Lugo, a 3 de xaneiro de 2020. A presidenta do PP lucense, Elena Candia, propuxo esta mañá, tras manter unha reunión -na que tamén participou o senador José Manuel Barreiro- cunha ampla representación da Plataforma Lugo Non Perdas o Tren, “unha fronte común” para demandar melloras nos servizos ferroviarios da nosa provincia e “rexeitar a anulación dalgúns deles” como é o caso do peche da venda de billetes de xeito presencial nas estacións de Burela, Sarria e Viveiro.
“O Partido Popular ten demostrada nos distintos ámbitos institucionais e sociais a súa preocupación polas carencias infraestruturais e de servizos en materia ferroviaria”, segundo lembrou a máxima dirixente dos populares lucenses que continuou advertindo que “a sociedade lucense está cansa de non dispoñer de servizos ferroviarios acordes ás necesidades da provincia”. Por iso, coincidindo nos obxectivos; o Partido Popular e a citada plataforma da que forma parte a Federación Provincial de Asociacións de Veciños que presiden Jesús Vázquez, acordaron colaborar no desenvolvemento de iniciativas de distinto tipo para conseguir que a provincia de Lugo teña uns servizos ferroviarios que se correspondan coas necesidades reais.
Os populares e os membros da Plataforma coincidiron na necesidade de que se establezan prazos asumibles e cribles para a conexión de Lugo mediante AVE co resto de España. A reivindicación do AVE é plenamente compartida. Candia explicou que “en Lugo o AVE non está nin se lle espera”. Así o considera ante “os feitos que constatan o retraso da súa chegada a Galicia, como por exemplo, que o Goberno central non ofreza datas pechadas, ou cando menos aproximadas, que resulten cribles sobre a posta en funcionamento do servizo na nosa comunidade”.
Os problemas da provincia en materia ferroviaria non se limitan aos retrasos na posta en servizo do AVE; os servizos convencionais tropezan con múltiples e graves problemas de infraestruturas que fan que nalgunha temporada saían a unha media de incidencia por día. No final do ano pasado quedou moi claro que o problema do estado das infraestruturas e dos medios mecánicos é realmente moi grave. Como exemplo baste recordar que o tren hotel procedente de Barcelona quedou atrapado, con 140 pasaxeiros, nun túnel moi cerca da provincia de Lugo, concretamente, no punto quilométrico 306+100, debido a un enganchón do pantógrafo, que fixo caer a catenaria sobre o propio tren. Poucos días antes, moi cerca do punto onde ocorreu o percance, houbo outro incidente tamén debido a un enganchón do pantógrafo. Dous días despois de que o tren hotel de Barcelona quedará atrapado nun túnel, o tren de Madrid sufriu un notable retraso por fallo da máquina en Las Matas. Son so tres dos máis recentes exemplos da falta de calidade do tren que da servizo a Lugo.
Por outra parte, non hai que esquecer a ameaza sobre o tren hotel de Barcelona dun cambio, a peor, de material rodante. Así, a mandataria do Partido Popular lucense lembrou que “o Grupo Popular levou ao pasado pleno da corporación provincial do mes de outubro unha proposta para frear os plans de Renfe para empeorar este servizo nocturno entre Lugo e Barcelona”, unha medida regresiva que tamén censurara a Plataforma Lugo Non Perdas o Tren. Candia recordou que “PSOE e BNG abstivéronse” e, polo tanto, rexeitaron apoiar a iniciativa popular.
Do mesmo xeito, “a liña de Feve na Mariña tamén sufre numerosos problemas que obrigan a transportar aos pasaxeiros por estrada. Incluso o pasado verán un tren que pasaba por Burela non chegou a abrir as súas portas porque ía demasiada chea a única unidade que circulaba deixando aos usuarios sen servizo”.
