LUGO .- A Xunta de Goberno da Deputación aprobou este venres a contratación das primeiras 9 actuacións do Plan Extraordinario de Obra Pública, dotado con 60 millóns de euros, e creado pola Deputación para adiantarse á saída da crise, sen aumentar en nin un só euro a débeda pública. Deste xeito, o organismo provincial investirá 3.712.443 euros, é dicir, máis de 617 millóns das antigas pesetas, no acondicionamento de 26 quilómetros de estrada provinciais de oito Concellos de todas as cores políticas.
A Deputación inicia o proceso de contratación tan só un mes e medio despois de que fose aprobado polo Pleno en abril. O voceiro provincial socialista, Antonio Gato Soengas, subliñou que “trátase dunha cantidade histórica que é resultado dunha boa xestión económica protagonizada por este equipo de goberno e sen antecedentes nesta administración. Con estas obras contribuiremos a manter os postos de traballo existentes”.
As obras contratadas nesta primeira tandada son as seguintes: O Corgo (saneamento e depuración en Arxemil: 242.367 euros), Foz (acondicionamento da estrada que vai dende esta localidade a Espiñeira, dende o punto quilométrico 0,000 ó 2,256. Importe: 548.079 euros); Láncara (mellora da estrada provincial CP 2703 que vai de Pobra de San Xillao a Carracedo, dende o punto quilométrico 0,400 ó 2,280. Importe: 300.000 euros); Monforte de Lemos (acceso de 1,5 quilómetros ó polígono industrial desta localidade: 573.000 euros); Palas de Rei (acondicionamento da CP 2901 que vai da LU-232 polo Burgo e Vilamaior de Negral a Palas de Rei; dende o punto quilométrico: 34,183 ó 36,114; e da CP 4011 do Cemiterio a Tarrio, dende o punto quilométrico 0,187 ó 0,637. Importe: 456.000 euros); Pedrafita do Cebreiro (acondicionamento da CP 4501 que comunica Poio con Samos e O Courel, dende o punto quilométrico 0,000 ó 5,250. Importe: 450.000 euros); Portomarín (mellora da CP 4902 do Alto do Valiño, por Vilaxuste, a Valdeorras; dende o punto quilométrico 0,000 ó 4,200. Importe: 600.000 euros); e Ribeira de Piquín (acondicionamento da CP 4606 que vai de Rioxoan, por Boel, Chao de Pousadoiro e Carballido, a Asturias; dende o punto quilométrico 15,7 ó 24,7. Importe: 540.000 euros).
Neste senso, Gato Soengas subliñou que “a mellor receita contra a crise e para manter o emprego é a obra pública. Fronte á Xunta de Galicia que a reduce nun 60%, a Deputación moito máis ambiciosa, pon en marcha unha macroprogramación sen antecedentes. Cando a situación se recupere, os veciños saberán quen tirou do carro cando fillo falta e quen non o fixo, e quen foi o que puxo enriba da mesa solucións rápidas”.
Outros acordos da Xunta de Goberno
Tamén se aprobaron novas actuacións dentro do canon de 2008-2009 nos Concellos do Páramo e Paradela. No primeiro caso, os investimentos suman 140.982 euros e son os seguintes: acondicionamento dos accesos de San Mamede e Reascos, á igrexa en Reascos, a Pena, de Santa Andrea á ponte, a San Vicente, así como a pavimentación dos núcleos de San Andrés e San Mamede e reparación da ponte na estrada de San Vicente a Gándara. Polo que respecta a Paradela, o investimento que destina a Deputación ó acondicionamento dos accesos a Ferreiros, Tellada, Pedreira e Loio é de 90.353 euros.
O organismo provincial acometerá novas obras neste municipios dentro da anualidade de 2010. Segundo o reparto aprobado no pleno de maio, este ano a Páramo correspóndenlle 75.774 euros e a Paradela 132.795.
Tamén se deu o visto e prace a 14 contas xustificativas do Plan de Comunidades Veciñais que suman 180.975 euros dos que a Deputación achega 95.123. Corresponden todas ó ano 2009, excepto 1 a 2007 e 2 a 2008. Pertencen ós Concellos de Guntín, Baleira, Pantón, Antas de Ulla (2), Barreiros, Láncara, Lugo, Outeiro de Rei, Trabada, Xermade (2), O Valadouro, e Portomarín.
Carta Innova-TE
A Deputación vén de enviar por mail e por correo postal certificado unha carta a todos os Alcaldes e Alcaldesas dos 66 Concellos, na que se lles solicita a adhesión voluntaria antes do 30 de xuño ó programa Innova-TE co que o organismo provincial levará a cabo a implantación da administración electrónica na provincia. A este respecto, o voceiro provincial socialista sinalou que “a Deputación e os Concellos somos aliados neste programa tecnolóxico, polo que lles ofrecemos toda a nosa colaboración en todas as accións que levemos a cabo, e que correrán a cargo economicamente deste institución”.
Neste senso, apuntou que “todas as medidas que se propoñen son para sumar e nunca para restar. Trátase dunha iniciativa de extraordinaria importancia porque a Deputación aforra de media a cada un dos municipios que asinen esta adhesión 300.000 euros, o que sen dúbida é de agradecer nestes momentos de crise económica. Como Alcalde teño claro que todos os responsables dos Concellos non podemos dicir que non a esta importante medida da Deputación”.




















O programa inclúe inscricións, concertos, exhibicións, rutas e exposición de vehículos. Con motivo do evento, haberá cambios temporais de tráfico no casco urbano, con prohibicións de circulación e estacionamento en varias rúas e modificacións de sentido. O Concello pide á veciñanza que respecte a sinalización para garantir o correcto desenvolvemento das actividades.
A piscina abrirá de luns a venres de 8:30 a 13:00 e de 15:30 a 22:00, e os sábados de 8:30 a 14:30. O ximnasio manterá horario continuo de luns a venres, de 8:30 a 22:00, e os sábados de 8:30 a 14:30. A tempada arrinca tras diversas melloras nas instalacións, entre elas a renovación da cuberta do polideportivo, cun investimento de 195.000 euros, así como a substitución de portas de emerxencia, a intervención en pontóns das piscinas e o cambio das huellas de volteo. O Concello continúa así reforzando o mantemento e a seguridade dun complexo utilizado diariamente por numerosos veciños e deportistas.
Este luns, 14 de setembro, visitaron Mondoñedo, a Praia das Catedrais e Santa Cruz. A viaxe evocou as lecturas de Cunqueiro e as súas Crónicas do sochantre, nun percorrido que incluíu a catedral mindoniense e o barrio dos Muíños, ademais da emblemática praia de Augas Santas. Pola tarde participaron nunha exhibición de billarda grazas á estimable colaboración dos billardeiros da comarca. O martes partiron de regreso a Loktudi.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asistiu á ofrenda da Virxe dos Remedios en Mondoñedo.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Este luns, 14 de setembro, deu comezo un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.



