Foz, 3 de febreiro de 2021. O alcalde de Foz, Fran Cajoto, presenta un plan de impulso e recuperación económica á hostalería e comercio locais tras unha reunión mantida hoxe, mércores, no Concello coa ACIA e con portavoces e empresarios do sector da restauración de Foz.
O rexedor municipal explica que “son momentos difíciles, moi duros. Non é de recibo decretar de forma unilateral o peche dun negocio e non aportar unha solución de viabilidade: iso é o que está acontecendo en Foz e en toda Galicia, iso é o que están a facer desde Santiago unha vez máis. De novo, como acontece sempre, estanos tocando reaccionar aos concellos, por encima incluso das nosas posibilidades. No artigo 30 do Estatuto de Autonomía de Galicia márcase ben claro que será competencia da Xunta de Galicia o Fomento e a planificación da actividade económica en Galicia, así como o desenvolvemento e execución de programas de actuación referidos a comarcas deprimidas ou en crise. Estamos sós, pero iso non é o peor. Nun exercicio de inconsistencia crónica o portavoz do Partido Popular de Foz opta por falsear a realidade, confundir competencias, restar e poñer trabas en plena crise pandémica. Outra vez, e van unhas cantas”.
A edil de Facenda e Tenente de Alcalde, Inés López Couto, asevera que “nas conversacións coa ACIA, a APEHL e profesionais do sector fomos moi honestos. Aos períodos obrigados de peche decretados polo Estado e a Xunta de Galicia respondemos de forma áxil, cun decreto para evitar o pago de ocupación por terrazas e a recollida de lixo. Sen embargo este decreto non se puido facer extensivo máis alá do peche obrigado dos establecementos: en canto se levanta o peche o establecemento xa pode exercer a actividade económica, independentemente das limitacións. Pero isto non era suficiente e por iso seguimos traballando”.
Fran Cajoto explica que “á falta de concreción da aportación municipal nas axudas directas que instancias superiores como a Deputación de Lugo están promovendo para o sector da hostalería e outros, ao que se incorporará o Concello de Foz, o equipo de goberno presenta un plan de impulso e axuda á hostalería e comercio local, cun custo real de máis de 150.000 euros, o 2% do orzamento municipal”.
As medidas que se implantarán poden resumirse nas seguintes:
1- Derrogación da taxa de ocupación de terrazas durante o período dun ano. Ampliarase a medida de exención durante os ceses obrigados de actividade promulgados polo Estado Central e a Xunta de Galicia, establecendo durante o período dun ano a eliminación do cobro de taxas ata a aprobación dunha nova ordenanza actualizada.
Atopando como a solución legal máis inmediata e áxil, dada a delicada situación económica do tecido local, a derrogación da taxa, xa que o concepto “supresión temporal” suporía un caso de desviación de poder da administración local segundo a asesoría xurídica municipal. A tramitación da derrogación iniciase de forma inmediata, respectando os prazos legais co compromiso do Concello de eliminar o cobro durante un ano.
2- Plan Impulsa Foz 2.0. Dotado con 22.000 euros, continúa e amplía as iniciativas comezadas no 2020. Faranse campañas de promoción da hostalería e comercio locais, incidindo no consumo de proximidade e na recuperación da actividade económica local.
Estes eventos concretaranse en diferentes campañas promocionais que poderán incluír agasallos, vales e tickets regalo para o consumo local e promocións audiovisuais de todo tipo para a difusión de Foz como centro comercial aberto.
3- Incremento do apoio económico do Concello á Asociación de Comerciantes, Industriais e Autónomos de Foz.
Considerando á ACIA como o ente máis próximo a todos os hostaleiros, comerciantes e tecido produtivo de Foz, duplicarase a subvención municipal a esta asociación para que os recursos cheguen de forma moito máis áxil a todos os interesados. A consignación do ano 2020 de 15.000 euros aportados polo Concello resultará de 30.000 euros no 2021.
4- Cultura na Rúa 2.0. Aposta polo sector cultural e os eventos seguros, creando novos contidos de acceso libre financiados integramente polo Concello de Foz, cun custo estimado de 80.000 euros.
Necesario para axudar á reactivación e que Foz sexa a mellor opción na Mariña de Lugo, crearase un plan de eventos musicais seguros e repartidos en distintas ubicacións do pobo, de forma independente ás festas e á programación habitual do Concello. Organizaranse novos eventos respectando a situación sanitaria en cada momento en substitución daqueles realizados en outros anos e que pola pandemia non se poidan levar a cabo.
