Con inmenso orgullo, dámoslle os nosos parabéns ao equipo de arqueoloxía que estivo a traballar no castro de San Tirso. Pero tamén, por decencia e en honor da verdade, vémonos na obriga moral de puntualizar algúns feitos que, por incomprensible ignorancia ou malicioso engano, están a darse por certos sen selo.
É xusto, unha vez máis, recoñecer o ingrato traballo acumulado pola xente que facemos parte do BNG de Xove. Como toda a nosa veciñanza sabe, levamos máis de dez anos loitando por poñer en valor o patrimonio arqueolóxico xovense. Semella que o noso esforzo comezou a dar os seus pequenos froitos, tendo en conta a ocultación de datos que están facendo a mantenta desde o Goberno municipal do PP.
Co obxectivo de ilustrar esta realidade, realizaremos un pequeno repaso de todo canto propuxemos e fixemos en Xove, neste eido, desde o nacionalismo galego:
– Solicitamos de xeito formal a adquisición dos terreos onde se asenta o castro do Coto da Vela, e tivemos que abrirlle os ollos ao executivo local, que descoñecía a consideración deste castro como un dos máis impoñentes de toda a costa noroeste da península ibérica, polo que non tería sentido ocultalo baixo o miradoiro que o alcalde pretendía construír.
– Pedimos por vía formal e informal a recuperación de San Tirso, mediante a consolidación dos muros da igrexa, e fixemos una visita cun arqueólogo da Xunta para asegurarnos de que non había ningún problema legal se existía vontade política.
– Sufragamos cos nosos propios medios económicos unha interesante charla, en colaboración con Mariña Patrimonio e con ese mesmo arqueólogo, para dar a coñecer in situ a maior mámoa de toda a comarca da Mariña e o círculo lítico de Lavandeiras. A este acto acudiu xente desde diferentes localidades do país, e mesmo houbo que cambiar a súa ubicación porque o público non cabía na Aula de Formación do Concello, lugar onde se adoita reunir a asemblea local do BNG de Xove para organizar este tipo de actos que, desde o PP local, non teñen nin a capacidade nin a ansia de imaxinar sequera.
– Convocamos unha conferencia no Centro Social de Vilachá, tamén sufragada cos cartos do grupo municipal nacionalista, para dar a coñecer “O segredo que garda San Tirso de Portocelo”. Lembremos que este acto foi todo un éxito e sucedeu xa no ano 2014. Queda claro que, incluso poñéndolle as cousas en bandexa ao executivo do PP, estes tardaron seis anos en actuar.
Nós, en contra do que estamos afeitos por parte do Goberno local, continuamos traballando polo concello e dando boas ideas, aínda que despois haxa políticos falsarios que nos ninguneen na prensa por comenencia propia. Por esta razón, aí lles vai outra proposta das que non se lles ocorre a eses dirixentes nin cobrando o que cobran:
– Adquisición dos terreos onde se asenta un dos poucos muíños costeiros que hai na costa norte galega, en Coído, para a súa restauración e posta en valor do lugar; podendo aproveitalo tamén como un importante atractivo da ruta costeira.
E agora aínda haberá quen diga que está todo moi ben, claro, pero que a arqueoloxía non é política. Xa! Porque se non fora pola actitude seria e formal do BNG de Xove ao longo de todos estes anos, habían estar excavando esoutros en San Tirso e dando a coñecer o noso municipio na Champions da cultura arqueolóxica. Habían, si… Vaiche boa, Vilaboa.
Carlos Fernández Louzao. Concelleiro BNG Xove





















A medida tamén fai que as familias perdan a gratuidad do comedor escolar, asumindo un gasto novo. O Concello reclama recuperar a parada mentres non exista unha alternativa segura e manter tanto o transporte como o comedor gratuíto, pedindo unha solución urxente que non prexudique ás familias de Mántaras.
A cita previa pode solicitarse a través do teléfono 981.928.080 ou da web
Un total de 32 participantes déronse encontro nesta segunda edición, demostrando o seu nivel e desfrutando dunha mañá de competición e compañeirismo. Os gañadores das diferentes categorías foron: Antón Pernas (Sub 8), David Bustabad (Sub 10), Xulio Pernas (Sub 12), Deivid Pérez (Sub 14), Manuel Castro (Sub 16) e Breixo Alvite (Sub 18). A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, entregou os trofeos e medallas aos vencedores. O Concello felicita a todas as persoas participantes polo seu esforzo e por contribuír ao crecemento do xadrez no municipio, reafirmando a súa aposta polo deporte, pola participación e por ofrecer novas oportunidades para gozar e aprender.
A proba , organizada polo Club Ciclista Viveiro, reuniu máis de 130 ciclistas e coroou as campioas galegas de todas as categorías femininas -desde infantil ata master-, e aos campions galegos de infantil e cadete. A Praza da Galeguidade acolleu a saída e meta da competición, que se desenvolveu nun circuíto estático de 18,9 quilómetros pasando polo Porto da Gañidoira, a 699 metros de altura.
Trátase de dous MG ZS Hybrid+ Comfort, equipados coa tecnoloxía híbrida autorrecargable Hybrid+, que permite combinar eficiencia e un menor consumo no uso habitual. Segundo os datos do fabricante para este modelo, presenta unhas emisións de entre 113 e 115 g/km de CO₂ e un consumo de combustible de entre 5 e 5,1 litros aos 100 quilómetros, segundo o ciclo WLTP. A adquisición supuxo un investimento de 51.848,50 euros, IVE incluído, financiado a través do Fondo de Compensación Ambiental correspondente ao ano 2026.
Contou con arredor de 90 expositores provintes de todos os puntos tanto de Galicia coma do resto de España e de varias partes do mundo, que exhibiron as súas pezas de tornería en madeira. Tamén acolleu a XVIII edición da Exposición CONtornos. Entre os participantes, destacou a presencia dun expositor provinte da cidade arxentina de Córdoba, así coma outros de Reino Unido, Francia e Portugal. Ata o domingo achegaronse a esta mostra internacional uns 5.000 visitantes, principalmente provintes de toda Galicia e tamén de Portugal.
A competición celebrarase entre o 24 e o 27 de setembro en Las Vegas, e Julia Cabarcos emprenderá esta mesma tarde a viaxe cara aos Estados Unidos para afrontar a súa participación na categoría Women's Physique.



