LUGO .- A xunta de goberno da Deputación aprobou o convenio polo que 57 concellos xestionarán a roza das estrada o que lles permite aforrar cartos. Os 57 municipios suman 3.498 quilómetros de vías provinciais, o que supón un investimento para a Deputación de preto de 620.000 euros.
Nota de Prensa
57 Concellos xestionarán a roza das estradas co sistema da Deputación que garantiza a eficacia deste servizo
– A Xunta de Goberno aprobou o convenio que lles permite aforrar cartos ós municipios e que foi instaurado polo actual equipo de goberno
– O sistema está a dar moi bos resultados, xa que este ano sumarónse 36 Concellos máis que en 2008
– Os 57 municipios suman 3.498 quilómetros de vías provinciais, o que supón un investimento para a Deputación de preto de 620.000 euros
– Gómez Besteiro manifesta nunha carta enviada a Raquel Arias a vontade decidida para iniciar a cesión do Hotel Miño á Xunta co obxectivo de que albergue un centro formativo en hostalería e dar resposta á demanda do sector
A Xunta de Goberno aprobou este venres, fóra da orde do día e pola vía de urxencia o convenio que a Deputación subscribirá cun total de 57 Concellos e que lles permite xestionar directamente a roza das estradas provinciais, permitindo que o servizo sexa máis rápido e eficaz. Este foi un sistema que instaurou o actual equipo de goberno e unha liña máis de cooperación coas entidades locais da provincia que está a dar moi bo resultado. En 2008 foron 21 os municipios que se sumaron á iniciativa, en 2009 47 e, e este ano, preto de 60. O voceiro provincial socialista, Antonio Gato Soengas, subliñou que “isto pon de relevo a relación fructífera que existe entre a Deputación e os Concellos e que tivo unha acollida extraordinaria porque é máis efectiva, xa que os municipios poden concertar os traballos, se o precisan, con empresas locais. Ó responsabilizarse desta tarefa, estamos convencidos de que a eficacia vai ser superior. Os resultados das dúas anualidades anteriores así o veñen a demostrar”.
Esta iniciativa súmase a outras que puxo en marcha o actual equipo de goberno e permiten aforrar cartos ás entidades locais. É o caso do sistema provincial de recadación, a través do cal a Deputación adianta máis de 16 millóns de euros ó ano ós 50 Concellos que xa asinaron o acordo, e que coa rebaixa do 6% ó 3% lles aforra máis de 500.000 euros anuais.
En total, os 57 Concellos nos que se aplica o convenio suman 3.498 quilómetros de vías provinciais, dos 4.200 que ten a Deputación. Isto supón o 83% de vías que están ubicadas neste municipio e o investimento que realiza a Deputación ascende a preto de 620.000 euros. “Esta iniciativa como outras que temos están encamiñadas a buscar solucións. Con este convenio que aprobamos hoxe estamos aforrando cartos ós Concellos a axudándolles a que presten un servizo máis eficaz ós seus veciños. Mentres o PP e Feijóo crea problemas, na Deputación poñemos solucións”.
Os municipios que se sumaron á iniciativa son: Abadín, Alfoz, Antas de Ulla, Baleira, Baralla, Barreiros, Becerreá, Begonte, Bóveda, Burela, Castro de Rei, Castroverde, Folgoso do Courel, Cervantes, Cospeito, Chantada, A Fonsagrada, Foz, Xermade, Guitiriz, Guntín, Xove, Láncara, Lourenzá, Meira, Mondoñedo, Monforte de Lemos, Monterroso, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, As Nogais, Ourol, Palas de Rei, Pantón, Paradela, O Páramo, A Pastoriza, Pedrafita do Cebreiro, Pol, Pobra de Brollón, A Pontenova, Portomarín, Quiroga, Rábade, Ribadeo, Ribas de Sil, Riotorto, Samos, Sarria, O Saviñao, Taboada, Trabada, Triacastela, O Valadouro, O Vicedo, Vilalba e Viveiro.
Nos outros 10 municipios (Carballedo, O Incio, Friol, Outeiro de Rei, O Corgo, Sober, Ribeira de Piquín, Muras, Cervo e Lugo –este último non se sumou por problemas técnicos-), o organismo provincial contratará directamente os traballos, como se viña facendo ata que chegou o actual equipo de goberno da Deputación.
