
Rosa Quintana, acompañada pola presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, presentará antes os medios a travesía náutica xacobea Navega o Camiño
Porto do Son (A Coruña), 18 de maio de 2021. A conselleira do Mar, Rosa Quintana, participou hoxe na presentación da travesía náutica xacobea Navega o Camiño, que se celebrará entre os días 11 e 19 de xuño e constará de sete etapas nas que os barcos participantes pasarán por 15 dos 30 portos deportivos vencellados coa ruta marítima a Santiago. A travesía transcorrerá desde Ribadeo ata o río Ulla, chegando a Padrón en catamarán e completando a pé o último tramo do camiño ata Santiago.
A titular de Mar destacou a oportunidade que supón o Xacobeo 21-22 para reactivar o sector náutico galego e que poida recuperar os niveis de actividade previos á alerta sanitaria polo coronavirus. Neste sentido, enxalzou o papel que terá Navega o Camiño nese obxectivo pois trátase dunha ruta por mar consolidada que vai xa pola sexta edición.
A representante do Executivo galego, que estivo acompañada pola presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, salientou que Galicia é un destino seguro tamén por mar e que a rede autonómica de portos deportivos e instalacións náuticas adquire neste momento un valor estratéxico tanto para a promoción turística de Galicia como para a conmemoración do fito xacobeo.
Rosa Quintana lembrou ademais que esta travesía se pode realizar sen necesidade de inscrición, reservando simplemente a praza de tránsito no porto no que se faga escala. Nesta edición está previsto que participen os barcos das entidades organizadoras -NorthMarinas, Asnauga e Mariñas de Galicia-, un barco de vela adaptado coordinado pola Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami) e un barco oficial da Xunta de Galicia no que viaxarán xornalistas especializados en turismo de medios nacionais e europeos para promocionar a costa e as instalacións portuarias galegas e impulsar a incorporación de perfís de navegantes da náutica de recreo.
Entre as peculiaridades da edición deste ano, a conselleira do Mar tamén destacou a reivindicación do papel da muller na práctica náutica. Neste sentido, explicou que un dos barcos das asociacións organizadoras contará coa gañadora dunha medalla olímpica Ángela Pumariega, que liderará unha tripulación composta maioritariamente por mulleres.
A titular de Mar tamén agradeceu o esforzo realizado polas entidades organizadoras, que permite que se celebre novamente este evento malia as dificultades, e para os responsables de Cogami, por demostrar que todos os colectivos poden participar de forma activa en iniciativas coma esta e vivir de preto o mundo do mar.
Esta edición de Navega o Camiño terá o seu impulso definitivo o vindeiro venres coa súa presentación ao público nacional e internacional no posto que Galicia ten na feira internacional de turismo Fitur 2021. “Convidamos aos navegantes de todo o mundo, sexan principiantes ou teñan xa unha dilatada experiencia, a unirse a este Camiño tan especial”, concluíu a conselleira do Mar.






















Na xuntanza preténdese analizar a execución das obras, o comportamento da empresa responsable, a problemática dos accesos durante as Festas de Xunqueira e solicitar ao Concello de Viveiro que faga público o proxecto definitivo.
A marcha partirá ás 12:30 horas diante do Concello, percorrerá as rúas peonís do centro e rematará novamente na casa consistorial, onde se lerá un manifesto. A plataforma chama a mobilizarse cunha mensaxe clara: cada bomba destrúe vidas e cada silencio convértenos en cómplices. Defenden que é o momento de saír á rúa para esixir o fin da violencia, o respecto aos dereitos humanos e a liberdade do pobo palestino, lembrando que a presenza das persoas manifestantes é a voz de quen hoxe non pode falar. A convocatoria péchase cun triplo chamamento: non á guerra, non ao silencio e non á indiferenza.
Estiveron acompañados polas dúas técnicas de Xuventude, para gozar dunha mañá nas distintas actividades que ofrece este parque de trampolíns. Pola tarde, o grupo parou a xantar no Lago das Pontes, onde puido coñecer a historia da súa creación e desfrutar dun baño. A viaxe estivo organizada polas Concellerías de Xuventude e Deporte e pola Oficina de Información Xuvenil dentro do programa “Verán a Tope en Xove 2026”.
Evaristo Calvo, Rebeca Montero e Vítor Mosqueira interpretaron o pasaxe que recrea os últimos momentos do Mariscal Pardo de Cela e da súa muller, Isabel de Castro, antes da traizón da Frouseira. A acción cultural, coordinada por Carme Varela e promovida pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo, rende homenaxe ao gran dramaturgo do Valadouro no seu primeiro cabodano.
A Orquesta Mondragón con Javier Gurruchaga á cabeza e Fórmula V con Paco Pastor encheron de lembranzas e de ritmo a noite ribadense. Desde o Concello fan un balance moi positivo do concerto "xa que contribuíu á dinamización económica da nosa vila".
O Campo de Fútbol de As Valgas acolleu as actuacións de Netos de Bandim, chegados desde Guinea Bissau; da Philippine Performing Arts Company, das Filipinas; e do grupo anfitrión O Arco da Vella. Un encontro único de culturas, ritmos e emocións que pechou unha noite inesquecible.

