A Presidenta da Deputación asinou este martes un acordo coa Alcaldesa de Viveiro para acometer a reforma do Mercado de Abastos; e un convenio co Alcalde de Ourol para arranxar accesos e mellorar a accesibilidade da Casa da Cultura
Lugo, 4 de agosto de 2026. A Presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, vén de asinar este martes dous acordos de colaboración co Concello de Viveiro e co Concello de Ourol por un importe conxunto de máis de 550.000€. “Hoxe damos conta, unha vez máis, do compromiso que mantemos cos concellos da provincia, demostrando que o noso papel é estar ao seu carón e escoitar as súas necesidades para que poidan facer realidade proxectos que melloren a calidade de vida das súas veciñas e veciños”, avanzou a mandataria provincial.
En primeiro lugar, a Presidenta da Deputación e a Alcaldesa de Viveiro, Mariña Gueimunde, asinaron un acordo de colaboración no Mercado de Abastos do municipio para impulsar a reforma deste edificio histórico situado no centro da vila. A Deputación fai posible este proxecto a través dunha achega de case 250.000€ “que permitirá reorganizar os espazos interiores para dar maior protagonismo aos postos de venda, mellorar a eficiencia enerxética e a accesibilidade, renovar as instalacións e incorporar novos servizos que fagan do mercado un espazo máis moderno, funcional e confortable”, avanzou Carmela López.
Así mesmo, sinalou a Presidenta que “con este convenio contribuímos á conservación dun inmoble emblemático para Viveiro, impulsamos o comercio de proximidade, apoiamos aos produtores locais e reforzamos a actividade económica do centro histórico”.
Acordo co Concello de Ourol
A continuación, a mandataria provincial trasladouse ata o Concello de Ourol onde formalizou xunto ao seu Alcalde, José Luis Pajón, dous acordos de colaboración por un importe conxunto de máis de 310.000€.
O primeiro deles permitirá mellorar a accesibilidade na Casa da Cultura por un importe de case 62.000€, unha actuación financiada na súa totalidade pola institución provincial. Con este proxecto eliminaranse as barreiras arquitectónicas garantindo que todas as persoas poidan participar nas actividades sociais e culturais que se desenvolven neste centro.
O segundo acordo que se formalizou este martes ascende ata os 270.000€ dos cales a institución provincial achega preto de 250.000€. A través deste convenio arranxaranse os accesos aos núcleos de As Laxes, A Rega, Cadavosa, O Vilar e Requián; e tamén realizaranse melloras na sinalización do concello a través do repintado de rúas, pasos de peóns, bandas laterais, liñas de aparcamento e redutores de velocidade, entre outros.
Neste último acordo tamén se inclúe a rehabilitación do Lavadoiro de Labrada, situado na parroquia de Bravos, unha construción que forma parte do patrimonio etnográfico do municipio e que se pretende recuperar de xeito orixinal. Nesta liña, o Alcalde recordou que aínda que non está catalogado o Concello quere recuperalo como un elemento que potenciará a riqueza cultural e paisaxística da zona.
Carmela López fixo especial fincapé en que “investir nos concellos é investir no futuro do noso rural. Garantindo máis e mellores servizos e creando novas oportunidades, contribuímos a fixar poboación, dinamizamos a economía local e melloramos a calidade de vida da veciñanza”.
Outros investimentos en Ourol
A Presidenta da Deputación aproveitou este encontro co Alcalde de Ourol para comprobar o resultado das obras de renovación da cuberta do pavillón municipal. Un proxecto, que está a piques de rematar, e que foi posible “grazas á colaboración da Deputación, pois achegamos case 140.000€ para acondicionar este espazo, mellorar o illamento da cuberta e da fachada e asegurar o confort destas instalacións” recordou Carmela López.
Ademais, percorreron as beirarrúas da contorna da Casa Consistorial, que se arranxaron cun investimento da institución provincial de case 180.000€, e, por último, visitaron a estrada provincial LU-P-3801, que comunica o núcleo da capital municipal con lugares como O Carme e As Lobeiras. A Presidenta avanzou que “nesta vía imos acometer obras de mellora por algo máis de 270.000€”. Concretamente, os traballos, que se atopan en proceso de licitación, afectarán a varios tramos: dende o inicio da vía ata o punto quilométrico 1,9; desde o quilómetro 3 ao 3,8; e desde o quilómetro 4,4 ao 4,8.
As obras consistirán na apertura de cunetas, na renovación do pavimento con aglomerado quente e na reposición da sinalización horizontal.
























Durante tres días desfrutan dun programa intenso de actividades na natureza: montaxe e desmontaxe do campamento, surf en Esteiro, tiro con arco, xincana e diversos xogos. A iniciativa está promovida polas Concellerías de Xuventude e Deporte xunto coa Oficina de Información Xuvenil.
Olimpia López, supervisou hoxe en Cospeito un control da campaña de velocidade da DGT, que busca previr sinistros nun verán de maior tráfico. Lembrou que a velocidade inadecuada está presente no 22 % dos accidentes mortais e apelou á responsabilidade dos condutores: cada km/h conta para salvar vidas.
No Campo de Fútbol de As Valgas poderanse ver desde as 21.30 horas as actuacións de Netos de Bandim, chegados desde Guinea Bissau; da Philippine Performing Arts Company, das Filipinas; e do grupo anfitrión O Arco da Vella. Un encontro único de culturas, ritmos e emocións que promete unha noite inesquecible.
A convocatoria está fixada para as 19.30 horas no salón de sesións da Casa Consistorial. Un dos puntos da orde do día inclúe a proposta para designar as festividades locais de 2027. Tamén se presentarán dous expedientes de recoñecemento extraxudicial de crédito. Ademais, a corporación someterá a aprobación as actas das sesións celebradas os días 8 e 15 de xullo. A orde do día completarase coa parte de control, na que se dará conta das resolucións da Alcaldía e se abrirá a quenda de rogos e preguntas.
Estiveron acompañados polas técnicas de xuventude Mónica López Sanjurjo e Silvia Rodríguez Barreiro, para gozar das diferentes piscinas e tobogáns deste parque acuático. A viaxe estivo organizada polas Concellerías de Xuventude e Deporte e pola Oficina de Información Xuvenil dentro do programa Verán a Tope en Xove 2026.
O prólogo é da profesora de Debuxo Camino Casabella Pumares, artista con raíces no Alfoz do Castrodouro, que participará na presentación xunto ao presidente do colectivo. Cinco dos pintores estarán presentes no acto, xa que Alaxe faleceu hai tres anos. A portada do caderno é obra do ilustrador Xosé Blanco. O evento celebrarase o sábado 8 de agosto ás 20:00 horas no castelo do Castrodouro, en Alfoz do Castrodouro.



