarán vostedes… ¿e se a Fiscalía presiona a Alcázar e a Martínez ofrecendo beneficios como se lle ofreceron a Aldama? Pois si, podería cambiar o escenario, mais só no suposto de que achegasen as probas que non achegou Aldama no Tribunal Supremo no recente xuízo a Koldo García e ao exministro Ábalos, arestora pendente de sentenza.
Non podemos deixar de comparar este escenario co dos seus predecesores, Felipe González e José María Aznar. Ambos os dous , logo de cesaren na presidencia do Goberno do Estado, despregaron unha intensísima actividade lobbística (nunca investigada) para terceiros, pero sempre traballando para importantes multinacionais españolas, británicas ou norteamericanas. Nunca ningún órgano da Fiscalía se preocupou o máis mínimo polas súas actividades, que dende logo lles reportaron bastantes máis ingresos que a Zapatero as súas, polo menos á vista da información que coñecemos a data de hoxe.
Até aquí a análise xurídica. Probabelmente o caso non chegue a xuízo ou remate nunha sentenza absolutoria. Porén, no plano político cómpre preguntarnos: ¿son compatíbeis o Zapatero lobbista e o Zapatero referente político? ¿Pode coexistir o líder que percorre mitins defendendo a ética do PSOE co consultor que recibe pagos de seis cifras por servizos fronteirizos ou coincidentes coa actividade lobbística? O certo é que o protagonismo político, como dixo o falecido presidente uruguaio Pepe Mujica, non se amosa moi compatíbel coa dedicación preferente á actividade empresarial, máxime cando o Dereito Público che ofrece como alternativa á túa dedicación política ou político-cidadá un soldo anual de 100.000 € polo teu labor no Consello de Estado, ao que lexitimamente renuncias para desenvolver esa actividade empresarial de consultoría moi dificilmente disociábel da túa axenda de ex presidente.
P.S.: Asombra a precisión coa que o Partido Popular parece manexar os tempos e detalles xudiciais deste caso, suxerindo unha revelación interesada-que sería absolutamente ilegal- para erosionar ao Goberno do Estado a través do seu mentor. Curiosamente, ademais, só dous días despois do revés do presidente andaluz Juanma Moreno, ao perder a súa maioría absoluta. A Presidenta do Consello Xeral do Poder Xudicial e os ministros de Interior e Xustiza terían que preocuparse polas continuas filtracións nos distintos niveis da chamada Audiencia Nacional, da UDEF e da UCO.
Por certo, no Tribunal Central de Instancia, que instrúe para que xulgue a chamada Audiencia Nacional, parece que se lle outorgou de facto o monopolio da investigación ao criterio da UDEF da Policía Nacional e da UCO da Garda Civil, abdicando da arquitectura normativa das leis de axuizamento criminal e orgánica do Poder Xudicial.

















Da man da FCAM Ribagorda está a coñecer establecementos comerciais que cumpriron corenta anos de vida e outros que se achegan aos cen. A Federación de Comercio A Mariña aproveita esta estadía do coñecido xornalista para amosarlle as potencialidades turísticas da comarca. José Ribagorda visitou a Basílica de San Martiño en Foz e o Centro de Interpretación da Faba en Lourenzá. A súa viaxe pola Mariña seguirá hoxe e mañá.
O 112 Galicia tivo constancia dos feitos contra as 19:30 horas deste venres, a través dun particular que se atopaba no punto: un coche que participaba nunha proba de rallye en San Fiz de Paz (Outeiro de Rei) perdeu unha roda, e esta acabou golpeando a un espectador, quen precisaba asistencia sanitaria. De inmediato, desde o 112 Galicia informouse a Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e os axentes da Garda Civil. Foi a propia organización do evento a que se fixo cargo do traslado.
O paseo polas rúas da vila xunto as Sanluqueiras e Sanluqueiros e o pregón de Luis Rego marcaron o arranque oficial das feiras e festas mindonienses, que chegan este ano a edición 870. A Vicepresidencia da Deputación de Lugo colabora de forma estable e continuada coa Asociación As San Lucas de Mondoñedo, cunha achega da área de Cultura que este ano -coincidindo coa 870 edición- incrementou dos 20.000 aos 30.000 euros.
Trátase dunha iniciativa que favorece a colaboración entre o tecido asociativo e o voluntariado para mellorar e conservar as contornas naturais do municipio. Os traballos centráronse na limpeza deste espazo costeiro, contribuíndo ao seu coidado e á conservación do medio natural. A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, achegouse ata a praia para acompañar as persoas participantes nesta iniciativa agredecendo a implicación de Mistura de Lieiro e das persoas voluntarias que participaron nesta xornada, contribuíndo, coa súa colaboración, a manter limpos e coidados os espazos naturais de Cervo.
As estudantes recibiron o galardón “Pizza Chef Emergente”, un recoñecemento que destaca o talento das novas promesas da gastronomía e que supón un importante logro para o centro educativo e para a formación profesional da comarca.
Durante 45 minutos, tres malabaristas —Pablo Reboleiro, Aitor Garuz e Santiago Montero— mergúllanse nun caos divertido onde ninguén manda e todo flúe entre xogos de poder, equilibrios imposibles e humor. A obra amosa como, no mundo dos malabares, romper os patróns establecidos pode levar a descubrir que a verdadeira maxia está en aprender a xogar xuntos.
O delegado subliñou o importante papel que realiza o tecido social para conseguir melloras en beneficio da veciñanza e dinamizar social e culturalmente a localidade. Neste sentido, lembrou que a Xunta impulsa o movemento asociativo a través de apoios para o acondicionamento dos seus locais ou para o desenvolvemento de actividades.