Outros acordos da Xunta de Goberno
Aprobouse unha nova actuación do canon do Concello de Ribas de Sil. Trátase da construción do edificio para ampliación da Casa do Concello por valor de 237.963 euros. O investimento que realizará a Deputación neste municipio é de 461.189 euros, dos que 307.459 corresponden ás dúas primeiras anualidades, é dicir, a 2008 e 2009. Ademais desta actuación, dentro do canon hidroeléctrico dotarase a este municipio de maquinaria para realizar obras de carácter municipal.
Cesión do Hotel Miño á Xunta e Padroado TOR
Antonio Gato anunciou que o Presidente, José Ramón Gómez Besteiro, atendendo á demanda da Asociación Provincial de Hostalería vén de enviar unha carta á Delegada Territorial da Xunta, Raquel Arias, na que lle comunica que a Deputación, tal e como manifestou o titular provincial no Pleno de marzo, está disposta a levar a cabo as negociacións pertinentes para ceder o Hotel Miño á administración autonómica, co obxectivo de que a Xunta, que é a que ten competencias na materia, cree un Centro de Formación e Cultura da Hostalería nas instalacións da Deputación.
Asimesmo, lembrou que a semana pasada, o 31 de marzo, Gómez Besteiro transmitiulle por escrito, unha vez máis, ó Conselleiro de Medio Rural a necesidade de que este fixara a data para a reunión do Padroado e poder materializar a extinción da Fundación TOR. O titular provincial xa lle mandara outra carta o 9 de marzo no que se adxuntaba o acordo plenario para a extinción da Fundación Centro Superior Cinexético e Piscícola de Galicia, aprobado por unanimidade en febreiro.
“Na Deputación aínda estamos á espera de recibir unha contestación. Esta provincia non conta para o goberno autonómico. Dende o principio quixemos darlle unha solución a esta Fundación e Xunta só fai poñer obstáculos. É totalmente necesario que o Padroado se reúna para que a Fundación se disolva e a Deputación poida levar a cabo os proxectos que ten previstos para o Centro de TOR”.




















No acto impuxéronlles o birrete e entregáronlles diploma e orla. Despois cantaron unha canción para as familias asistentes. Houbo moitos aplausos e algunhas lágrimas de emoción.
A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, destacou o carácter participativo da iniciativa, organizada xunto á Xunta e co apoio do Concello. O director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, puxo en valor o traballo colectivo e a implicación das novas xeracións. O concerto estivo dirixido por Maximino Zumalave, coa formación Hércules Brass e Rosa Aneiros como mantedora. Ademais, anunciouse que a próxima edición estará dedicada a Xosé Neira Vilas.
O vendedor da ONCE Daniel José López Legaspi foi quen levou a sorte ao municipio desde o seu posto de venda situado na Praza Maior.
Trátase dun programa de actividades para a infancia e a mocidade que se desenvolverá en xullo e agosto con propostas educativas, deportivas e culturais pensadas para facilitar a conciliación familiar. A oferta inclúe ludoteca, talleres creativos e tecnolóxicos, deporte, contacontos e eventos comunitarios como o Mercado Infantil Solidario ou o Carnaval de Verano. As inscricións realizaranse do 1 ao 15 de xuño no Concello, con prioridade para menores empadroados. O programa reforza o compromiso municipal co apoio ás familias e cun verán activo e accesible para a mocidade do concello.
A comunidade educativa convida especialmente a antigos alumnos, mestres e familias a participar nesta xornada de reencontros e lembranzas.
A festa incorporou unha mesa doce decorada con temática de faros e unha sesión de coctelería dedicada á elaboración de vermús. As persoas asistentes recibiron ademais un detalle conmemorativo: unha botella de aceite de oliva virxe extra de Oleonavas, en homenaxe ás raíces familiares do propietario. O evento incluíu numerosos sorteos grazas á colaboración de diferentes empresas, con premios como comidas en O Noso Lar, na Bodega de Ana ou no Restaurante Nito, ademais de licores, paletillas e circuítos termais. Para esta ocasión preparouse tamén unha carta especial con táboas de carne e instalouse un mural conmemorativo no local. O establecemento agradeceu a fidelidade da clientela e o apoio da veciñanza ao longo desta década, fundamentais para acadar este aniversario tan significativo.
Tras máis de vinte anos dedicada ao debuxo científico, expón desde 2013 e a súa pintura, definida pola crítica como expresiva, colorista e próxima ao surrealismo, chegou xa a numerosos países europeos e americanos. 



