A programación desenvolverase no Auditorio Municipal e na Porta da Pulida, con espectáculos para público infantil e adulto integramente en galego
Cariño, 15 de xullo, 2026. O Salón de Plenos da Casa do Concello acolleu hoxe a presentación oficial da XLVIII Mostra de Teatro Galego de Cariño, que se celebrará entre os días 2 e 8 de agosto e reunirá un total de 15 representacións repartidas entre o Auditorio Municipal e a Praza da Pulida.
No acto participaron a alcaldesa de Cariño, Ana María López; o concelleiro de Cultura, Andrés Balado; o concelleiro de Urbanismo, Alberto Balado; a deputada da Deputación da Coruña,Cristina García Rey; Erika Pereiro, socia de Culturactiva S. Coop., en representación de Piscore, compañía gañadora do Premio do Público Infantil na última edición da Mostra; e Pepablo Patinho, en representación de Teatro Ghazafelhos.
Durante a presentación, a alcaldesa deu a benvida á nova edición dun certame que cualificou como unha das grandes señas de identidade culturais do municipio. Ana María López destacou que “esta é xa a 48ª edición, que non é pouca cousa”, e mostrou a súa confianza en que Cariño poida celebrar dentro de pouco o medio século da Mostra “por todo o alto”. A rexedora puxo en valor o traballo realizado durante décadas para consolidar este evento e sinalou que cada edición supón unha nova oportunidade para situar a Cariño como referente do teatro galego e da cultura no país.
A programación desta edición incluirá espectáculos para todos os públicos, coa maior parte das funcións familiares programadas ás 12.00 horas, mentres que as representacións destinadas ao público adulto terán lugar ás 22.00 horas. Ao longo de toda a semana, a Mostra volverá apostar por unha oferta diversa que combina humor, emoción, reflexión e crítica social.
Neste sentido, o concelleiro de Cultura, Andrés Balado, quixo agradecer o traballo de todas as persoas e entidades implicadas na organización. Segundo indicou, detrás da Mostra “hai moitísimo traballo”, polo que trasladou o seu recoñecemento aos traballadores e traballadoras do Concello, ás compañías participantes e á Deputación da Coruña polo seu apoio. Balado explicou que a selección da programación responde a unha idea moi definida. “Buscamos conceptos ligados á sociedade, á igualdade e á memoria histórica de Galicia. Intentamos atopar obras que fixeran rir, con humor, pero tamén que emocionaran ao corazón”, sinalou.
O edil incidiu ademais na importancia de que toda a programación se desenvolva en galego, “na nosa lingua, que é algo fundamental”, e destacou que o público atopará propostas de todo tipo: “obras que nos fan rir, chorar, reflexionar e facer crítica social”. Así mesmo, lembrou que a Mostra mantén as súas dúas grandes liñas de programación, con espectáculos específicos para público infantil e outros destinados ao público adulto.
Outro dos elementos destacados desta edición é o cartel, obra de Eloy Martín, un artista moi vinculado a Cariño. Desde o Concello quixeron agradecer a súa colaboración, asegurando que a imaxe “sintetiza perfectamente o espírito da Mostra e ilustra de maneira moi fiel a esencia de Cariño”.
Programación ao completo
Como xa sucedeu noutras edicións, a Escola Municipal de Teatro de Cariño volverá participar na programación da Mostra. Será o sábado 1 de agosto, na antesala oficial do evento, coa representación da obra ‘Quen matou a Pepe Corleone?’, con guión e dirección de Pepablo Patinho e interpretada por rapaces e rapazas de entre 10 e 14 anos alumnos da Escola Municipal.
Por outra banda, a programación da XLVIII Mostra de Teatro Galego de Cariño arrancará oficialmente o domingo 2 de agosto co espectáculo itinerante ‘Animacreques’, da compañía Catropés, unha proposta de circo, zancos e danza que partirá ás 12:00 horas desde a Casa do Concello. Xa ás 13:00 horas, a Porta da Pulida acollerá a primeira representación teatral da Mostra, ‘Historias para escagharriñarse’, da compañía Teatro Ghazafelhos, unha función para público familiar con entrada de balde. A xornada inaugural completarase ás 21:00 horas coa proposta de danza ‘Trïade e Alleo’, do Colectivo Glovo, tamén na Porta da Pulida.
