Mondoñedo a 6 de marzo de 2020. O Concello de Mondoñedo, a través da Concellería de Cultura, convoca un concurso de carteis co obxectivo de anunciar e promocionar o XXIX Mercado Medieval, que se celebrará do 7 ao 9 de agosto de 2020.
BASES:
1ªObxecto
O presente concurso está destinado á elección dun cartel anunciador para o XXIX Mercado Medieval de Mondoñedo.
2ªParticipantes.
O concurso está aberto a tod@s as persoas físicas que desexen participar agás aquelas vencelladas de forma directa co Concello de Mondoñedo e familiares de 1º e 2º grao ascendentes e descendentes das persoas que integren o xurado así como as súas respectivas parellas.
3ªOrixinais
As propostas de cartel poderán ser unha ou varias fotografía(s), un ou varios debuxo(s), un ou varios gravado(s), etc. para crear a composición que a persoa considere máis axeitada para representar o Mercado Medieval de Mondoñedo.
Os orixinais poderanse presentar en soporte físico ou en soporte dixital. En todo caso terán que posuír unha resolución mínima en caso de soporte dixital ou tamaño mínimo en caso de presentación física.
O tamaño final do cartel será 69x34cm en posición vertical co que o deseño terá que adaptarse a estas proporcións.
No deseño deberase incluír, ao menos, como texto anunciador na zona e proporción que a persoa participante considere axeitada: “XXIX Mercado Medieval”, “Mondoñedo”, “7, 8 e 9 de Agosto”, “Declarada de interese turístico galego” e deberase contar cun espazo para colocar os logotipos da organización e dos patrocinadores.
As obras presentadas en dixital deberán presentarse en formato TIF ou BMP cunha resolución de 300 ppp e deberase presentar unha copia en baixa resolución para poder visualizar mellor o mesmo e poder o xurado proceder a fallar o premio.
As obras presentadas en soporte físico deberán ter, ao menos, o tamaño dun A4 coa proporción rectangular semellante á arriba indicada, para que, á hora de proceder á súa dixitalización, teña a o tamaño mínimo preciso. Neste suposto deberase incluír os mesmos textos citados, así como ter un espazo para os logotipos.
Só se admitirán orixinais en soporte físico que non podan ser presentados en dixital, tales como debuxos, pinturas, gravados, etc. feito á man sobre un soporte físico. Non se admitirán neste formato carteis feitos a ordenador e impresos.
4ªPresentación de orixinais.
Os orixinais presentaranse en soporte dixital no e-mail mercado.medieval.mondonedo@gmail.com e deberase indicar no asunto “Concurso Cartel Mercado Medieval 2020”.
O cartel incluirase como adxunto en baixa resolución podendo transferir o de alta resolución (300ppp) por wetransfer ou servizo semellante para poder proceder á descarga, en caso de que non colla o mesmo dentro da capacidade do e-mail.
O cartel non poderá ter ningún nome, símbolo ou detalles, máis aló do deseño e do texto indicado nestas bases que poda dar lugar a unha identificación do autor.
En caso de ter marcas, nomes, sinais, etc. procederase a eliminar á persoa do listado do concurso.
Coa recepción do orixinal, procederase a descargar o arquivo adxunto e asignarlle un número que internamente o Concello identificará coa persoa autor/-a do mesmo e non se dará a coñecer nin á persoa participante nin ao xurado ata que falle o premio.
A presentación do cartel en soporte físico farase na Oficina de Turismo de Mondoñedo en horario de apertura ou enviarase por correo ordinario á mesma (Oficina de Turismo de Mondoñedo, Praza da Catedral, 34 – 27740 Mondoñedo (Lugo) indicando: Concurso Cartel Mercado Medieval 2020).
Alí recollerase o orixinal e asignaráselle outro número ao igual que no caso anterior que será secreto ata o fallo do xurado.
Do mesmo xeito os orixinais presentados en soporte físico non poden ter nome, marca ou semellante que poda servir para identificalos. En caso de que se dea algún destes supostos procederase tamén á súa eliminación do concurso.
Tras o fallo do xurado e publicación dos resultados do mesmo, poderán proceder a recoller os orixinais presentados en soporte físico aquelas persoas que optaran por este formato. Para a súa recollida haberá que acreditar a identidade de ser titular da obra que se quere recoller.
5ªPrazo de presentación
O prazo de presentación de orixinais comeza coa publicación destas bases na web e nas redes sociais do Concello de Mondoñedo e remata o día 31 de marzo do 2020, incluído este día.
6ªO Xurado
O xurado estará integrado por 5 membros e 1 secretario/-a. Os membros terán voz e voto e o/a secretario/-a só voz pero non voto.
