Viveiro, 4 de novembro de 2021. O Concello de Viveiro informa que a pasada fin de semana, igual que en calquera data festiva ou na que se prevé gran afluencia de xente, por parte da Policía Local se reforzou a vixiancia do casco antigo, nunha labor en coordinación coa Policía Nacional.
De forma habitual, véñense emitindo ordes concretas para que por parte da Policía Local se intensifique a vixiancia nesa zona nas horas nas que se prevé maior afluencia e que se vai modificando en función da ampliación dos horarios de peche.
A Policía Local vai por cada establecemento advertindo aos propietarios que non poden deixar saír aos clientes con vasos de cristal. Ao longo da noite, intensifícase a vixiancia dentro de todo o casco, comprobando que se están cumprindo as medidas e restricións establecidas.
Esta é a folla de ruta que por parte do concello se segue dende que se reiniciou o ocio nocturno, co obxectivo de que cumpran as restricións. Estase levando un control e, en caso de incumprimento, levántase a acta correspondente.
Con respecto á vixiancia realizada cabe sinalar, a modo de exemplo, que este fin de semana se realizaron unhas pintadas no parque de Mahía por parte duns menores, sendo identificados pola Policía Local, a raíz dun traballo de investigación e colaboración cidadá, tanto os autores das mesmas como os seus pais.
Igual que ao longo de toda a pandemia, véñense facendo inspeccións rutinarias nos establecementos, a fin de garantir o cumprimento das medidas impostas (aforos, distribucións de espazos, información de carteis…), tanto polo Plan de lecer nocturno, como polo Plan de hostalería segura.
Tamén se estableceron dispositivos para actuar sobre os botellóns e faise unha intervención policial no tema de aglomeracións de persoas en espazos públicos.
Enténdese que o ruído existente, derivado do ocio nocturno, pode causar molestias, pero o concello está a adoptar medidas e é evidente que habería moito máis se non se realizaran estes reforzos e todas estas actuacións.
En todo caso, tamén é necesario indicar que non consta formalización de ningunha denuncia a instancia de particular por actos vandálicos nin por infraccións nos horarios de peche.
LIMPEZA
Con respecto á limpeza dentro do casco, cómpre sinalar que todos os domingos, a partir das 6:00 horas, dous operarios da empresa concesionaria do servizo, realizan labores de baldeo e barrido polas diferentes rúas.
En concreto, baldéanse a Praza Pastor Díaz, a Praciña da Herba e rúa Fernández Victorio, a rúa Vicente Cociña, a Praza da Fontenova, os calexóns de Vicente Cociña, Almirante Chicarro e Melitón Cortiñas, a rúa Almirante Chicarro, a rúa Melitón Cortiñas, a rúa Rosalía de Castro, a rúa Juan García Junceda, a rúa Felipe Prieto, o Calexón do Olvido e a Praza de Santa María.
Finalizado o baldeo destas zonas, continúase coas labores de limpeza realizando o barrido da Travesía da Mariña, Avenida de Cervantes, rúa Juan Donapetry, rúa Nicolás Cora Montenegro, Praza de Lugo e da Avenida de Ferrol ata a Praza deLugo.
Estas labores de limpeza finalizan as 12:00 horas, quedando o casco a partir desa hora completamente limpo. Ademais, pola semana, cando se ve que se necesita, tamén se realizan baldeos de rúas. A maiores, nos últimos catorce anos, o traballo que realiza a empresa encargada da limpeza vén complementándose con labores que realiza a brigada de medio ambiente.
Nos días festivos, dúas persoas da citada sección veñen recollendo os restos do botellón nos seguintes lugares: arredores da igrexa de Santa María, os arredores da igrexa de San Francisco, a zona próxima ao Halley, todos os xardíns Noriega Varela, a Praza de Lannion e rúa Juan Donapetry. Tamén en zonas que non son estritamente do casco histórico, como as Aceñas, a zona do hórreo de Xunqueira, os arredores do Mosteiro de Valdeflores, Parquemar, Campo da Pascua, Parque Pernas Peón e Parque de Lavandeiras.
Nos últimos anos, durante varios meses, tamén un operario vén chorreando rúas e prazas cun dobre obxectivo, eliminar o verdín e limpar as rúas de xeito máis profundo.
Na época veraniega, a sección de medio ambiente, ás 9:00 da mañá, veñen deixando en perfectas condicións, ademais dos areais e dos seus arredores, o entorno daqueles sitios onde o día anterior houbo algunha festa.
REUNIÓNS
Cómpre explicar, asemade, que o concello se reúne coa Asociación de Veciños do Casco Antigo cada vez que esta agrupación o solicita, sendo a última destas xuntanzas coa presenza da Policía Local e da Policía Nacional.
Nesa xuntanza, a Asociación de Veciños do Casco Antigo manifestou o seu interese por manter unha reunión cos técnicos municipais en relación coa situación dos locais de hostalería. Nese momento, xa se indicou que había persoal en situación de baixa, dedicándose o persoal restante á tramitación ordinaria do día a día para atender ao resto de veciños, acordando que cando se restablecese a situación nos reuniríamos de novo, como fixemos en noutras ocasións, sen que en ningún momento se negase esa xuntanza.
