Lugo, 23 de marzo de 2019.- Dezaseis inscritos participan esta fin de semana no curso sobre busca e salvamento en montaña e zonas illadas que a Xunta organiza en Mondoñedo para voluntarios de Protección Civil.
Deste xeito dá inicio a programación de accións formativas neste primeiro semestre do ano na provincia de Lugo que inclúe sete cursos de formación que se impartirán en Mondoñedo, O Saviñao, Ribeira de Piquín e Chantada. En total, suman 140 prazas.
Estes primeiros 16 voluntarios pertencen ás agrupacións de Protección Civil de Mondoñedo, Ribadeo, Lourenzá, Riotorto e Barreiros. Con todo a participación nos restantes cursos é libre e gratuíta co único requisito de formar parte dunha agrupación de voluntariado en emexencias.
As accións formativas están organizadas pola Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP), organismo dependente da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza. Precisamente na web desta entidade (https://agasp.xunta.gal) pode consultarse o calendario e as datas e procedemento de inscrición.