Lugo, 4 de xaneiro de 2020, Os Orzamentos da Deputación de Lugo para este ano 2020, que ascenden a 92M€, quedaron aprobados de maneira definitiva coa súa publicación este sábado, 4 de xaneiro, no Boletín Oficial da Provincia (BOP), despois de que durante os 15 días de exposición pública non se presentase ningunha alegación. Deste xeito, a entrada en vigor dos presupostos prodúcese hoxe mesmo, aínda que con efectos do 1 de xaneiro.
O Presidente, José Tomé Roca, subliñou que o Orzamento 2020 “está pegado á realidade da provincia e aplica a través da cooperación cos concellos políticas progresistas para favorecer a cohesión social, o equilibrio territorial e o impulso da economía e o emprego, mantendo ao mesmo tempo a consolidación e a solvencia da Deputación en termos económicos financeiros”. Así, o organismo provincial, afirmou, contribúe a “mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas da provincia e a fixar poboación, axudando a combater coas ferramentas que temos a grave caída demográfica que estamos a sufrir”.
Orzamentos sociais
Para iso, asegurou José Tomé, os presupostos potencian catro grandes liñas de actuación. A prioritaria son as políticas sociais, para o están destinadas partidas que superan os 30M€, o que represente preto do 33% do total dos presupostos.
Dentro do investimento social, o presuposto da Deputación dedica 9M€ para o funcionamento das residencias de Pol, Trabada e Ribadeo, e para a apertura das da Fonsagrada, Castroverde e Pedrafita do Cebreiro, e avanzar no equipamento das de Meira e Ribas de Sil.
As políticas de emprego contarán con 5M€ para plans de axudas directas á contratación, para formación e para apoio ao emprendemento, ben de xeito directo ou a través da cooperación cos concellos.
A defensa do Goberno provincial dunha educación pública, gratuíta e universal como base da igualdade de oportunidades plásmase tamén nos Orzamentos cunha dotación económica de 2,6M€. Máis da metade deste investimento -1,5M€- está destinado ó Centro de Formación do Servizo de Audiovisuais, o único con esta titulación que existe na provincia, e que ademais é público e con matrícula gratuíta, excepto para os repetidores.
A Cooperación, acción transversal
Os Orzamentos do 2020 teñen a cooperación cos Concellos como acción transversal. O Plan Único, un dos instrumentos en torno aos que se artella esta permanente colaboración cos 67 municipios da provincia, contará cunha dotación de algo máis de 20M€, entre os recursos previstos nos propios orzamentos (de 11,2M€) e a previsión de incorporación de remanentes.
A mobilidade, un dereito
Os Orzamentos de 2020 priorizan a mellora da rede viaria porque, explicou o Presidente, “entendemos a mobilidade como un dereito da cidadanía e como un factor determinante para a igualdade de oportunidades e o equilibrio territorial”. Por iso, “facemos un importante esforzo inversor”, detallou, de ata 14M€, para operacións de mantemento e conservación dos 4.200 quilómetros da rede viaria provincial –a máis extensa de España-, para obra nova e para o Parque Móbil, “outro instrumento de cooperación cos concellos moi importante”.
Impulso ós sectores produtivos
Os Orzamentos impulsan sobre todo os sectores produtivos cun maior peso e potencial da provincia, como o son o primario e o turístico. En canto á actividade agrogandeira e forestal, reservan 2M€ para, entre outras actuacións, impulsar o centro de recría da Granxa Gayoso Castro; poñer en marcha e manter o funcionamento da Granxa Experimental de Leite; impulsar a creación en Gayoso Castro dunha explotación para potenciar a raza de porco celta; implantar na Finca de Tor novas actividades vinculadas á produción ecolóxica; e activar novas liñas de axuda aos produtores para que poidan aumentar a base territorial das súas explotacións e mellorar así a súa competitividade.
En canto ao sector turístico, os presupostos contemplan 2,4M€ para incorporar as tecnoloxías ao sector e atraer así a máis visitantes; manter as rutas fluviais en catamarán e a promoción da provincia en encontros de proxección nacional e internacional; dar un novo impulso á candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade; aproveitar o potencial que representa o turismo vinculado ao Camiño de Santiago sobre todo de cara ao Xacobeo 2021, e integrar á provincia na Rede Europea de Itinerarios Culturais para fomentar o turismo.



















Era o único ocupante do turismo e os Bombeiros de Vilalba tiveron que excarceralo. Ao fío das 13:30 horas, un particular informou ao 112 Galicia dun coche que se saíra da vía e acabara batendo contra unha árbore no quilómetro 75 da N-640, en Ludrio (Castro de Rei). O propio alertador sinalou que o accidente semellaba grave polo estado no que quedara o vehículo. Cando chegaron ao lugar, os servizos de emerxencias confirmaron que só había unha persoa implicada,un home que resultou falecido e foi excarcerado polos bombeiros. No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
A alcaldesa Marta Rouco inaugurou a cita, que abriu coa IV Volta Ciclista á Terra Chá e cunha programación centrada na relación entre Galicia e Cuba e na memoria da emigración. Houbo unha mesa redonda sobre o Centro Galego da Habana, a exposición Galicia Imaxinada e música, ademais dunha mostra de xornais antigos. Rouco reivindicou a importancia de lembrar a emigración galega e apelou a mirar con humanidade as migracións actuais, destacando tamén o papel das asociacións culturais das parroquias na conservación das tradicións. A feira continou con desfile de época, xantar popular, xogos, animación, baile cubano, foliada, queimada e propostas musicais e artesanais ata a noite.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Ocorreu minutos antes das 11:30 horas. Unha persoa foi trasladada ao hospital tras resultar ferida na colisión entre un coche e un autobús no quilómetro 512 da A-8 en sentido A Coruña, en Vilaframil (Ribadeo). Entre os alertadores estiveron as persoas que viaxaban no coche, que puideran saír do vehículo. Por outra banda, o autobús conseguiu deterse uns metros máis adiante. Ao punto desprazáronse Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da autovía.
O próximo luns 14 de setembro comeza un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.
A programación arrancará de 13:00 a 15:00 horas cos pinchos de benvida e unha sesión vermú a cargo do DJ Peabody. A continuación, de 15:00 a 17:00 horas, terá lugar a comida na Finca San Antonio, cun menú composto por salpicón de rape e langostinos, codillo con patacas, pan, postre, café, chupito e bebida incluída. Os tickets teñen un prezo de 40 euros e poden adquirirse en O Rincón, Confitería Alianza, Comercial Anjor e Perruquería Oriola; os menores de 5 anos asistirán de balde e os de 6 a 10 anos contan cun desconto do 50 %. Xa a partires das 18.30 horas haberá sesión de música con Toxo Guayaba.



