Lugo, 21 de xullo 2021. A asociación de gandeiros e gandeiras Agromuralla califica de “crítica” a situación pola que atravesan a maioría das explotacións leiteiras galegas debido á “suba desproporcionada” que nos últimos meses se está a producir en insumos básicos como o penso para a alimentación do gando ou o recibo da luz e esixe ás Administracións “que adopten as medidas necesarias para garantir a viabilidade e continuidade dun sector estratéxico para o conxunto de Galicia”.
O presidente de Agromuralla, Roberto López, denunciou o “pasotismo” tanto da Xunta como do Ministerio diante da situación das ganderías, que na actualidade, e cos prezos que pagan as industrias, non cubren os custos de produción. “Os gandeiros estamos perdendo cartos todos os meses, tirando de aforros para seguir adiante, pero se a situación non cambia moitas explotacións veranse obrigadas a pechar, despois de ter feito importantes investimentos nos últimos anos”, asegura.
Por iso, urxe a que “dunha vez por todas” tanto a Xunta como o Ministerio “interveñan” para que o prezo que cobran os produtores sexa “xusto” e permita “vivir con dignidade no rural”. “Galicia non se pode permitir que cada día siga pechando unha explotación de leite”, asegura Roberto López, que teme que o ritmo de abandonos poida incrementarse de aquí a final de ano se a situación non cambia, “arrastrando consigo toda unha actividade económica complementaria, porque as ganderías de leite somos o motor do rural galego”, defende.
Subas nos pensos e o recibo da luz
No último ano os custos das explotacións disparáronse como consecuencia do forte encarecemento dos pensos e outros insumos para alimentación do gando, que subiron máis dun 30%, así como os abonos e os plásticos dos silos. A isto sumouse o encarecemento do recibo da luz, a raíz do cambio tarifario aplicado o pasado mes de xuño, que fixo subir a factura eléctrica das explotacións. A modo de exemplo, o presidente de Agromuralla indicou que unha granxa cun robot de muxido está a pagar agora 200 euros máis ao mes que antes da introdución dos tramos horarios.
Todas estas subas están a afectar á rendibilidade das explotacións e a facer que non se cumpra a legalidade vixente, xa que a Lei da Cadea Alimentaria, logo da súa última modificación, establece que os prezos que cobran os produtores primarios polos seus produtos deben cubrir obrigatoriamente os seus custos de produción. “É intolerable que aquí se estea a imcumprir a normativa legal e non pase nada e que as Administracións públicas, que son as garantes de que a Lei se cumpra, miren para outro lado”, insiste Agromuralla.
Renovación de contratos en agosto
A maioría dos contratos lácteos entre gandeiros e industrias renóvanse ben no mes de marzo, ben no mes de agosto, polo que o mes que vén tocaría facelo a un bo número de explotacións. “Están a chegar propostas de contratos ás granxas que incumpren claramente a Lei da Cadea Alimentaria”, asegura Roberto López, que pon como exemplo os contratos que ofrece algunha industria cun prezo de 29,5 céntimos.
“O estudo de custos que acaba de aprobar o Ministerio establece os custos de produción das explotacións entre os 32 e os 38 céntimos, cunha media de 35 céntimos, polo que ofertas que cheguen por baixo desas cantidades son claramente ilegais”, denuncia Agromuralla. A asociación de gandeiros afirma que “as políticas das industrias seguen sendo as mesmas de sempre, de coaccións e presións para que os gandeiros asinen, pero os produtores seguimos sen ter capacidade real de negociación”.
Estudo de custos irreal
Finalmente, Agromuralla acusa ao Ministerio de Agricultura de crear “confusión” no sector cun “estudo de custos irreal que crea moita incertidume e obriga na práctica a facer un análise personalizado de cada unha das granxas para establecer a cifra individualizada dos custos de produción”. “O Ministerio modificou o cálculo inicial e introduciu a media dos anos 2018 e 2019, no que as materias primas de alimentación do gando estaban máis baixas, para distorsionar o estudo, que non se axusta á realidade nin ten en conta a suba actual dos pensos”, indica Roberto López.
“Temos un ministro de Agricultura que sucumbiu ás presións da industria e das cadeas de distribución e que modificou ao seu antollo o estudo de custos oficial para maquillalo en favor da distribución e sen actuar en defensa dos produtores”, denuncia Agromuralla, que non descarta mobilizacións como as que se están a organizar noutras comunidades, como é o caso de Andalucía. “É bastante sorprendente que aquí en Galicia ninguén diga nada e estea todo o mundo calado cando estamos cobrando o leite dous céntimos por baixo da media do resto de España”, asegura Roberto López.

















A mostra inaugúrase o luns 19 de outubro ás 12.00 horas na Casa da Cultura, onde permanecerá aberta ao público ata o 19 de novembro. A iniciativa, promovida polo Concello, ofrece unha selección de obras nas que o artista explora a cor, a luz e a expresión contemporánea, consolidando a súa traxectoria dentro deste movemento artístico.
Da man da FCAM Ribagorda está a coñecer establecementos comerciais que cumpriron corenta anos de vida e outros que se achegan aos cen. A Federación de Comercio A Mariña aproveita esta estadía do coñecido xornalista para amosarlle as potencialidades turísticas da comarca. José Ribagorda visitou a Basílica de San Martiño en Foz e o Centro de Interpretación da Faba en Lourenzá. A súa viaxe pola Mariña seguirá hoxe e mañá.
O 112 Galicia tivo constancia dos feitos contra as 19:30 horas deste venres, a través dun particular que se atopaba no punto: un coche que participaba nunha proba de rallye en San Fiz de Paz (Outeiro de Rei) perdeu unha roda, e esta acabou golpeando a un espectador, quen precisaba asistencia sanitaria. De inmediato, desde o 112 Galicia informouse a Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e os axentes da Garda Civil. Foi a propia organización do evento a que se fixo cargo do traslado.
O paseo polas rúas da vila xunto as Sanluqueiras e Sanluqueiros e o pregón de Luis Rego marcaron o arranque oficial das feiras e festas mindonienses, que chegan este ano a edición 870. A Vicepresidencia da Deputación de Lugo colabora de forma estable e continuada coa Asociación As San Lucas de Mondoñedo, cunha achega da área de Cultura que este ano -coincidindo coa 870 edición- incrementou dos 20.000 aos 30.000 euros.
Trátase dunha iniciativa que favorece a colaboración entre o tecido asociativo e o voluntariado para mellorar e conservar as contornas naturais do municipio. Os traballos centráronse na limpeza deste espazo costeiro, contribuíndo ao seu coidado e á conservación do medio natural. A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, achegouse ata a praia para acompañar as persoas participantes nesta iniciativa agredecendo a implicación de Mistura de Lieiro e das persoas voluntarias que participaron nesta xornada, contribuíndo, coa súa colaboración, a manter limpos e coidados os espazos naturais de Cervo.
As estudantes recibiron o galardón “Pizza Chef Emergente”, un recoñecemento que destaca o talento das novas promesas da gastronomía e que supón un importante logro para o centro educativo e para a formación profesional da comarca.
O delegado subliñou o importante papel que realiza o tecido social para conseguir melloras en beneficio da veciñanza e dinamizar social e culturalmente a localidade. Neste sentido, lembrou que a Xunta impulsa o movemento asociativo a través de apoios para o acondicionamento dos seus locais ou para o desenvolvemento de actividades.



