SANTIAGO .- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, reforza os servizos de Noitebús durante a Semana Santa e incrementará a oferta de liñas de Noitebus durante a primavera e o verán. En maio, comezan a funcionar as rutas Viveiro-Ribadeo, Mondoñedo-Foz e en xuño entran en servizo O Valadouro-Foz. Na actualidade, existen 246 rutas concedidas: 109 na Coruña, 56 en Lugo, 39 en Ourense e 42 en Pontevedra.
NOTA DE PRENSA
A Dirección Xeral de Mobilidade está estudando a implantación de medidas de control para evitar o mal uso deste servizo de transporte
MEDIO AMBIENTE REFORZA O SERVIZO NOITEBÚS DURANTE A SEMANA SANTA MEDIANTE O INCREMENTO DE 17 RUTAS
* O prezo do billete é de 2 euros (ida e volta), importe accesible co que se pretende evitar desprazamentos en vehículo particular para reducir a sinistralidade viaria
* A Dirección Xeral de Mobilidade sinala que ao longo dos meses de xaneiro e febreiro, un total de 78.714 usuarios empregaron os servizos de Noitebús
* A Xunta poñerá en marcha 9 liñas máis a partir dos meses de maio e xuño
Santiago, 28 de marzo de 2010.- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través da Dirección Xeral de Mobilidade, reforza os servizos de Noitebús durante a Semana Santa, incrementando en 17 as rutas de autobuses. Na actualidade, existen 246 rutas concedidas: 109 na Coruña, 56 en Lugo, 39 en Ourense e 42 en Pontevedra.
As seguintes rutas comezan a prestar servizo ou realizan desprazamentos soamente ao longo do periodo vacacional. A liña Santa Mariña- Camariñas- Santa Mariña funcionará dende o mércores 31 de marzo ata o 4 de abril e Ferrol-Valdoviño-Cedeira, os días 2 e 3 de abril. Ademais, esta última liña establécese a partir do mes de xuño.
Por outra parte, existen unha serie de rutas que tiveron servizo en Nadal e Entroido e retómanse os días 2 e 3 de abril, xornadas que corresponden co Xoves e Venres Santo. Estas liñas son: Boimorto-Melide-Lalín-Melide, Friol-Melide, Arzúa-Melide-Palas de Rei, Golán-Melide, Melide-Santiso-Melide, Melide-Sobrado-Toques-Melide.
Na provincia de Pontevedra, funcionarán varias liñas do 1 ao 3 de abril, que se establecerán como fixas a partir de xuño. Estas rutas son: O Grove- Sanxenxo, Pontevedra- Sanxenxo- Portonovo, Cangas- Vigo e Pontevedra- Bueu Cangas. Tamén existen outras liñas que realizarán desprazamentos o 2, o 3 de abril, o 30 de abril e o 1 de maio: A Illa- Vilanova- Cambados, Vilagarcía- Pontevedra e Catoira- Vilagarcía- Sanxenxo.
O prezo do billete para os usuarios continúa sendo de 2 euros (ida e volta), importe moi accesible co que se pretende evitar os desprazamentos en vehículo particular como medida para reducir a sinistralidade viaria.
Máis de 78.700 usuarios
A Dirección Xeral de Mobilidade sinala que ao longo dos dous meses de xaneiro e febreiro, un total de 78.714 usuarios empregaron os servizos de Noitebús. O éxito deste servizo vén avalado por un continuo incremento da demanda, consolidando o NoiteBús como unha alternativa cada vez máis clara ao vehículo privado. Cabe citar que as liñas que rexistraron un maior número de usuarios foron: Ribeira-Padrón, 2.454; Carballo-Ordes-Carballo, 1.732; Cambre- A Coruña, 1.212; A Coruña- Betanzos, 2.145; Redondela- Vigo, 1.890; Negreira-Brión-Bertamiráns-Santiago, 2.598; e Marín- Pontevedra, 1.448.
Dende a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas o éxito do programa NoiteBús radica en que vai especificamente dirixido ao sector poboacional no que se pretende incidir, a xuventude, ofrecendo a posibilidade de desprazarse durante toda a noite por unha baixa tarifa unificada, e conectando as principais zonas de “movida” nocturna da nosa xeografía.
9 rutas máis en maio e xuño
A Xunta de Galicia vén de avanzar que se continuará incrementando a oferta de liñas de Noitebus durante a primavera e o verán. Así, en maio, comezan a funcionar as rutas Ferrol- Ares-Miño, Viveiro-Ribadeo, Mondoñedo-Foz, Portomarín-Monterroso-Melide e Sober-Monforte. En xuño, entran en servizo O Valadouro-Foz, Rozables-Cangas, Baiona-Vigo e Eiras- A Guarda.