5- Incorporación do Concello de Foz ao Plan de Rescate da Hostalería da Deputación de Lugo e a FEGAMP
En agarda das medidas que se implanten desde as administracións superiores e como membros da FEGAMP, o Concello de Foz incorporarase ás axudas que se establezan para paliar os efectos da crise pandémica no sector. En previsión da necesidade de aportar fondos ao Plan o Concello de Foz quedará á disposición do que determinen as administracións superiores e a FEGAMP.
Ao mesmo tempo que as medidas antes descritas o Concello de Foz continúa co seu plan de investimento en infraestruturas do núcleo urbano e as parroquias. “A falta de mantemento dos últimos anos desembocou nun deterioro da imaxe do pobo que estamos traballando para reverter. Deste xeito incrementaranse as partidas de investimento financiadas con fondos propios. Queremos un Foz coidado, atractivo para visitar e cómodo para vivir pois cremos firmemente que esa é a mellor das vantaxes competitivas que lle podemos dar aos negocios locais. A nosa finalidade é que estas medidas sexan efectivas e o máis sinxelas posible: estamos a ver que os trámites burocráticos fan pouco viables determinadas disposicións doutras administracións. E iremos reaxustando as actuacións en vista da súa efectividade” ”, engade o alcalde.
“Esperamos que o Partido Popular de Foz se sume ás iniciativas e esixa o mesmo esforzo económico ás outras administracións, especialmente a aquela que ten as competencias na materia”, remata Cajoto.





















A medida tamén fai que as familias perdan a gratuidad do comedor escolar, asumindo un gasto novo. O Concello reclama recuperar a parada mentres non exista unha alternativa segura e manter tanto o transporte como o comedor gratuíto, pedindo unha solución urxente que non prexudique ás familias de Mántaras.
A cita previa pode solicitarse a través do teléfono 981.928.080 ou da web
Un total de 32 participantes déronse encontro nesta segunda edición, demostrando o seu nivel e desfrutando dunha mañá de competición e compañeirismo. Os gañadores das diferentes categorías foron: Antón Pernas (Sub 8), David Bustabad (Sub 10), Xulio Pernas (Sub 12), Deivid Pérez (Sub 14), Manuel Castro (Sub 16) e Breixo Alvite (Sub 18). A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, entregou os trofeos e medallas aos vencedores. O Concello felicita a todas as persoas participantes polo seu esforzo e por contribuír ao crecemento do xadrez no municipio, reafirmando a súa aposta polo deporte, pola participación e por ofrecer novas oportunidades para gozar e aprender.
A proba , organizada polo Club Ciclista Viveiro, reuniu máis de 130 ciclistas e coroou as campioas galegas de todas as categorías femininas -desde infantil ata master-, e aos campions galegos de infantil e cadete. A Praza da Galeguidade acolleu a saída e meta da competición, que se desenvolveu nun circuíto estático de 18,9 quilómetros pasando polo Porto da Gañidoira, a 699 metros de altura.
Trátase de dous MG ZS Hybrid+ Comfort, equipados coa tecnoloxía híbrida autorrecargable Hybrid+, que permite combinar eficiencia e un menor consumo no uso habitual. Segundo os datos do fabricante para este modelo, presenta unhas emisións de entre 113 e 115 g/km de CO₂ e un consumo de combustible de entre 5 e 5,1 litros aos 100 quilómetros, segundo o ciclo WLTP. A adquisición supuxo un investimento de 51.848,50 euros, IVE incluído, financiado a través do Fondo de Compensación Ambiental correspondente ao ano 2026.
Contou con arredor de 90 expositores provintes de todos os puntos tanto de Galicia coma do resto de España e de varias partes do mundo, que exhibiron as súas pezas de tornería en madeira. Tamén acolleu a XVIII edición da Exposición CONtornos. Entre os participantes, destacou a presencia dun expositor provinte da cidade arxentina de Córdoba, así coma outros de Reino Unido, Francia e Portugal. Ata o domingo achegaronse a esta mostra internacional uns 5.000 visitantes, principalmente provintes de toda Galicia e tamén de Portugal.
A competición celebrarase entre o 24 e o 27 de setembro en Las Vegas, e Julia Cabarcos emprenderá esta mesma tarde a viaxe cara aos Estados Unidos para afrontar a súa participación na categoría Women's Physique.



