A programación contará con autoras e autores como Abril Camino, Francisco Narla, Miguel Garrido de Vega, Carolina Sarmiento, Marta Villar, Ana Viéitez, Paco Ribas ou Miguel Louzao Outeiro, ademais de propostas familiares de Paco Nogueiras, Pedras de cartón e Cris de Caldas
Foz, luns 17 de agosto de 2026. A Feira do Libro de Foz regresa esta semana á Praza de Conde Fontao para converter o centro da vila, do xoves 20 ao domingo 23 de agosto, nun punto de encontro arredor dos libros, a creación e a lectura. Durante catro tardes, de 17.30 a 22.00 horas, o público poderá achegarse ás casetas das librarías e participar nunha programación que combina presentacións e conversas literarias con música, teatro, poesía e espectáculos para toda a familia.
A escritora Abril Camino, gañadora do Premio Xerais de Novela 2025 por Mulleres que viven xuntas, será a encargada de pronunciar o pregón inaugural dunha feira que volve facer seu o lema das Feiras do Libro de Galicia deste ano, “A porta a universos infinitos”.
Participarán nesta edición o Servizo de Publicacións da Deputación de Lugo, Libraría Numax, Libraría Pedreira, Boulevar Libraría Edicións, A Gata Tola, Librería Perseida, Libraría Agrasar-Monforte, Libraría Cartabón e Librería Bahía. Durante toda a feira, os libros contarán cun 10 % de desconto.
Abril Camino abre a feira cunha conversa arredor de Mulleres que viven xuntas
A programación comezará o xoves 20 de agosto ás 18.45 horas co acto inaugural e o pregón de Abril Camino, acompañado pola actuación musical do Cuarteto Xijie.
Ás 19.30 horas, a música continuará cun recital de Olalla Cociña e Edu Poch. A primeira xornada pecharase ás 20.30 horas cunha conversa entre Abril Camino e María Nieto arredor das súas obras Mulleres que viven xuntas, Premio Xerais 2025, e O corpo en loita.
Teatro, memoria da Mariña e narrativa para a tarde do venres
O venres 21, a carpa abrirá a súa programación ás 18.00 horas cunha proposta pensada para o público familiar: a compañía Pedras de cartón representará Alicia, un espectáculo de teatro que convida a rir, sorprenderse e deixar voar a imaxinación.
Ás 19.00 horas, Martín Fernández Vizoso presentará Memorias de Mariñáns, acompañado por Francisco Cajoto Caserío, alcalde de Foz.
A narrativa tomará o relevo ás 20.00 horas, cando Carolina Sarmiento presente Las fronteras nun encontro coa xornalista Carlota Suárez. A xornada rematará ás 21.00 horas con Miguel Garrido de Vega, que presentará La noche líquida acompañado pola escritora Antía Yáñez.
O mar en feminino, novela negra e poesía
O sábado 22 de agosto comezará ás 18.00 horas co espectáculo infantil C@nto contigo, de Paco Nogueiras.
Ás 19.00 horas, Paco Ribas presentará Mulleres de Salitre. Na Mariña, o mar en feminino, acompañado por Bernardo Penabade, nun encontro que levará á carpa a memoria e as voces das mulleres vinculadas ao mar na comarca.
Ás 20.00 horas chegará a novela negra cunha conversa protagonizada por Ana Viéitez e Marta Villar, que falarán con María Liñeira sobre as súas novelas Pacto de silencio e Detective Ferruchi.
A poesía pechará a tarde a partir das 20.30 horas, coa presentación de Pai, de Miguel Louzao Outeiro, acompañado polo escritor e promotor cultural Bernardo Penabade e polo profesor e músico Manolo Maseda.
Unha bibliotecaria estrafalaria para despedir a feira
A última xornada, o domingo 23, volverá reservar un espazo destacado para as familias. Ás 18.00 horas, Cris de Caldaspresentará A bibliotecaria estrafalaria, unha proposta que mestura contos, humor, música e mesmo un chisco de maxia.
Ás 19.00 horas terá lugar a presentación de Enxeñería hidráulica do século XVIII na cidade de Mondoñedo. A traída histórica de auga, coa participación de Xurxo Lorenzo.
