Foz 28-1-19. A asociación cultural A Pomba do Arco organiza o xoves 31 de xaneiro ás 20:30 no salón de actos do CENIMA de Foz a presentación da obra teatral completa do poeta Manuel María Fernández Teixeiro, nun acto no que participarán Pilar García Negro, autora da edición da obra, e Alberte Ansede, secretario da Fundación Manuel María, entidade promotora da publicación.
A publicación que se presentará o vindeiro xoves inclúe en palabras de Pilar García Negro “unha produción amplísima, 33 obras, un abano temático e estilístico variadísimo, así que a satisfacción é grande por poder incrementar a obra dun escritor proteico, poliédrico, con amplísima dedicación a todos os xéneros literarios e con tantísimo servizo á cultura galega no seu conxunto. Por iso, o primeiro que afirmo é que nace un dramaturgo para a literatura e a escena galega”. Malia que o autor chairego é coñecido fundamentalmente pola súa produción poética, escribiu de xeito continuado teatro desde 1957 até 2001, sendo autor entre esas 33 obras de textos tan coñecidos como Barriga Verde, A espiña Bereguela ou os seus famosos autos, con titulos tan significativos como Auto mariñeiro, Auto labrego ou Auto da costureira que son a socioloxía laboral galega, a clase traballadora galega absolutamente predominante até hai pouco tempo.
Manuel María, primeiro socio de honra da asociación cultural A Pomba do Arco, significouse ao longo da súa vida pola súa vinculación persoal e literaria ao concello de Foz, do que da conta diversas publicacións de carácter poético e tamén teatral. Neste sentido o libro que presentaremos o vindeiro xoves recolle unha obra titulada o Auto do alugado ou de Raboces, elaborado polo autor atendendo unha petición do seu amigo Xesús Fernández e representada no seu momento polo grupo de teatro O Coto de Faro con motivo dunhas festas patronais. O Auto do alugado ou encanto de Raboces é unha peza que dramatiza unha vella lenda de Nois situado precisamente no lugar de Raboces onde segundo a tradición o encanto aparecéuselle a uns veciños desta parroquia que retornaban da sega en Castela, nun texto que mestura a nosa tradición coa preocupación do autor polas clases populares tan presentes nos seus autos. Precisamente esta obra de teatro será a última de toda a produción teatral de Manuel María.
A edición desta obra teatral completa de Manuel María corre a cargo de Pilar García Negro, unha das máis destacadas e recoñecidas investigadoras do noso sistema literario e lingüístico. Profesora da Universidade d´A Coruña é unha das voces máis autorizadas dos estudos sociolingüísticos no noso país, entre os que podemos sinalar O galego e as leis. Aproximación sociolingüística, Sempre en galego, Direitos lingüísticos e control político ou De fala a lingua: un proceso inacabado. Ao tempo, no ámbito dos estudos literarios, ten traballado sobre a obra de autores tan diferentes como Rosalía de Castro, Valentín Lamas Carvajal, Daniel Castelao, Ramón Vilar Ponte, Ricardo Carvalho Calero ou Pilar Pallares.
A asociación cultural A Pomba do Arco quere por último convidar a toda a veciñanza de Foz e da Mariña a participar nunha xornada na que non só queremos contribuír a un mellor coñecemento da obra de Manuel María senón na que tamén tentamos homenaxear a un dos grandes vultos da nosa literatura nacional, vencellada, ao tempo, dun xeito tan activo e xeneroso á vida social e cultural do concello de Foz.