Ribadeo, 11 de maio de 2021. Ribadeo, 11 de maio de 2021. O alcalde, Fernando Suárez, anunciou que o Concello faralle un recoñecemento público a Francisco Moreda Pérez, quen quixo que os aforros e bens conseguidos na súa vida servisen para mellorar e facer un entorno máis agradable na vida doutros moitos veciños e veciñas, que un día foron del, a través da mellora do Hospital Asilo. O investimento a realizar nas obras de mellora nesas instalacións ascenderán a 1 millón e medio de euros. Aínda que as cifras da herdanza son importantes non son suficientes para cubrir o custe desa reforma.
O rexedor ribadense contou que “na comisión informativa, celebrada onte, para dar contido da herdanza aceptada do señor Francisco Moreda Pérez, coa fin de destinala ao Hospital Asilo Municipal, estivemos xunto cos corporativos, tamén os técnicos municipais actuais, os que anteriormente desempeñaron os cargos de interventor e tesoureiro nos meses anteriores, así como o avogado que estivo ao tanto das tramitacións da aceptación e da adxudicación da herdanza. Demos conta, polo miúdo, de todos os pasos dados para identificar os bens que esta persoa dispoñía, pois no testamento deixou dito que todos os seus bens foran para o Hospital Asilo, polo que o Concello de Ribadeo como titular do Hospital Asilo é quen debe velar para cumprir este seu desexo.
Bens mobles e inmobles
Suárez Barcia explicou que “en canto aos bens inmobles legou o cen por cen dun céntrico piso na rúa Reinante, en Ribadeo, así como o cincuenta por cento indiviso do fallado deste edificio. Desde o Concello encargamos tres taxacións diferentes. Unha á Deputación Provincial, outra aos propios técnicos do Concello e unha terceira externa. A partir de hoxe, todos os interesados poderán ver os detalles na páxina web do Concello, concretamente no perfil do contratante ou tamén na plataforma de contratos do estado. Para isto poderán presentar ofertas en sobre pechado que será dun mes, a partir de mañá. O prezo de saída son 210.000 euros para o continente e 30.600 euros para o contido. Tamén esta persoa tiña como bens mobles un vehículo Ford EcoSport que foi entregado, xa o pasado 7 de novembro, á congregación relixiosa que xestiona o Hospital Asilo”.
Diñeiro e produtos financieiros
O alcalde seguiu a relatar que “no tocante ao diñeiro e aos produtos financeiros que tiña, como accións, fondos de inversión, plans de pensións, etc…, actualmente a cifra non está pechada a día de hoxe porque mantemos unha discrepancia coa entidade financeira onde estaban estes instrumentos financeiros, que ven motivada na diferenza de valor de varios destes produtos entre o momento en que o Concello aceptou a herdanza, que foi en xullo de 2019, e o momento en que o banco efectivamente os puxo a disposición do Concello, que foi entre xuño e xullo de 2020. Desde o Concello de Ribadeo e confiando, unha vez máis, nos servizos xurídicos e económicos desta entidade, presentamos un preito xudicial contra o banco por esa diferenza e esta situación vaise dirimir nos próximos días no tocante a saber quen debe asumir esta posible depreciación dalgúns dos seus valores”.
Fernando Suárez indicou que “con todo, debemos dicir que, unha vez que o Concello tivo acceso efectivo ás contas e aos fondos, atendendo tamén ás indicacións, como sempre, da intervención municipal, decidiu liquidar todos os produtos financeiros de xeito inmediato, dado que as administracións públicas non podemos ter ao noso cargo produtos de renda variable que estean suxeitos ás flutuacións do mercado senón que só podemos traballar con investimentos en condicións de liquidez e de seguridade. Pois, unha vez liquidado os produtos correspondentes a estas accións, fondos de inversión e plans de pensións, a cifra efectiva foi de 591.195 euros, e este é o importe que hai seguro e o que se coñece a día de hoxe á espera do que ocorra no xulgado”.
Custes asumidos que deben ir contra a herdanza
O rexedor manifestou que “tamén debemos dicir que, segundo os técnicos municipais, todos os gastos que a aceptación dunha herdanza xeren deberán ir a beneficio de inventario, isto é deberán detraerse da cantidade final efectiva. Neste caso, os diversos custos que obran tamén no expediente, como o pagamento de rendas pendentes desta persoa no apartamento no que vivía en Cataluña, o transporte dos enseres que alí tiña para Ribadeo, os honorarios dos avogados, a notaría, o rexistro, as taxacións dos inmobles, etc…, ascenden a unha cantidade de 22.972 euros”.
