Santiago de Compostela, 21 de Marzo 2020.- O BNG considera urxente actuar en relación á falta de material sanitario para poder afrontar a crise do coronavirus con eficacia e, sobre todo, coas máximas garantías de seguridade para o persoal do sistema público de saúde e dos servizo sociais, despois de que o presidente da Xunta denunciase que Galiza leva máis dunha semana sen recibir subministro algún por parte do Ministerio de Sanidade, nin funxibles como mascarillas, guantes, gafas ou traxes de protección, nin material como respiradores ou kits para poder facer as probas a través dos PCRs.
Ante esta situación, no encontro por videoconferencia que mañá manterán os partidos políticos co presidente da Xunta, a portavoz nacional, Ana Pontón, vai trasladar a Feixóo o total apoio do BNG para que que o Goberno galego explore todas as vías alternativas que considere oportunas para comprar material sanitario directamente desde Galiza, co fin de anticiparse e evitar un desabastecemento de material que é imprescindible na loita contra o coronavirus.
“Compartimos a preocupación do Goberno da Xunta ante a falta de subministro de material sanitario, pero ante iso non podemos quedarnos cruzados de brazos esperando polo Ministerio de Sanidade, hai que reaccionar de inmediato e activar un plan B, tomar a iniciativa e explorar desde agora mesmo todas as opcións posibles para que Galiza poda dispoñer do material para combater o virus, abrir vías de compra, de doazón, directamente desde aquí. Desde logo, quedarnos cruzados de brazos non é unha opción, sumemos esforzos desde todas as administracións”, explicou Pontón.
O BNG, que desde o primeiro momento cuestionou a eficacia da centralización imposta desde Madrid, considera que este é un exemplo de que ese mecanismo non está funcionando. “Somos conscientes das dificultades, pero non podemos quedar paralizados na mera denuncia, temos que buscar alternativas para saír adiante en caso de que o Ministerio de Sanidade siga sen poder facilitar material. Por iso, insisto, ofrecemos ao Goberno da Xunta todo o apoio do BNG para que poña en marcha mecanismo de busca e de compra de material sanitario contra o coronavirus”.
No ámbito da saúde pública a outra cuestión que preocupa particularmente á formación nacionalista é a situación das residencias de maiores, tendo en conta que se trata do colectivo máis vulnerable. Neste sentido, e para evitar situacións como as que se están a vivir noutras partes do Estado, o BNG vai propoñer no encontro de mañá que se realice a proba do coronavirus a todas as persoas e a todo o persoal das residencias de maiores, como medida de prevención, detención e control.
“Permitiría ter unha información precisa para poder actuar en consecuencia, sabendo, claro está, que a situación é cambiante non unha foto fixa, pero sería unha medida importante para poder tomar decisións coa máxima información”, indica Pontón.
A líder nacionalista volve insistir, en nome do BNG, en trasladar o recoñecemento e o agradecemento a todo o persoal sanitario e a todo o persoal que atende os servizos sociais “polo seu compromiso e a súa entrega arriscando a súa saúde en beneficio da de todos e todas. Estamos en débeda con todas e canda unha deles e delas”.
Garantir a seguridade económica das persoas
O BNG tamén levará ao encontro de mañá propostas no ámbito económico, incidindo naquelas cuxo obxectivo é garantir a seguridade económica de todas os galegos e galegas afectados nos seus ingresos, entre eles, a formación nacionalista pide protexer aos traballadores e traballadoras autónomas, -un dos colectivos con menor protección-. En Galiza hai 217.332 autónom@s, o que supón un 21,6% das afiliacións á seguridade social.
Papel activo do Parlamento
O Bloque pon sobre a mesa unha axuda de pago único de entre 1.500 a 2.000 euros, en función das súa situación persoal e familiar, un pago a conta dos orzamentos da Xunta, polo tanto desde o Goberno galego que se sumaría as axudas mensuais habilitadas polo Estado. Na reunión por videoconferencia, a líder nacionalista volverá insistir na necesidade de que o Parlamento xogue o papel que lle corresponde nesta situación de excepcionalidade, na que a sociedade galega tamén quere ver ao poder lexislativo implicado e facendo a parte que lle corresponde.
A formación nacionalista volve trasladar o seu total apoio e colaboración co Goberno galego para combater esta crise e para poder superar a pandemia cantos antes traballando, man a man, para minimizar o impacto tanto en termos de saúde pública como en termos económicos e de destrución de emprego. “Son tempos de colaboración e non de competición, e nesa liña de colaboración leal e propositiva vai seguir o BNG”, concluíu.



















Era o único ocupante do turismo e os Bombeiros de Vilalba tiveron que excarceralo. Ao fío das 13:30 horas, un particular informou ao 112 Galicia dun coche que se saíra da vía e acabara batendo contra unha árbore no quilómetro 75 da N-640, en Ludrio (Castro de Rei). O propio alertador sinalou que o accidente semellaba grave polo estado no que quedara o vehículo. Cando chegaron ao lugar, os servizos de emerxencias confirmaron que só había unha persoa implicada,un home que resultou falecido e foi excarcerado polos bombeiros. No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
A alcaldesa Marta Rouco inaugurou a cita, que abriu coa IV Volta Ciclista á Terra Chá e cunha programación centrada na relación entre Galicia e Cuba e na memoria da emigración. Houbo unha mesa redonda sobre o Centro Galego da Habana, a exposición Galicia Imaxinada e música, ademais dunha mostra de xornais antigos. Rouco reivindicou a importancia de lembrar a emigración galega e apelou a mirar con humanidade as migracións actuais, destacando tamén o papel das asociacións culturais das parroquias na conservación das tradicións. A feira continúa con desfile de época, xantar popular, xogos, animación, baile cubano, foliada, queimada e propostas musicais e artesanais ata a noite.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Ocorreu minutos antes das 11:30 horas. Unha persoa foi trasladada ao hospital tras resultar ferida na colisión entre un coche e un autobús no quilómetro 512 da A-8 en sentido A Coruña, en Vilaframil (Ribadeo). Entre os alertadores estiveron as persoas que viaxaban no coche, que puideran saír do vehículo. Por outra banda, o autobús conseguiu deterse uns metros máis adiante. Ao punto desprazáronse Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da autovía.
O próximo luns 14 de setembro comeza un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.
Finalizado o encontro, de carácter privado, o Cónsul asinou no Libro de Ouro da Deputación e a Presidenta fíxolle entrega dun agasallo institucional. Trala xuntanza Carmela López manifestou a súa satisfacción porque “traballamos para avanzar en novas vías de colaboración, e en posibles proxectos que serven para reforzar a relación entre a Deputación e o veciño país de Portugal”.