E, aínda por riba, os servizos ferroviarios da provincia están a perder prestacións aos usuarios, como é o peche, na provincia de Lugo, dos servizos de venda presencial de billetes en Sarria, Burela e Viveiro. Candia manifestou, a este respecto, o seu rexeitamento ao peche deste servizo que Renfe consumaba co inicio deste ano 2020 -e sen ter garantido tampouco o funcionamento das máquinas expendedoras- e, do mesmo xeito que manifestou a Xunta de Galicia, pide ao Goberno central tomar medidas como fixo o Goberno de Rajoy ante a proposta de pechar a venda de billetes en Sarria no ano 2017. Ante a perda de servizos, os populares da provincia veñen de presentar distintas iniciativas nos Concellos, no Congreso e no Senado defendendo uns servizos de calidade e pedindo explicacións ao Goberno pola eliminación da venda presencial de billetes nos municipios afectados.
A Plataforma e o PP de Lugo coinciden na necesidade, sen máis demora, de distintas melloras como son unha comunicación ferroviaria axeitada con León que xa dispón de AVE, comunicación fluída con Ourense -onde as obras do AVE están avanzadas-, electrificación da liña Lugo-Monforte- Ourense para que os trens circulen a máis velocidade que actualmente. A este respecto, lembrou Candia que “os orzamentos xerais do Estado que presentaba o Goberno de Pedro Sánchez a comezos do 2019 –e que, finalmente, non foron aprobados, recollía unha redución na partida de electrificación da liña Monforte-Lugo a redución do custo das obras dende os 113 millóns aos 83 millóns, un 27% menos, con respecto ao contemplado polos Presupostos Xerais do Estado elaborados polo Goberno do Partido Popular e que seguen en vigor prorrogados”, aclarou a dirixente popular afeando os plans dos socialistas para a modernización do ferrocarril na nosa provincia.


















Era o único ocupante do turismo e os Bombeiros de Vilalba tiveron que excarceralo. Ao fío das 13:30 horas, un particular informou ao 112 Galicia dun coche que se saíra da vía e acabara batendo contra unha árbore no quilómetro 75 da N-640, en Ludrio (Castro de Rei). O propio alertador sinalou que o accidente semellaba grave polo estado no que quedara o vehículo. Cando chegaron ao lugar, os servizos de emerxencias confirmaron que só había unha persoa implicada,un home que resultou falecido e foi excarcerado polos bombeiros. No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
A alcaldesa Marta Rouco inaugurou a cita, que abriu coa IV Volta Ciclista á Terra Chá e cunha programación centrada na relación entre Galicia e Cuba e na memoria da emigración. Houbo unha mesa redonda sobre o Centro Galego da Habana, a exposición Galicia Imaxinada e música, ademais dunha mostra de xornais antigos. Rouco reivindicou a importancia de lembrar a emigración galega e apelou a mirar con humanidade as migracións actuais, destacando tamén o papel das asociacións culturais das parroquias na conservación das tradicións. A feira continou con desfile de época, xantar popular, xogos, animación, baile cubano, foliada, queimada e propostas musicais e artesanais ata a noite.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Ocorreu minutos antes das 11:30 horas. Unha persoa foi trasladada ao hospital tras resultar ferida na colisión entre un coche e un autobús no quilómetro 512 da A-8 en sentido A Coruña, en Vilaframil (Ribadeo). Entre os alertadores estiveron as persoas que viaxaban no coche, que puideran saír do vehículo. Por outra banda, o autobús conseguiu deterse uns metros máis adiante. Ao punto desprazáronse Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da autovía.
O próximo luns 14 de setembro comeza un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.
A programación arrancará de 13:00 a 15:00 horas cos pinchos de benvida e unha sesión vermú a cargo do DJ Peabody. A continuación, de 15:00 a 17:00 horas, terá lugar a comida na Finca San Antonio, cun menú composto por salpicón de rape e langostinos, codillo con patacas, pan, postre, café, chupito e bebida incluída. Os tickets teñen un prezo de 40 euros e poden adquirirse en O Rincón, Confitería Alianza, Comercial Anjor e Perruquería Oriola; os menores de 5 anos asistirán de balde e os de 6 a 10 anos contan cun desconto do 50 %. Xa a partires das 18.30 horas haberá sesión de música con Toxo Guayaba.



