Xove, 17 de outubro, 2019. No Pleno celebrado o pasado martes 15 de outubro, a iniciativa da alcaldía de Xove, aprobouse por unanimidade de toda a corporación unha proposta en apoio da competitividade e futuro dos empregos das factorías que a multinacional Alcoa ten en Xove e Cervo.
A presentación desta proposta ven determinada pola situación actual da empresa, en grave crise debido aos altos custos da enerxía eléctrica que ten que soportar.
De seguido transcríbese a exposición de motivos que xustifican a presentación da proposta e os acordos adoptados polo Pleno:
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
As factorías coas que a multinacional Alcoa conta en Xove e Cervo (para a fabricación de alumina e aluminio) teñen un carácter estratéxico por canto constitúen o principal motor económico e laboral da Mariña lucense e un dos máis importantes da nosa provincia, onde incluso representa o 30% do seu Produto Interior Bruto (PIB).
Estamos a falar da principal fonte de emprego directo para máis de 1.100 familias de traballadores do complexo, aos que teríamos que engadir os empregos indirectos que xera Alcoa na costa lucense, tanto nas empresas auxiliares, como en sectores como o de servizos e hostalería (calcúlase un total no entorno a 5.000 postos de traballo).
Un dos principais factores que afectan á competitividade e futuro desta compañía ten que ver co custe da enerxía eléctrica, xa que logo para transformar a alumina en aluminio é preciso un proceso de electrólise que precisa de moita demanda enerxética. Só Alcoa San Cibrao ten un consumo equivalente a 30.000 fogares.
A factura eléctrica representa un dos gastos máis importantes da conta de explotación da factoría e os elevadísimos incrementos do prezo que están a ter lugar nos últimos meses poñen en risco a viabilidade e futuro deste complexo industrial, sen que o Goberno central adopte as medidas ás que se comprometeu, entre elas, a aprobación do Real Decreto que incorpora o Estatuto de Consumidores Electrointensivos.
Esta ferramenta normativa debe establecer unha combinación de medidas, primas, subvencións e descontos, que protexan a competitividade das empresa altamente dependentes da enerxía abaratando o custo final do subministro, unha variable especialmente necesaria, para empresas que compiten nun mercado global. Neste momento o prezo da electricidade en España é moi caro, preto dun 50 % máis que en Alemaña ou Francia.
Con todo, o borrador deste Real Decreto presentado o pasado mes de marzo polo Ministerio de Enerxía e Transición Ecolóxica non foi satisfactorio para ninguén, porque recortaba o sistema de apoio actual, e non incorporaba as demandas do sector. A Xunta de Galicia validou e presentou coas empresas electrointensivas as alegacións para que o futuro estatuto incluíra as propostas de Galicia sen que, ata o de agora, obter cumprida resposta.
Non é a primeira vez que na factoría lucense existen tensións como consecuencia do prezo da electricidade, pero nesta ocasión a situación é moito más grave derivada da inactividade do Goberno central ou de decisións políticas como as que desde o Executivo estatal cuestionan o futuro das empresas produtoras de enerxía (térmicas, de carbón, nucleares) sen alternativas viables a prezos competitivos.
Ademais a día de hoxe, a situación vese agravada tendo en conta que a multinacional advirte que o mantemento dos prezos actuais non permiten a produción aluminio en condicións competitivas e que lle levou a adoptar decisión inauditas, como a venda das factorías emprazadas na Coruña e Avilés ou a decisión de recortar a produción e pechar a actividade de 32 cubas na factoría de San Cibrao.
Por todo o anterior, preséntase ó Pleno do Concello de Xove a presente PROPOSTA DE ALCALDÍA EN APOIO DA COMPETITIVIDADE E FUTURO DOS EMPREGOS NAS FACTORIAS DA MULTINACIONAL ALCOA e proponse a aprobación dos seguintes
ACORDOS
1º.- Instar ao Goberno central a realizar todas as accións necesarias encamiñadas a garantir os centros produtivos e os postos de traballo das factorías de Alcoa en San Cibrao (Cervo) .
2º.- Instar ao Goberno central a garantir un marco enerxético estable e competitivo e aprobar, de xeito inmediato, o estatuto de apoio ás empresas electrointensivas, no que se incorporen as alegacións presentadas en conxunto pola Xunta de Galicia e as compañías galegas, así como as presentadas polos representantes dos traballadores, co fin de que Alcoa dispoña dun prezo da enerxía que lle permita manter a súa actividade.



















Era o único ocupante do turismo e os Bombeiros de Vilalba tiveron que excarceralo. Ao fío das 13:30 horas, un particular informou ao 112 Galicia dun coche que se saíra da vía e acabara batendo contra unha árbore no quilómetro 75 da N-640, en Ludrio (Castro de Rei). O propio alertador sinalou que o accidente semellaba grave polo estado no que quedara o vehículo. Cando chegaron ao lugar, os servizos de emerxencias confirmaron que só había unha persoa implicada,un home que resultou falecido e foi excarcerado polos bombeiros. No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
A alcaldesa Marta Rouco inaugurou a cita, que abriu coa IV Volta Ciclista á Terra Chá e cunha programación centrada na relación entre Galicia e Cuba e na memoria da emigración. Houbo unha mesa redonda sobre o Centro Galego da Habana, a exposición Galicia Imaxinada e música, ademais dunha mostra de xornais antigos. Rouco reivindicou a importancia de lembrar a emigración galega e apelou a mirar con humanidade as migracións actuais, destacando tamén o papel das asociacións culturais das parroquias na conservación das tradicións. A feira continou con desfile de época, xantar popular, xogos, animación, baile cubano, foliada, queimada e propostas musicais e artesanais ata a noite.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Ocorreu minutos antes das 11:30 horas. Unha persoa foi trasladada ao hospital tras resultar ferida na colisión entre un coche e un autobús no quilómetro 512 da A-8 en sentido A Coruña, en Vilaframil (Ribadeo). Entre os alertadores estiveron as persoas que viaxaban no coche, que puideran saír do vehículo. Por outra banda, o autobús conseguiu deterse uns metros máis adiante. Ao punto desprazáronse Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da autovía.
O próximo luns 14 de setembro comeza un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.
A programación arrancará de 13:00 a 15:00 horas cos pinchos de benvida e unha sesión vermú a cargo do DJ Peabody. A continuación, de 15:00 a 17:00 horas, terá lugar a comida na Finca San Antonio, cun menú composto por salpicón de rape e langostinos, codillo con patacas, pan, postre, café, chupito e bebida incluída. Os tickets teñen un prezo de 40 euros e poden adquirirse en O Rincón, Confitería Alianza, Comercial Anjor e Perruquería Oriola; os menores de 5 anos asistirán de balde e os de 6 a 10 anos contan cun desconto do 50 %. Xa a partires das 18.30 horas haberá sesión de música con Toxo Guayaba.