RUTAS NOITEBÚS EN SEMANA SANTA
31 marzo- 4 abril 2 abril – 3 abril 1 abril – 3 abril (tamén a partir de xuño)
Santa Mariña- Camariñas- Santa Mariña Ferrol-Valdoviño-Cedeira O Grove- Sanxenxo
Boimorto-Melide-Lalín-Melide Pontevedra-Sanxenxo- Portonovo
Friol-Melide Cangas- Vigo
Arzúa-Melide-Palas de Rei Pontevedra- Bueu- Cangas
Golán-Melide Teibel- Escairón
Melide-Santiso-Melide
Melide-Sobrado-Toques-Melide
A Illa- Vilanova- Cambados
Vilagarcía- Pontevedra
Catoira- Vilagarcía- Sanxenxo
Por outra banda, a Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Mobilidade está a estudar a implantación de medidas de control para evitar o mal uso deste servizo de transporte.



















O lume iniciouse ás 14.51 horas e para a súa extinción mobilizáronse, polo de agora, 2 técnicos, 7 axentes, 11 brigadas, 12 motobombas, 1 pa, 5 helicópteros e 7 avións.
Os subcampións foron Benja e Álvaro. O torneo reuniu no Real Club Náutico arredor dun centenar de xogadores procedentes de Galicia, Asturias e Castela e León, consolidándose como unha das citas máis destacadas do calendario musístico da costa lucense. Desde LuMus agradecen “el apoyo del Concello de Ribadeo, del Real Club Náutico de Ribadeo, de Mapfre y del resto de colaboradores y patrocinadores que hicieron posible esta cita, que dio comienzo a primera hora de la mañana y se prolongó durante toda la jornada del sábado”.
O festival De Cabo a Cabo, organizado por Fanto Fantini cunha achega provincial de 20.000 €, puxo en valor a diversidade cultural de Burela, onde o 10% da poboación é de orixe caboverdiana. A programación espallouse por varios espazos da vila con música, intervencións artísticas e torneos deportivos, e contou coa presenza de artistas como Baiuca, DJ Danifox, DJ Kandole, Batuko Tabanka, Lilaina ou Saya. A contribución da Deputación permitiu cubrir a infraestrutura técnica e loxística, así como os custos de organización e contratación das actividades.
Esta cita, xa consolidada dentro da programación estable do centro, permitirá ao público gozar dunha mostra do traballo artístico e formativo desenvolvido ao longo do curso polo alumnado da especialidade. A actividade constitúe unha oportunidade para achegar a danza á cidadanía e poñer en valor o esforzo, a dedicación e a evolución das alumnas e alumnos participantes.
O Concello destaca que este novo éxito é froito do compromiso, do esforzo e da dedicación constante do deportista, cualidades que lle permiten seguir acadando resultados destacados a nivel estatal. Desde a entidade municipal transmítense os parabéns a González Villares por este subcampionato de España.
A proba, organizada polo CP Altrúan, reuniu máis de 130 palistas dos seis clubs lucenses de augas tranquilas que participan na competición: o propio Altruán, o CD San Ciprián, o Club Kayak Foz, o CP Viveiro Urban Hotel, o Cidade de Lugo e o Club Fluvial de Lugo. O deputado de Mocidade Daniel García entregou os premios da proba, na que Club Fluvial de Lugo, Cidade de Lugo e Altruán coparon o podio por equipos. A Copa Deputación de Piraguismo, que conta de 6 regatas, organízase no marco da colaboración que a Vicepresidencia da Deputación de Lugo mantén coa Federación Galega de Piragüismo para a promoción deste deporte, ofrecendo aos clubs a posibilidade de participar en competicións federadas nas súas comarcas e contribuíndo así á consolidación de equipos de base.
Malia a intensa calor, o pavillón encheuse de público para gozar das actuacións das numerosas alumnas, que ofreceron exercicios individuais, por parellas e en grupo, destacando pola súa beleza e dificultade técnica ao ritmo da música escollida. Ao remate, a concelleira Ana Rubal entregou medallas ás participantes, que tamén agradeceron o traballo e os valores transmitidos pola súa monitora, Lorena Fernández. Lémbrase que a festa de clausura das Escolas Deportivas terá lugar o luns 29 ás 19:00 horas, nun acto conxunto co Concello de Alfoz, no que haberá diversas actividades de celebración e a entrega de diplomas.