O Xurado estará presidido polo Concelleiro de Cultura e terá como vogais 2 persoas pertencentes ao Concello de Mondoñedo, ben sexan técnicos ou membros do equipo de goberno, e 2 persoas, alleas ao concello, colaboradoras nas tarefas de organización do evento con varios anos de experiencia no evento. Todos eles contarán con voz e voto.
O/A Secretario/-a será persoal da Oficina de Turismo de Mondoñedo, con voz pero sen voto, que levantará acta do resultado da reunión do xurado e coordinará a recollida de orixinais e envío destes, unha vez rematado o prazo de presentación de orixinais, aos diversos membros do xurado.
7ªResolución.
O Xurado reunirase en sesión única no mes de abril e fallará sobre os as propostas presentadas.
Tras diso comunicarase o/a gañador/-a do concurso e procederase á presentación do cartel a comezos do mes de maio de 2020.
Se así o acorda o xurado o concurso pode quedar deserto.
8ªExposición publicación de orixinais
Os orixinais, de así consideralo oportuno o Concello, poderá publicalos nas súas redes sociais. Para o caso de orixinais en soporte físico, procederíase a realizar un dixitalizado previo dos mesmos.
Estas publicacións levaranse a cabo tras o fallo do xurado e coa correspondente autoría indicada.
En caso de que os participantes non queiras que as súas obras sexan expostas /publicadas salvo que sexan declarados/-as gañadores/-as, deberán indicalo de xeito explícito cando presenten os orixinas.
O deseño gañador será publicado no formato e tamaño que o Concello estime oportuno ademais de ser o cartel para o ano 2020 que servirá de promoción do Mercado Medieval de Mondoñedo.
Na súa publicación, indicarase a autoría do mesmo no tamaño e posición que se considere axeitada a tal fin por parte do Concello.
9ªPremio
Establécese un único premio consistente en:
1 fin de semana no Albergue da Natureza de Vilar para 4 persoas (en datas a concretar entre a persoa gañadora e o Concello).
1 lote de libros relacionados con Mondoñedo
1 lote de produtos do CMAC
4 invitacións para a Cova do Rei Cintolo a executar no presente ano 2020.
10ªFinal.
Calquera suposto non contemplado nestas bases será avaliado e solventado polo xurado.
A presentación de orixinais para a participación neste concurso implica aceptar todas e cada unha das bases aquí expostas.
A resolución do xurado é inapelable.





















As estudantes recibiron o galardón “Pizza Chef Emergente”, un recoñecemento que destaca o talento das novas promesas da gastronomía e que supón un importante logro para o centro educativo e para a formación profesional da comarca.
O percorrido comeza nun lugar simbólico: as pontes sobre o río Sor, que unen as provincias da Coruña e Lugo e marcan un dos vértices do territorio lucense. Con esta iniciativa, Guido Guía propón unha travesía pola diversidade paisaxística, histórica e humana da provincia, destacando a riqueza dos seus espazos naturais, monumentos e comunidades.
O delegado subliñou o importante papel que realiza o tecido social para conseguir melloras en beneficio da veciñanza e dinamizar social e culturalmente a localidade. Neste sentido, lembrou que a Xunta impulsa o movemento asociativo a través de apoios para o acondicionamento dos seus locais ou para o desenvolvemento de actividades.
A cita será o luns 19 de outubro, ás 17:30 horas, cun punto de encontro no peirao de San Cibrao. Ademais, os diferentes edificios municipais iluminaranse de cor rosa para sensibilizar á poboación sobre a importancia da detección precoz, fundamental para mellorar o prognóstico e a supervivencia das pacientes que padecen esta enfermidade.
O domingo 20 de decembro a Praza César Chavarría acollerá de 11:00 a 20:00 horas unha nova edición do Mercadiño de Nadal organizado polo Concello de Lourenzá, “unha cita para desfrutar do ambiente destas datas e compartir unha xornada especial na nosa vila”, anuncia a alcaldesa, Rocío López. O prazo de inscrición para instalar cun posto xa está aberto e a participación é totalmente gratuíta. As solicitudes poden facerse ata o 16 de decembro nas oficinas do Concello de Lourenzá ou a través do teléfono 982.121.006.
Durante 45 minutos, tres malabaristas —Pablo Reboleiro, Aitor Garuz e Santiago Montero— mergúllanse nun caos divertido onde ninguén manda e todo flúe entre xogos de poder, equilibrios imposibles e humor. A obra amosa como, no mundo dos malabares, romper os patróns establecidos pode levar a descubrir que a verdadeira maxia está en aprender a xogar xuntos.
No encontro, abordáronse temas como a posibilidade de colaborar na mellora da formación dos traballadores, destacando a importancia que ten ese aspecto neste sector estratéxico para Galicia. Tamén se trocaron puntos de vista relativos ás condicións laborais dos profesionais do mar.



