A Mariña, 17 de setembro de 2020.- As Asociacións Culturais Mariña Patrimonio e Irmandade Santo Estevo veñen de descubrir un novo castro no Lugar de A Maradona, parroquia de San Xusto de Cabarcos no Concello de Barreiros (Lugo).
Este novo sitio arqueolóxico foi localizado trala corta no monte de eucaliptos, que ocultaban o xacemento. O castro, que está situado nun esporón rochoso a modo de península, formada entre o río Masma e o rego Puxigo, ten uns 110m de longo por uns 50 de ancho. No ismo desta península atópase un impresionante foxo picado na rocha que se converte en foxo dobre na metade do seu traxecto. Xa no interior do castro, xusto na entrada, apréciase unha edificación parcialmente desenterrada na que se pode ver un muro recto duns tres metros, que remata nunha cabeceira semicircular. Esta edificación semella que conserva o arranque dunha falsa bóveda construída por aproximación de fiadas. Tanto polas características desta construción como pola súa ubicación podería tratarse dunha sauna castrexa.
En Galicia só se coñecen as saunas castrexas de Santa Mariña de Augas Santas (Allariz), Borneiro (Bergantiños) , Espasante (Ortigueira), O Sarridal (Cedeira), Castañoso (A Fonsagrada) e a de A Atalaia (Cervo). De confirmarse como sauna a edificación do castro da Maradona, sería a sétima das atopadas en Galicia.
Trala descuberta deste novo xacemento en Barreiros, e despois de comprobar que non figuraba no Catálogo de Bens Patrimoniais, Mariña Patrimonio e Irmandade Santo Estevo informaron ao Servizo de Arqueoloxía de Santiago sobre este achado así como dos movementos de terras que se tiñan realizado no lugar para ampliar pistas forestais. Por outro lado, ante a posibilidade de que labores de repoboación puidesen afectar o xacemento, solicitáronlle á DXPC que adoptase as medidas necesarias para protexer este ben patrimonial. Aínda que dende o Servizo de Arqueoloxía se contestou que daban traslado de todos os datos ao Servizo de Vixilancia e ao Servizo de Patrimonio de Lugo, tendo en conta a posible relevancia do achado e debido a que sistematicamente a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural – Consellería de Cultura desatende as solicitudes nas que figura Mariña Patrimonio, ambas sociacións concertaron unha entrevista coa alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, para informala da descuberta do novo xacemento así como do boicot da Consellería de Cultura. O pasado venres 11 de setembro, grazas ás xestións realizadas por Ana Ermida, un arqueólogo do Servizo de Arqueoloxía de Santiago achegouse a Barreiros para inspeccionar o xacemento da Maradona. Trala inspección do lugar, o técnico de Patrimonio confirmou a existencia do castro e sinalou que a edificación que aparece no xacemento, pola súa morfoloxía e ubicación, podería tratarse dunha sauna, mais para poder aseguralo cumpriría facer unha escavación arqueolóxica.























Os servizos sanitarios trasladaron ao hospital a tres persoas implicadas nunha colisión frontal en Castro de Rei. Unha delas tivo que ser excarcerada polos Bombeiros de Vilalba. Contra as 11:15 horas, un particular informou ao 112 Galicia dun choque entre dous vehículos no quilómetro 71 da N-640, á altura da parroquia de Viladonga. Desde o punto, os alertadores sinalaron que unha persoa permanecía atrapada. Desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias activouse un operativo no que participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada. Os bombeiros liberaron á persoa, que foi trasladada xunto con outros dous feridos ao hospital en ambulancia.
A viaxe, enmarcada no proxecto «Relevo Xeracional: O Futuro do Mar» e organizada en colaboración co GALP Itsas Garapen Elkartea, permitiu achegarse a iniciativas como Kofradia Basque Seafood, a Escola de Pesca de Ondarroa, AZTI, Albaola ou o Itsas Museo de Donosti, así como a proxectos vinculados directamente á actividade pesqueira e á divulgación, incluíndo o uso de realidade virtual. O intercambio con Euskadi permitiu coñecer modelos que combinan formación, investigación, transmisión do coñecemento e modernización do sector, contribuíndo a identificar novas vías para facilitar a incorporación da mocidade á actividade pesqueira e garantir a continuidade das comunidades costeiras galegas.
A artista, referente da música popular galega, conectou cun público diverso que gozou dunha sesión vermú marcada por máis de trinta anos de traxectoria. O concerto serviu tamén como despedida e recoñecemento a Valentín González e Viviana Pérez, que deixan a organización da comisión de festas tras dúas décadas. O deputado de Mocidade, Daniel García, destacou a importancia da implicación veciñal para manter vivas as celebracións que fortalecen a identidade comunitaria e reafirmou o apoio da Deputación ás redes asociativas e á programación cultural en galego. A actuación forma parte da iniciativa provincial para achegar música tradicional e en galego a todos os públicos.
Cómpre sinalar que este produto conta cun distintivo de calidade diferenciada, a Indicación Xeográfica Protexida Faba de Lourenzá, un dos 36 selos recoñecidos en Galicia que amparan a súa excelencia. Neste sentido, a Xunta vén de lanzar a nova marca Aquí Sabemos, coa que se busca reforzar o coñecemento e a identificación por parte dos consumidores dos produtos alimentarios galegos protexidos por figuras de calidade diferenciada.
Co sol ocultándose e a lúa asomando entre as torres de Donlebún, o músico e divulgador reivindicou o poder evocador e transformador do bravú fronte á morriña paralizante. Na sala de lectura da biblioteca, Souto explicou a evolución do rock bravú no imaxinario galego, evocando as músicas populares que acompañaron durante décadas os remolques dos pascualiños e os labores comunitarios, e lembrando a vitalidade de grupos como Skornabois, Diplomáticos de Monte Alto, Xenreira, Zënzar, Pinto de Herbón ou os Rastreiros. A boa lembranza da súa anterior visita levou ao artista a pechar a velada interpretando o “Himno de Ribadeo”, composto por Arturo Mogo, nun final cheo de afecto pola vila e pola súa identidade cultural.
O evento ofrecerá mel, produtos de tempada, artesanía, gastronomía e outras propostas locais. O Concello do Valadouro mantén aberto o prazo de inscrición para persoas e empresas expositoras, que poden presentar a súa solicitude na sede electrónica ou nas oficinas do Centro Socio-cultural, Xuvenil e da Terceira Idade “Manuel Lourenzo” ata o martes 6 de outubro, ou ata completar os postos dispoñibles.
Neste espazo radiofónico Félix Jorquera falou coa alcaldesa de Lourenzá, Rocío López; co concelleiro de Cultura, Manuel Arango; con José Cuadrado, presidente da Indicación Xeográfica Protexida Faba de Lourenzá e pregoeiro desta edición da festa; co chef Pedro Barreira; e con Antonio Irimia, presidente do club VespaFaba & Clásicos, de Lourenzá. Por diante queda toda unha fin de semana chea de actividades arredor da faba de Lourenzá. Os organizadores animan a acudir a esta cita.