Destino da herdanza: arranxo e adaptación do edificio do Hospital Asilo
Fernando Suárez sinalou: “en canto ao destino da herdanza, dado que estamos obrigados a cumprir a vontade desta persoa, vai ser o investimento de todo este patrimonio na mellora, no arranxo e na adaptación do Hospital Asilo, e por todo iso quixemos simultaneamente, en todo este tempo, elaborar o proxecto técnico para adaptar ás normativas actuais o edificio. Para iso, o técnico municipal cifra o conxunto das obras necesarias en 1.500.000 euros, sen ter en conta o valor do mobiliario, dado que será necesario instalalo novo despois da importante actuación de modernización do edificio que se vai facer. Para iso, lévase varios meses traballando e coordinando coa Consellería de Política Social para que dea o visto e prace a este proxecto. Precisamente, no día de onte, mantívose unha nova xuntanza técnica para ultimar os detalles deste ambicioso proxecto”.
O alcalde de Ribadeo declarou que “se fai evidente que as importantes cifras desta herdanza non son abondas para cubrir o custo das obras máis, a partir de agora, será cando outras administracións deberemos poñer enriba da mesa canto financiamento se poderá achegar para completar o necesario”.
E engadiu: “finalmente, e non menos importante, tamén queremos recoñecer a vontade desta persoa que quixo que os aforros e os bens conseguidos na súa vida servisen para mellorar e para facer un entorno máis agradable na vida doutros moitos veciños e veciñas que un día foron del, a través da mellora do Hospital Asilo. Para iso, o Concello de Ribadeo faralle o recoñecemento público que merece o señor Francisco Moreda Pérez”.























Baixo o título Memoria de mariñáns. Unha crónica da emigración da Mariña, o xornalista e investigador Martín Fernández Vizoso ofrecerá unha intervención centrada nas historias e vivencias dos emigrantes da comarca, ilustrando o fenómeno migratorio que marcou a vida de moitas familias ao longo do século XX. O evento inclúe tamén unha imaxe histórica de mariñáns retornados de América nos anos 30, que serve de fío visual para contextualizar esta realidade.
O prólogo é da profesora de Debuxo Camino Casabella Pumares, artista con raíces no Alfoz do Castrodouro, que participará na presentación xunto ao presidente do colectivo. Cinco dos pintores estarán presentes no acto, xa que Alaxe faleceu hai tres anos. A portada do caderno é obra do ilustrador Xosé Blanco. O evento celebrarase o sábado 8 de agosto ás 20:00 horas no castelo do Castrodouro, en Alfoz do Castrodouro.
En total foron ofertadas preto de 80 prazas de surf, piragüismo e vela, destinadas a nenas e nenos con idades comprendidas entre os 9 e os 15 anos. As escolas desenvolvéronse en diferentes quendas nos meses de xuño e xullo. O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, subliñou “a importante participación da rapazada ribadense nas escolas deportivas de verán, que organizamos desde o Concello de Ribadeo coa axuda dos clubs que as impartiron. Queremos agradecer ás familias a confianza depositada nas nosas actividades, que lles serviron aos asistentes para practicar deporte na auga e para pasar uns días aprendendo e perfeccionando técnicas”.
No encontro mantido na sede da delegación territorial da Xunta en Lugo, no que tamén estivo o director territorial da Consellería, Marco Antonio Fernández Piñeiro. abordáronse liñas de cooperación para a mellora de Infraestruturas e de seguridade viaria, de interese para este municipio. O departamento que dirixe M. Allegue segue prestando apoio aos municipios para executar actuacións que contribúan a mellorar a calidade de vida da veciñanza e a reforzar a competitividade económica.
Xa se poden ver auténticas "artistadas", todas coas serea como protagonista, enchendo o ambiente desa creatividade tan propia da celebración.
O corte estará vixente entre as 00:00 e as 05:00 horas da madrugada do venres 7 ao sábado 8 de agosto, co obxectivo de garantir a seguridade das persoas asistentes e o correcto desenvolvemento do evento, que terá lugar nos Xardíns Noriega Varela. Desde o Concello de Viveiro solicítase a colaboración da veciñanza e das persoas condutoras, recomendando planificar os desprazamentos con antelación e utilizar itinerarios alternativos durante o tempo que permaneza vixente esta restrición.
No Campo de Fútbol de As Valgas poderanse ver desde as 21.30 horas as actuacións de Netos de Bandim, chegados desde Guinea Bissau; da Philippine Performing Arts Company, das Filipinas; e do grupo anfitrión O Arco da Vella. Un encontro único de culturas, ritmos e emocións que promete unha noite inesquecible.



