Lugo, 31 de xaneiro de 2020. “As galegas e os galegos están fartos da xestión do PP, por iso, temos que converter ese desánimo en votos para que o cambio chegue a Galicia con Gonzalo Caballero”. Así de rotunda se amosou este venres a Secretaria Provincial e Deputada Autonómica, Patricia Otero na súa intervención ante o Comité Provincial, celebrado na Casa de Nadela en en Lugo, onde deu conta da sua xestión ao longo destes meses.
Otero lembrou na súa intervención que “a primeira responsabilidade que tivemos que afrontar esta Executiva foi a convocatoria ás eleccións do 10 de novembro, co fin de manter a representación parlamentaria por Lugo e que permitise así, a elección do terceiro presidente socialista desde a recuperación da democracia. Polo tanto, seguimos así coa recuperación social, coa limpeza da vida pública e o novo proxecto de país ao que o Partido Socialista deu comezo en xuño de 2018 co desaloxo democrático do PP de Rajoy do Goberno”.
Explicou ademais que a convocatoria electoral celebrouse “nun contexto político singular debido ao cansazo provocado pola repetición electoral, como o demostra o incremento da abstención no conxunto xeral do país e particularmente en Galicia, e tamén na nosa provincia. A esquerda abstívose máis que a dereita, aínda que non de xeito tan substancial como para modificar o escenario resultante das eleccións”.
Temos que seguir traballando
Otero convidou a toda a militancia a seguir traballando.”Si conseguimos que os que se abstiveron o 10 de novembro, volvan confiar na nosa forza nas eleccións autonómicas, prestariamos unha contribución moi valiosa para desaloxar a Feijóo da Xunta, e liquidar así esta década negra de gobernos da dereita para Galicia, e situar a Gonzalo Caballero como Presidente de todos os galegos”
A secretaria provincial explicou “estamos en condicións de capitalizar o cambio de rumbo da política española liderado polo Partido Socialista, como xa se fixo a partir da Moción de censura: en menos de ano e medio.Cun Goberno moi precario nos seus apoios, fomos capaces de medrar 3 millóns de votos e practicamente 40 escanos no Congreso dos Deputados, recuperando a condición de primeira forza política do país e abrindo unha gran brecha coa dereita”.
“Non nós dobrarán”
A Secretaria provincial advertiu do clima de confrontación da política galega. “Atopámonos ante unha enorme expectativa de cambio en Galicia, pese a que redobrarán as ofensivas para impedilo; e intentarán que unha parte do electorado que quere o cambio, e que nos dará a maioría, quede na casa. Estano facendo dirixindo os seus ataques contra os socialistas galegos e contra o noso candidato. Non nos desanimarán nin o dobrarán, asegúrovolo”, espetou.
“Xa o están facendo cunha irresponsable campaña contra o Goberno de Pedro Sánchez. Durante 7 anos permaneceron nun silencio de vasallos ante Rajoy, pero agora de súpeto, quéreno todo e para xa mesmo. Feijóo e o PP son xogadores de vantaxe que non dubidan en recorrer á rifa permanente e á mentira para desvirtuar o xogo democrático e intentar castigar ao adversario. Nada lles para porque creen que Galicia lles pertence”, insistiu.
Otero tamén fixo alusión á previsible carreira madrileña de Feijóo. “É un subordinado de Pablo Casado e non vai poder ocultalo. A radicalización da dereita española, que corre apresurada detrás da extrema dereita, pero que casa mal coa pretensión centrista de Feijóo ao que xa se lle está vendo o plumeiro. Non pode pretender ir de autonomista cando o seu partido desde a rúa Génova defende a recentralización; non pode ir de avanzado cando o PP de Casado e Álvarez de Toledo amparan as posicións máis conservadoras; e non pode ir de moderado cando os seus colegas pactan e sométense ás pretensións da extrema dereita”.
A secretaria provincial emprazou a toda a militancia a traballar a reo nas vindeiras datas. “Estamos ante a nosa oportunidade, e pídovos que nos próximos meses, o esforzo de mobilización sexa máis intenso que nunca. Pídovos que busquemos voto a voto. Pídovos que non nos distraian nada, que manteñamos a máxima cohesión, que non perdamos o tempo en nada que non sexa sumar apoios para abrir unha lexislatura de cambios para Galicia”.
8 encontros comarcais por toda a provincia
Ao longo da súa comparecencia Otero deu conta do traballo realizado nas comarcas da provincia. “Durante a precampaña electoral realizamos encontros con todos os responsables do partido, a través de ata 8 encontros comarcais por toda a provincia. Non só falamos de eleccións, intercambiamos ideas e puntos de vista políticos con responsables orgánicos, alcaldes e concelleiros. Hoxe coñezo mellor á organización que dirixo, porque coñezo mellor o que pensan e o que queren os seus responsables ao longo de toda a provincia”.
Traballo dos Alcaldes e da Deputación
Otero amosouse moi orgullosa do traballo que se esta realizando dende os concellos socialistas e dende a Deputación de Lugo. “Estou moi satisfeita do grado de coordinación e da sintonía que alcanzamos co noso Presidente provincial. José Tomé, e con todo o seu equipo. E gustaríame poñer en valor ao noso alcaldes. Temos moitos e son moi capaces. Un partido municipalista como o noso ten nos seus alcaldes o alimento que lle mantén vivo e o fai máis forte. Por último, tamén quero remarcar o traballo que realizan os voceiros que traballan nos Concellos onde non gobernamos, fanno dende unha oposicion coherente, sentata e útil”, resumiu.

















O programa inclúe inscricións, concertos, exhibicións, rutas e exposición de vehículos. Con motivo do evento, haberá cambios temporais de tráfico no casco urbano, con prohibicións de circulación e estacionamento en varias rúas e modificacións de sentido. O Concello pide á veciñanza que respecte a sinalización para garantir o correcto desenvolvemento das actividades.
A piscina abrirá de luns a venres de 8:30 a 13:00 e de 15:30 a 22:00, e os sábados de 8:30 a 14:30. O ximnasio manterá horario continuo de luns a venres, de 8:30 a 22:00, e os sábados de 8:30 a 14:30. A tempada arrinca tras diversas melloras nas instalacións, entre elas a renovación da cuberta do polideportivo, cun investimento de 195.000 euros, así como a substitución de portas de emerxencia, a intervención en pontóns das piscinas e o cambio das huellas de volteo. O Concello continúa así reforzando o mantemento e a seguridade dun complexo utilizado diariamente por numerosos veciños e deportistas.
Este luns, 14 de setembro, visitaron Mondoñedo, a Praia das Catedrais e Santa Cruz. A viaxe evocou as lecturas de Cunqueiro e as súas Crónicas do sochantre, nun percorrido que incluíu a catedral mindoniense e o barrio dos Muíños, ademais da emblemática praia de Augas Santas. Pola tarde participaron nunha exhibición de billarda grazas á estimable colaboración dos billardeiros da comarca. O martes partiron de regreso a Loktudi.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asistiu á ofrenda da Virxe dos Remedios en Mondoñedo.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Este luns, 14 de setembro, deu comezo un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.



