Ribadeo, 22 de xaneiro de 2021. O alcalde, Fernando Suárez, manterá o vindeiro luns un encontro con responsables de Correos co obxectivo de mellorar o reparto. A xuntanza prodúcese despois das queixas realizadas por veciñxs e empresarios nos últimos días sobre a entrega da correspondencia, que en moitas ocasións non está a chegar aos seus destinatarios.
O rexedor dixo: “a respecto desta polémica existente co reparto de Correos desde o Concello de Ribadeo, como sempre facemos, non queremos alimentar ningunha polémica e queremos seguir traballando e coordinando o que sexa necesario dentro das posibilidades legais e operativas existentes, pero faise necesario aclarar as situacións de inicio que nos levaron até este momento”.
Suárez Barcia sinalou que “desde o Concello de Ribadeo sempre fomos receptivos coas suxestións de Correos. Vai xa para 6 anos que se lle deu nome a diferentes rúas e viarios municipais que non o tiñan ou téndoa, plantexaba problemas de reparto”.
O alcalde lembrou que “tamén nestes últimos anos fomos recibindo moitas queixas de veciños e veciñas que manifestaban que Correos deixaba de entregarlles correspondencia, moita dela certificada, alegando que non tiñan os datos do enderezo correcto. Desde aqueles momentos mantivemos diálogo con este servizo público estatal para tentar resolver os problemas. De aí que no ano 2018 acordamos realizar un ambicioso e custoso traballo para a revisión de todas as numeracións do concello, tanto na vila como nas parroquias”.
Fernando Suárez subliñou que “todo isto fíxose para satisfacer a Correos, significando que Ribadeo debe ser o único Concello en toda a contorna en realizar este traballo global para tentar eliminar as posibles deficiencias, duplicacións, erros que se foron amoreando nun concello con forte crecemento urbanístico ao longo non dos últimos anos, senón dos últimos cincuenta anos. Con este encargo de renumerar centos de numeracións fíxose un traballo impresionante que quedará para as futuras xeracións xa que se lles deu número incluso aos solares que a día de hoxe non están edificados, para que cando no futuro o poidan estar xa conten cunha numeración concreta e que eviten futuras complicacións”.
O rexedor manifestou que “tamén é de xustiza recoñecer a adaptación, con mais ou menos resignación, da maioría da veciñanza que foi cambiando a numeración dos seus portais e adaptándose a estes cambios necesarios para que o reparto de Correos chegue correctamente. E tampouco podemos obviar que o prazo transitorio de cambio viuse afectado pola pandemia, como tantas outras cousas nas nosas vidas, de aí que se estendera este proceso a todo o ano 2020”.
Suárez Barcia engadiu: “pero agora, parece ser que o Servizo de Correos deu instrución de aplicar de maneira estrita os seus criterios de reparto e non entregando as cartas que non leven correctamente todos as súas variables de datos como o enderezo completo, o número correcto, etc. E por outra banda tamén parece que non toda a cidadanía fixo os cambios necesarios nos seus datos postais perante diferentes organismos (bancos, institucións, entidades, etc.) durante todo este período transitorio”.
O alcalde ribadense indicou: “na opinión deste Concello o Servizo Público de Correos debería, á vista desta situación social na que vivimos, aplicar de xeito mais gradual, mais didáctico e mais informativo os seus procedementos de entrega. E tamén desde logo desde o Concello laiámonos de que todo o que Correos lle esixiu a Ribadeo, non llelo esixa ao resto de Concellos da Mariña e do país, xa que Ribadeo non é o único concello que tivo un crecemento importante nos últimos 50 anos, pero tal parece que estas situacións só se dan aquí desde hai pouco tempo”.
O rexedor aposta pola colaboración: “con todo, o Concello seguirá colaborando con Correos para lograr un concello moderno e ordenado a fin de que todas as cartas poidan chegar a todos os enderezos. É por isto que acordamos manter unha xuntanza cos seus responsables o vindeiro luns para acordar novas medidas conducentes a restaurar unha normalidade desexada”.





















As estudantes recibiron o galardón “Pizza Chef Emergente”, un recoñecemento que destaca o talento das novas promesas da gastronomía e que supón un importante logro para o centro educativo e para a formación profesional da comarca.
O percorrido comeza nun lugar simbólico: as pontes sobre o río Sor, que unen as provincias da Coruña e Lugo e marcan un dos vértices do territorio lucense. Con esta iniciativa, Guido Guía propón unha travesía pola diversidade paisaxística, histórica e humana da provincia, destacando a riqueza dos seus espazos naturais, monumentos e comunidades.
O delegado subliñou o importante papel que realiza o tecido social para conseguir melloras en beneficio da veciñanza e dinamizar social e culturalmente a localidade. Neste sentido, lembrou que a Xunta impulsa o movemento asociativo a través de apoios para o acondicionamento dos seus locais ou para o desenvolvemento de actividades.
A cita será o luns 19 de outubro, ás 17:30 horas, cun punto de encontro no peirao de San Cibrao. Ademais, os diferentes edificios municipais iluminaranse de cor rosa para sensibilizar á poboación sobre a importancia da detección precoz, fundamental para mellorar o prognóstico e a supervivencia das pacientes que padecen esta enfermidade.
O domingo 20 de decembro a Praza César Chavarría acollerá de 11:00 a 20:00 horas unha nova edición do Mercadiño de Nadal organizado polo Concello de Lourenzá, “unha cita para desfrutar do ambiente destas datas e compartir unha xornada especial na nosa vila”, anuncia a alcaldesa, Rocío López. O prazo de inscrición para instalar cun posto xa está aberto e a participación é totalmente gratuíta. As solicitudes poden facerse ata o 16 de decembro nas oficinas do Concello de Lourenzá ou a través do teléfono 982.121.006.
Durante 45 minutos, tres malabaristas —Pablo Reboleiro, Aitor Garuz e Santiago Montero— mergúllanse nun caos divertido onde ninguén manda e todo flúe entre xogos de poder, equilibrios imposibles e humor. A obra amosa como, no mundo dos malabares, romper os patróns establecidos pode levar a descubrir que a verdadeira maxia está en aprender a xogar xuntos.
No encontro, abordáronse temas como a posibilidade de colaborar na mellora da formación dos traballadores, destacando a importancia que ten ese aspecto neste sector estratéxico para Galicia. Tamén se trocaron puntos de vista relativos ás condicións laborais dos profesionais do mar.



