O PP reclama un inventario de inmobles do Estado actualmente sen uso ligados a conservación de estradas para rehabilitalos e cedelos para ampliar vivendas sociais no rural
Vilalba, 15 de maio de 2026. Os representantes do PP lucense no Senado -José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano- levarán á Comisión de Vivenda e Axencia Urbana da Cámara Alta unha proposta para rehabilitar as antigas vivendas de peóns ‘camineros’ de Obras Públicas en Vilalba coa finalidade de dirixilas a alugueiro social.
Barreiro e Balseiro presentaron a iniciativa este venres en Vilalba acompañados por representantes do PP local despois de que o Goberno de Sánchez confirmara, ante as preguntas dos populares sobre a previsión para ceder estes inmobles en desuso para vivenda pública en réxime de venda ou alugueiro social, que “o Estado non as rexistrou para vivendas sociais”. O Executivo explica, en resposta oficial por escrito, que: “non se atopan no perímetro delimitado actualmente de activos susceptibles de ser destinados ás políticas de vivenda accesible”.
Os senadores do PP puxeron en valor a necesidade de aproveitar o patrimonio público actualmente en desuso para dar resposta a un dos principais problemas que afrontan moitos municipios do rural: o acceso á vivenda, especialmente para mozos, familias e persoas con dificultades para atopar alugueiros a prezos asumibles.
As 20 vivendas, situadas na saída de Vilalba cara Mondoñedo pola antiga N-634, foron construídas na década dos 60 para albergar ao persoal encargado da conservación das estradas estatais e, na actualidade, atópanse sen uso.
Os populares consideran que a súa rehabilitación permitiría crear novas vivendas sociais sen necesidade de executar novas promocións, ao tempo que se recupera un patrimonio público hoxe infrautilizado. “É unha oportunidade para darlle unha segunda vida a estes inmobles e poñelos ao servizo dos veciños e veciñas que o precisen”, sinalaron.
O PP tamén reclama, a través desta iniciativa, que o Goberno de España elabore un inventario das antigas vivendas de ‘camineros’ e doutros inmobles vinculados aos servizos de conservación de estradas pertencentes ao patrimonio do Estado que se atopen actualmente abandonados ou sen uso co obxectivo de estudar a súa rehabilitación ou cesión para ampliar o parque público de vivenda en alugueiro social ou accesible, especialmente en municipios do medio rural con problemas de acceso á vivenda.
Os senadores do PP lembraron que distintas administracións xa mostraron interese por estudar alternativas para estes inmobles de Vilalba e consideran que chegou o momento de dar un paso máis para facer realidade unha solución que combine recuperación patrimonial, política social e dinamización do rural.
“Non ten sentido manter edificios públicos pechados e deteriorándose mentres existen dificultades reais para acceder a unha vivenda. O que propoñemos é sentido común: recuperar o que xa existe para poñelo ao servizo das persoas”, concluíron.
POLÍTICA DE VIVENDA DA XUNTA
Os populares convidaron ao Goberno do Estado a “fixarse no modelo da Xunta de Galicia” en materia de vivenda cun plan “ambicioso e realista que se está cumprindo porque se está concretando en accións concretas”. De feito, nestes dous anos de lexislatura xa están en marcha as 4.000 vivendas públicas que se comprometeron.
























O evento ofrecerá mel, produtos de tempada, artesanía, gastronomía e outras propostas locais. O Concello do Valadouro mantén aberto o prazo de inscrición para persoas e empresas expositoras, que poden presentar a súa solicitude na sede electrónica ou nas oficinas do Centro Socio-cultural, Xuvenil e da Terceira Idade “Manuel Lourenzo” ata o martes 6 de outubro, ou ata completar os postos dispoñibles.
Neste curso a actividade estará dispoñible para as nosas pequenas Xoias e para alumnado externo, cunha sesión semanal, a cargo de Yasmin Toledo e Patrícia Sousa, do equipo de Segunda División. O alumnado poderá escoller o seu horario de adestramento entre os luns (16:00 h.-17:00 h., Vista Alegre) e os venres (19:30 h.-20:30 h., Monte Castelo). A actividade terá un custo de 6€/mes para o alumnado da escola laranxa e 24€/mes para o alumnado externo.
Neste espazo radiofónico Félix Jorquera falará coa alcaldesa de Lourenzá, Rocío López; co concelleiro de Cultura, Manuel Arango; con José Cuadrado, presidente da Indicación Xeográfica Protexida Faba de Lourenzá e pregoeiro desta edición da festa; co chef Pedro Barreira; e con Antonio Irimia, presidente do club VespaFaba & Clásicos, de Lourenzá.
Ademais da intervención arqueolóxica de 2026, o Concello achega 7.500 euros para restaurar a cabaña C-2, lembrando que “Seguimos apostando por el patrimonio arqueológico y el desarrollo arqueológico del concejo”. Tamén se mellorou o acceso ao xacemento, e o castro consolídase como un recurso turístico en crecemento, clave para avanzar na desestacionalización.
Entre as 10:00 e as 14:00 horas haberá arredor dunha decena de postos con produtos agroecolóxicos e de proximidade, ademais dun punto informativo para persoas interesadas en emprender no sector e actividades infantís. A alcaldesa Marta Rouco destaca que a feira busca dar vida ao centro da vila e visibilizar o rural como espazo de emprendemento, mentres que a concelleira Paula Vigo salienta a colaboración con A Estruga para ampliar a oferta habitual do mercado. O Concello anima á veciñanza a achegarse e coñecer os proxectos participantes.
Nesta ocasión, o grupo desprazouse ata A Pontenova para realizar un percorrido de 17 quilómetros que combinou a Ruta dos Fornos, a Ruta do Ferrocarril e a Ruta do Muiñeiro Namorado. A actividade, de dificultade baixa, iniciou o seu percorrido na Praza dos Fornos da Pontenova e rematou en San Tirso de Abres.



