Lugo, 6 de maio de 2020. A Xunta de Galicia completará hoxe un novo reparto de material e equipos de protección individual (EPIs) en todos os concellos da comarca da Mariña, distribuíndo nesta ocasión 4.668 unidades de protección fronte o coronavirus. En concreto, estanse entregando 1.500 máscaras cirúrxicas, 49 pantallas faciais, 2.900 guantes, 64 traxes antisalpicaduras, 106 batas e 49 botes de xel desinfectante.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, subliñou que o Goberno galego ven realizando unha entrega semanal aos municipios dende o primeiro envío do día 24 de marzo. Así, dende o comezo da crise sanitaria subministrou na comarca 54.500 unidades de protección, entre as que destacan 29.500 guantes, 22.500 máscaras ou 1.800 traxes e batas antisalpicaduras.
O material está sendo destinado para o seu uso, principalmente, nos servizos de Axuda no Fogar, Protección Civil e Policía Local, pero tamén noutros que resultan igualmente esenciais, segundo as informacións facilitadas polos propios municipios
A Xunta subministra este material en todos os concellos a través dunha plataforma loxística que puxo en marcha para axilizar o proceso e centralizar a adquisición e o reparto de equipos de protección individual durante a emerxencia sanitaria polo coronavirus.
Os criterios de reparto están consensuados coa Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) e teñen en conta aspectos como a poboación, o número de casos positivos, o número de efectivos de Policía, o número de voluntarios de Protección Civil, e o número de horas do servizo de axuda no fogar.