Polo que atinxe á Ordenanza de Protección contra a contaminación acústica, débese indicar que se está compaxinando a súa elaboración coa xestión e traballo do día a día, pero, en todo caso, é preciso incidir en que o concello realiza reforzos para vixiar esta zona e que a xente que sae pode comprobar como as patrullas da Policía Local e da Policía Nacional están con frecuencia no casco antigo, debendo, por suposto, compatibilizar a vixiancia do casco antigo co resto do concello ou con outras zonas de ocio, como en Cantarrana, no que tamén é preciso comprobar o cumprimento da normativa.
Cómpre facer referencia á Ordenanza de Acceso ao Casco Histórico de Viveiro, aprobada polo pleno da corporación o 1 de decembro de 2020 e que entrou en vigor o 25 xaneiro deste ano. Esta ordenanza foi elaborada co consenso de todos os grupos políticos con representación municipal e coas achegas realizadas por cada un deles, achegas que nalgúns casos foron presentadas por escrito e noutros casos presentadas de forma verbal nas diferentes reunións de traballo realizadas; tratándose, polo tanto, dunha ordenanza moi consensuada.
O Concello de Viveiro elaborou esta ordenanza co obxectivo de regular o tráfico dentro do casco antigo de Viveiro, tendo en conta que se considera peonil na súa totalidade e que actualmente está protexido polo Plan Especial de Protección Interior (PEPRI), ao tempo que se regulan os accesos necesarios para residentes, usuarios de garaxes, titulares de establecementos comerciais, repartidores, obras e demais supostos recollidos na mesma.
Tamén é preciso sinalar os servizos de control de gaivota, que se prestou por terceiro ano consecutivo e que está a resultar de grande relevancia dentro do casco, ao tratarse da zona máis afectada, e de control da pomba, que se iniciou este ano, estando previsto instalar unha xaula proximamente.
Finalmente, cabe lembrar que a raíz do bando ditado por este concello en decembro de 2020, lembrando os propietarios de inmobles no casco antigo a súa obriga de conservar estas edificacións en condicións de seguridade, salubridade e ornato, varios veciños procederon a realizar melloras en fachadas ou substitucións de canalóns, mellorando deste xeito o estado, imaxe e conservación do casco. Por outra banda, o concello tomará as medidas oportunas con respecto aos veciños que aínda non procederon a realizar estas actuacións.
Dende o Concello de Viveiro, dentro das nosas posibilidades, aténdense ás demandas dos veciños e veciñas do casco antigo de Viveiro, adoptando diferentes medidas co obxectivo de mellorar a súa habitalidade.



















Este lume iniciouse ás 14.51 horas do luns e para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 2 técnicos, 14 axentes, 20 brigadas, 21 motobombas, 1 pa, 5 helicópteros e 7 avións.
José Luis Teso Celis é o vendedor da ONCE que repartiu estes cartos na localidade mariñá, desde o seu punto de venda situado na Avenida da Mariña, número 46.
Durante a xornada realizarase un mural inspirado na obra Diálogo (1946) de Luís Seoane, que Maruja Seoane levou a tapiz ese mesmo ano. A organización convida a toda a veciñanza a participar con lecturas, conversas, cantos, bailes e un xantar compartido.
O xoves haberá unha gran sardiñada no Campo da Pascua e o venres dedicarase ao Día do Neno con atraccións a prezos populares. A organización corre a cargo da Comisión de Festas de San Xoán de Covas coa colaboración das administracións locais e autonómicas.
Os subcampións foron Benja e Álvaro. O torneo reuniu no Real Club Náutico arredor dun centenar de xogadores procedentes de Galicia, Asturias e Castela e León, consolidándose como unha das citas máis destacadas do calendario musístico da costa lucense. Desde LuMus agradecen “el apoyo del Concello de Ribadeo, del Real Club Náutico de Ribadeo, de Mapfre y del resto de colaboradores y patrocinadores que hicieron posible esta cita, que dio comienzo a primera hora de la mañana y se prolongó durante toda la jornada del sábado”.
O festival De Cabo a Cabo, organizado por Fanto Fantini cunha achega provincial de 20.000 €, puxo en valor a diversidade cultural de Burela, onde o 10% da poboación é de orixe caboverdiana. A programación espallouse por varios espazos da vila con música, intervencións artísticas e torneos deportivos, e contou coa presenza de artistas como Baiuca, DJ Danifox, DJ Kandole, Batuko Tabanka, Lilaina ou Saya. A contribución da Deputación permitiu cubrir a infraestrutura técnica e loxística, así como os custos de organización e contratación das actividades.
O Concello destaca que este novo éxito é froito do compromiso, do esforzo e da dedicación constante do deportista, cualidades que lle permiten seguir acadando resultados destacados a nivel estatal. Desde a entidade municipal transmítense os parabéns a González Villares por este subcampionato de España.