O luns 3 de agosto, o Auditorio Municipal recibirá ás 12:00 horas a representación familiar ‘A viaxe feliz de Ramón Sanfiz’, de Fantoches Baj (entrada: 1,50 euros). Pola noite, ás 22:00 horas, será a quenda de Chévere, que levará a escena ‘Ictus’ (entrada: 6 euros).
O martes 4 de agosto, ás 12:00 horas, a compañía Muu presentará ‘Crunch 2’ para público familiar (1,50 euros). Ás 22:00 horas, Producións Teatrais Excéntricas representará ‘Mofa e Befa: Os dous de sempre’, dirixida ao público adulto (6 euros).
A programación continuará o mércores 5 de agosto coa obra familiar ‘Berenguela na gaiola’, de Galeatro e Xarope Tulú, ás 12:00 horas (1,50 euros). Ás 22:00 horas, a bailarina e creadora Mariña Lestón presentará ‘Costa da Morte. Cartografía dun naufraxio’, unha proposta dirixida a público adolescente e adulto (6 euros).
O xoves 6 de agosto, a compañía Tarabela Creativa levará ao Auditorio Municipal, ás 12:00 horas, o espectáculo familiar ‘Tarabela Ambulante’ (1,50 euros). Xa pola noite, ás 22:00 horas, De Ste Xeito porá en escena a comedia ‘Feminísimas’, destinada ao público adulto (6 euros).
O venres 7 de agosto, a música e o humor serán protagonistas coa actuación de Piscore, que presentará ‘Concerto Singular’ ás 12.00 horas (1,50 euros). Ás 22:00 horas, o actor e humorista Carlos Blanco subirá ao escenario do Auditorio Municipal coa súa proposta ‘A Penúltima’ (6 euros).
A Mostra despedirase o sábado 8 de agosto cunha dobre proposta na Porta da Pulida. Ás 13:00 horas, a compañía A Vela Circo ofrecerá o espectáculo circense ‘Enredos’, dirixido a todos os públicos e con entrada gratuíta. Pola noite, ás 22.00 horas, o ilusionista Joshua Kenneth pechará a programación con ‘Degustación de imposibles’, un espectáculo de maxia tamén para todos os públicos e con entrada de balde.






















Unha iniciativa destinada "a expresar apoio, afecto e solidariedade con Ceuta". A concentración terá lugar diante da Casa do Concello.
Villares felicitou á entidade lucense polos éxitos acadados na última tempada e puxo en valor “o traballo e dedicación dos nadadores e nadadoras e o esforzo do equipo técnico” do club. Recalcou en especial o impulso ao deporte base dende idades moi temperás, en liña coa aposta da Xunta por fomentar a actividade física entre os nenos e nenas con accións como o programa de deporte escolar Xogade, que no curso pasado chegou case ao 60% do alumnado galego.
A convocatoria enmárcase na iniciativa promovida pola FEMP para trasladar desde as entidades locais o seu apoio e solidariedade coa Cidade Autónoma de Ceuta. Deste xeito, Viveiro únese á convocatoria xunto con concellos de todo o territorio, amosando o seu respaldo institucional á Cidade Autónoma.
A obra premiada aborda a emigración galega desde unha voz feminina, e o pregón destacou o traballo colectivo e a transmisión entre xeracións dentro da Banda. Con este acto, o Concello dá inicio a unha programación festiva que nos próximos días combinará tradición, cultura, deporte e música para todos os públicos.
Durante esas xornadas realizaranse estudos xeotécnicos imprescindibles para planificar correctamente as actuacións previstas, o que require que a maquinaria e o persoal traballen directamente sobre a infraestrutura, impedindo o paso de vehículos. Recoméndase ás persoas usuarias empregar rutas alternativas durante o corte, que só permitirá o acceso ás dúas vivendas situadas na Barxa. O Concello pide desculpas polas molestias e agradece a colaboración da veciñanza.
Afirman que os accesos ao Campo da Festa resultan moi dificultosos, especialmente para persoas con carriños de nenos ou cadeiras de rodas. Critican que a obra se trasladase a esta zona xusto antes das festas, deixando outros tramos a medio facer e sen ter en conta as necesidades dun barrio que consideran “marxinado”. Sinalan tamén á alcaldesa como responsable de evitar esta situación. A veciñanza esixe un arranxo inmediato do acceso, aínda que sexa provisional, e a instalación dunha sinal luminosa na alambrada situada ao final da obra.



