Lugo, 16 de xuño de 2020. O candidato socialista á Presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero, visitou hoxe Lugo en compañía do presidente da Deputación, José Tomé, e deixou claro que unha Xunta presidida por el a partires do 12 de xullo corrixirá “o esquecemento” desta provincia que tivo Feijóo ao longo do seu mandato.
Ese “esquecemento”, afondou, fíxose máis evidente durante a crise da covid. “Foron os concellos e a deputación os que deron solucións aos problemas da cidadanía”, remarcou Gonzalo Caballero, toda vez que Feijóo estivo “ausente de medidas” durante a pandemia e “omnipresente nos medios de comunicación”.
Precisamente por iso, o líder dos socialistas galegos puxo en valor o traballo posto en marcha pola Deputación de Lugo, “apoiando á cidadanía e aos concellos”, e tamén a labor desenvolvida polos gobernos progresistas nos principais concellos da provincia.
Ao respecto, José Tomé incidiu en que para a súa provincia “sería moi bo” ter un goberno na Xunta “en sintonía” coa deputación provincial e coa maioría dos concellos e vilas grandes de Lugo. “Non un goberno que faga contraprogramación e que non aporta nada, senón que colabore coa provincia de Lugo”, destacou.
Ademais, lamentou que Feijóo “aínda non preguntou hoxe que necesidades ten esta provincia” e reivindicou que tivo que ser a Deputación a que aportase medios e material aos concellos. Tamén criticou que a Xunta fixera “oídos xordos” ao seu ofrecemento de utilizar as residencias como hospitais provisionais.
REFERENCIA DE POLÍTICA SOCIAL
Ao fío disto, o candidato do PSdeG á Xunta subliñou o compromiso do seu partido coas políticas sociais, ata o punto de comprometerse a crear 2.000 prazas en residencias públicas para os maiores na lexislatura 2020-2024.
Despois de 11 anos de Feijóo nas que fixo “cero”, Gonzalo Caballero sinalou que “ao PP gústalle o modelo privado” mentres nós “temos un plantexamento para crear 10.000 prazas ao longo da próxima década” para así reverter o déficit existente e que sinala a propia OMS.
Ademais, apostou por que as residencias se integren con outras fórmulas asistenciais “para dar resposta a unha nova dimensión da política social que prime a dignidade e toda a seguridade para os nosos maiores”, consciente das eivas no modelo actual sinaladas polo propio Consello de Contas.
Así pois, consciente das carencias do “modelo privatizador que comezou Feijóo”, o líder socialista reafirmou que “queremos comprometernos en algo que se pode facer, que hai orzamento para facelo e no que só hai que ter vontade e compromiso para facelo”.
COMPROMISO COA INDUSTRIA
En paralelo, Gonzalo Caballero comprometeuse coa industrialización de Galicia e, no caso concreto da Mariña lucense, lamentou que ter a Feijóo á fronte da Xunta para dar resposta á problemática de Alcoa é “coma non ter a ninguén”.
Canto á empresa, reiterou que é “inadmisible” o seu anuncio de despidos na factoría de Cervo, unha empresa que recibiu centos de millóns de euros de fondos públicos, por riba dos 38 millóns de euros de fondos públicos só nos últimos dous anos. “Os socialistas marcámonos o obxectivo de defender o emprego na planta de Alcoa”, asegurou. A respecto disto, deixou claro que se é presidente a partires do vindeiro 13 de xullo poñerá en marcha “unha nova política industrial”.
Pola súa banda, o presidente da Deputación de Lugo requiriu “solucións” a Feijóo e criticou que diga que solucionará os problemas de Alcoa se é reelixido cando leva 11 anos á fronte da Xunta.


















As estudantes recibiron o galardón “Pizza Chef Emergente”, un recoñecemento que destaca o talento das novas promesas da gastronomía e que supón un importante logro para o centro educativo e para a formación profesional da comarca.
O percorrido comeza nun lugar simbólico: as pontes sobre o río Sor, que unen as provincias da Coruña e Lugo e marcan un dos vértices do territorio lucense. Con esta iniciativa, Guido Guía propón unha travesía pola diversidade paisaxística, histórica e humana da provincia, destacando a riqueza dos seus espazos naturais, monumentos e comunidades.
O delegado subliñou o importante papel que realiza o tecido social para conseguir melloras en beneficio da veciñanza e dinamizar social e culturalmente a localidade. Neste sentido, lembrou que a Xunta impulsa o movemento asociativo a través de apoios para o acondicionamento dos seus locais ou para o desenvolvemento de actividades.
A cita será o luns 19 de outubro, ás 17:30 horas, cun punto de encontro no peirao de San Cibrao. Ademais, os diferentes edificios municipais iluminaranse de cor rosa para sensibilizar á poboación sobre a importancia da detección precoz, fundamental para mellorar o prognóstico e a supervivencia das pacientes que padecen esta enfermidade.
O domingo 20 de decembro a Praza César Chavarría acollerá de 11:00 a 20:00 horas unha nova edición do Mercadiño de Nadal organizado polo Concello de Lourenzá, “unha cita para desfrutar do ambiente destas datas e compartir unha xornada especial na nosa vila”, anuncia a alcaldesa, Rocío López. O prazo de inscrición para instalar cun posto xa está aberto e a participación é totalmente gratuíta. As solicitudes poden facerse ata o 16 de decembro nas oficinas do Concello de Lourenzá ou a través do teléfono 982.121.006.
Durante 45 minutos, tres malabaristas —Pablo Reboleiro, Aitor Garuz e Santiago Montero— mergúllanse nun caos divertido onde ninguén manda e todo flúe entre xogos de poder, equilibrios imposibles e humor. A obra amosa como, no mundo dos malabares, romper os patróns establecidos pode levar a descubrir que a verdadeira maxia está en aprender a xogar xuntos.
No encontro, abordáronse temas como a posibilidade de colaborar na mellora da formación dos traballadores, destacando a importancia que ten ese aspecto neste sector estratéxico para Galicia. Tamén se trocaron puntos de vista relativos ás condicións laborais dos profesionais do mar.



