O PSOE segue defendendola variante de altas prestacións aprobada no seu día
Viveiro, 12 de xuño, 2026. O Grupo Municipal Socialista de Viveiro vén de presentar alegacións ao Estudo Informativo e ao Estudo de Impacto Ambiental da Variante Leste, ao tempo que denuncia que a Xunta de Galicia xa decidiu seguir adiante cun proxecto “claramente inferior” ao que durante anos foi defendido, planificado e aprobado para o municipio.
Desde o PSdeG-PSOE lembran que a súa postura foi sempre “clara e coherente”: a solución máis acaída para Viveiro continúa sendo a infraestrutura de altas prestacións prevista na planificación da Vía de Alta Capacidade da Costa Norte, unha alternativa que contou co respaldo institucional do Concello e que durante anos foi presentada pola propia Xunta como resposta definitiva aos problemas de mobilidade da comarca.
“Non cambiamos de postura. Seguimos defendendo a variante de altas prestacións porque é a que mellor responde ás necesidades actuais e futuras de Viveiro. O que cambiou foi a Xunta, que decidiu renunciar ao proxecto que levaba anos prometendo á veciñanza”, sinalan.
O grupo socialista lembra que o propio goberno municipal cualificou esta infraestrutura como “fundamental para o futuro de Viveiro”, mais ao mesmo tempo anunciou alegacións para modificar aspectos relevantes do proxecto: radios de curvatura, carrís de adiantamento, accesos ao centro urbano ou conexións con Celeiro.
“Se é necesario presentar alegacións para mellorar elementos tan importantes do trazado, será porque o proxecto non é tan perfecto como agora se pretende trasladar á opinión pública”, apuntan.
O PSdeG considera que a proposta actualmente en exposición pública supón unha rebaixa evidente das prestacións previstas inicialmente, substituíndo unha infraestrutura estratéxica por unha estrada convencional con limitacións de capacidade, seguridade e crecemento futuro.
Ademais, denuncian que a Xunta parece ter convertido o período de información pública “nun simple trámite administrativo”, lembrando que xa se anunciou a licitación do proxecto construtivo cando aínda está aberto o prazo de alegacións.
“Resulta difícil crer que exista vontade real de escoitar á cidadanía cando o Goberno galego xa está dando pasos para executar a obra antes de analizar as alegacións. A sensación é que a decisión está tomada de antemán”, afirman.
A pesar diso, o PSdeG decidiu presentar alegacións “por responsabilidade”, para defender os intereses de Viveiro e intentar mellorar unha proposta que, segundo indican, “nace condicionada polas súas propias limitacións”.
Entre outras cuestións, solicitan:
-Mellora dos enlaces previstos
-Revisión da localización dos accesos de Viveiro Centro e Magazos
-Incorporación de terceiros carrís para vehículos lentos
-Corrección das fortes pendentes
-Maiores garantías ambientais
-Unha planificación que permita unha futura ampliación da infraestrutura.
Tamén reclaman que se reserve o solo necesario para recuperar no futuro unha solución de maiores prestacións sen provocar novas afeccións.
“Presentamos alegacións porque non podemos quedar de brazos cruzados mentres se impulsa unha solución peor para Viveiro”, conclúen.
O PSdeG insiste en que seguirá defendendo a variante de altas prestacións prevista historicamente para a Costa Norte e acusa á Xunta de conformarse cunha actuación “de mínimos” para unha das principais cabeceiras económicas e de servizos da Mariña.
“Viveiro merecía unha infraestrutura pensada para os próximos cincuenta anos e non unha solución recortada que pode quedar insuficiente incluso antes de rematar a súa construción”.





















O programa inclúe inscricións, concertos, exhibicións, rutas e exposición de vehículos. Con motivo do evento, haberá cambios temporais de tráfico no casco urbano, con prohibicións de circulación e estacionamento en varias rúas e modificacións de sentido. O Concello pide á veciñanza que respecte a sinalización para garantir o correcto desenvolvemento das actividades.
A piscina abrirá de luns a venres de 8:30 a 13:00 e de 15:30 a 22:00, e os sábados de 8:30 a 14:30. O ximnasio manterá horario continuo de luns a venres, de 8:30 a 22:00, e os sábados de 8:30 a 14:30. A tempada arrinca tras diversas melloras nas instalacións, entre elas a renovación da cuberta do polideportivo, cun investimento de 195.000 euros, así como a substitución de portas de emerxencia, a intervención en pontóns das piscinas e o cambio das huellas de volteo. O Concello continúa así reforzando o mantemento e a seguridade dun complexo utilizado diariamente por numerosos veciños e deportistas.
Este luns, 14 de setembro, visitaron Mondoñedo, a Praia das Catedrais e Santa Cruz. A viaxe evocou as lecturas de Cunqueiro e as súas Crónicas do sochantre, nun percorrido que incluíu a catedral mindoniense e o barrio dos Muíños, ademais da emblemática praia de Augas Santas. Pola tarde participaron nunha exhibición de billarda grazas á estimable colaboración dos billardeiros da comarca. O martes partiron de regreso a Loktudi.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asistiu á ofrenda da Virxe dos Remedios en Mondoñedo.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Este luns, 14 de setembro, deu comezo un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.