A programación da carpa chegará ao seu remate ás 20.00 horas con Farruco Graña, que presentará Eu Voun Navegar.
Encontros cos autores nas casetas
Á programación da carpa súmase durante os catro días unha ampla axenda de sinaturas nas casetas das librarías participantes.
O xoves 20 estarán Eva Riobo, con Doncella de hierro; Estefanía Padullés, con Memoria de sombra y bosque e, como ilustradora, Mortadela Sándwich: prohibido usar la magia; Lois Pérez, con Hoxe toca Leiva?; Olalla Cociña, con Primeiro espello; e Juan de Oñate, con Presagio.
O venres 21 asinarán Suso Lista, Travesía; Xose Manuel Varela, Begoña Caamaño; Alba López Paredes, Nándinor, La leyenda de Noa e Glesea; Miguel Garrido de Vega, La noche líquida; Esteban A. Jiménez, Niño de barro y su metamorfósis; e Francisco Narla, Ultreia e o resto da súa obra.
O sábado 22 pasarán polas casetas Lydia Chas, con Sin efecto retroactivo; Alba López Paredes; Marta Villar, con Detective Ferruchi; e Abril Camino, con Mulleres que viven xuntas.
Finalmente, o domingo 23 será a quenda de Alba Regueiro, con A través de mis latidos; Zara Mist, con Cuando brille la escarcha; Alba López Paredes; e Lucía Román, con El linaje del cormorán.
A Feira do Libro de Foz forma parte do calendario das Feiras do Libro de Galicia 2026, organizado pola Federación de Librarías de Galicia coa colaboración das administracións e entidades implicadas, baixo o lema “A porta a universos infinitos”.





















O alcalde, Dani Vega, fixo un balance moi positivo: “foi un concerto moi especial nun marco espectacular, como é a igrexa parroquial de Ribadeo, e no que o gaiteiro Carlos Núñez encandilou aos asistentes co seu repertorio. Todos os asistentes disfrutámolo moito”. Xunto a Carlos Núñez estiveron o rexedor e as concelleiras de Cultura, Turismo e Seguridade, Begoña Sanjurjo, Marta Saiz e Montse Seijo.
Durante case dúas horas desenvolveuse unha conversa aberta arredor do mundo do espírito e do contido da obra, nun encontro ao que asistiu un grupo numeroso de persoas dispostas non só a escoitar, senón tamén a dialogar e compartir reflexións. Tras a intervención inicial de Pepe Peinó como responsable do proxecto, tomou a palabra o escritor Lionel Rexes, quen achegou novas perspectivas antes de abrir o debate ao público. As opinións, argumentos e matices sobre relixión, espiritualidade, Deus e os valores que sustentan a convivencia foron enchendo o espazo nun ambiente participativo e respectuoso, no que as diferenzas quedaron en segundo plano fronte á forza do diálogo, a solidariedade e o afecto.
Foron os propios implicados quen contactaron co 112 Galicia pasada a medianoite deste domingo. O vehículo no que viaxaban saíuse da vía na LU-132, en Cabarcos, Barreiros. A posición na que quedou o coche, inclinado sobre un terraplén, complicou o acceso dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, por iso, os xestores do Centro Integrado de Artención ás Emerxencias de Galicia avisaron aos Bombeiros de Barreiros. Finalmente, só tiveron que rescatar a un dos dous ocupantes, o copiloto, e, para iso, tiveron que cortar os asentos. Do mesmo xeito, o equipo médico só trasladou a unha persoa.
A iniciativa xurdiu co obxectivo de xuntar o alumnado que coincidira na EGB, pero axiña se ampliou a todas aquelas persoas que compartiron pupitres e amizades tamén no instituto.
O público, totalmente entregado de principio a fin, amosouno cos intensos e prolongados aplausos que acompañaron toda a actuación. Ao remate, os asistentes expresaron o seu desexo de poder gozar no futuro de novos concertos do artista, que sen dúbida volverán entusiasmar ao público.
Na xuntanza preténdese analizar a execución das obras, o comportamento da empresa responsable, a problemática dos accesos durante as Festas de Xunqueira e solicitar ao Concello de Viveiro que faga público o proxecto definitivo.



