Santiago de Compostela, 18 de novembro 2021. A portavoz nacionalista de Sanidade, Montserrat Prado, reclamou á Xunta no Parlamento galego que “escoite o clamor social que está aí fóra” e rectifique a súa política sanitaria, “que xa non avala ninguén”, adoptando as medidas que precisa o sistema sanitario público galego e en especial a Atención Primaria.
Diante da comparecencia a petición propia na Cámara da directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria para abordar reformas na Atención Primaria, á que acusou de repetir o mesmo que xa dixo o conselleiro de Sanidade, “sen facer ningunha aportación nova”, Prado instou ao Goberno do PP a saír da súa “autocomplacencia” e deixar de dicir que están tomando medidas “que é evidente que non van na boa dirección porque non se están resolvendo ningún dos problemas que ten a Atención Primaria”.
“Se vostedes din que están facendo cousas e non se resolve ningún problema, será que non están adoptando as medidas adecuadas, será que non están facendo o que hai que facer”, reprochou, para a continuación recalcar, en alusión á multitudinaria mobilización do pasado domingo en defensa da sanidade pública, que o que se está pedindo, por exemplo, “é que se garanta a presencialidade na Atención Primaria, que non está garantida”.
“Vostedes persisten en agocharse detrás das porcentaxes de presencialidade pero a pregunta é se todas as persoas que precisan atención presencial a están recibindo en tempo e forma”, cuestionou con severidade para subliñar a continuación que “esta é a pregunta que teñen que contestar vostedes; non se a están recibindo o 20, o 30, o 40 ou o 60%, senón se todas as persoas que precisan atención presencial a reciben en tempo e forma. Isto é o que se está reclamando”.
De igual xeito, instou ao Goberno do PP a incrementar o orzamento, “porque con menos orzamento non é posible acometer os grandes retos da Atención Primaria e o orzamento de 2022 é inferior ao de 2021 e é inferior ao de 2009”, reprobou. “Capacidade de planificar da Atención Primaria, capacidade resolutiva, rematar coa precariedade laboral e, dende logo, máis profesionais, son medidas concretas que é o que lles vén demandando todo o mundo”, incidiu.
Neste contexto, recordou as propostas e alternativas que o grupo parlamentar do BNG leva anos presentando neste sentido “topándonos co muro do PP votando en contra e cos oídos xordos do Goberno do PP que non quere escoitar” e aclarou á directora xeral que o Bloque non acusa ao Executivo de Núñez Feixóo de non facer nada -“igual quietos, a cousa non estaba tan mal”, censurou-, senón de “estar actuando decididamente para crear o escenario necesario onde a sanidade privada poida medrar. “Ese é o gran problema, que o PP si traballa denodadamente, pero non para sacar á sanidade pública e á Atención Primaria do pozo no que está, senón para que ese deterioro sexa máis e máis potente e cada vez máis e máis persoas, diante desa desatención, acuda á sanidade privada. Esa é a súa folla de ruta”, recriminou.
No que respecta ás e aos profesionais, acusou ao Goberno do PP de realizar anuncios sen ningunha credibilidade “porque se negan a que haxa transparencia de cal é a situación do persoal no sistema de saúde público, en xeral, e da Atención Primaria, en particular”, afeándolle á directora xeral que siga sen poñer en marcha o dispositivo de identificación das prazas do persoal que comprometera na súa primeira comparecencia ante o Parlamento galego.
Durante a súa intervención, a deputada nacionalista insistiu en que o pasado domingo miles e miles de galegos e galegas, xunto a centos de profesionais, se manifestaron para reclamar unha “rectificación” das políticas sanitarias do Goberno de Núñez Feixóo e medidas concretas “para salvar a Atención Primaria” e advertiu que os tribunais tamén están a cuestionar estas políticas, logo da sentenza sobre o caso do triste falecemento de Xosé Manuel Rey que, segundo o xulgado, “foi unha morte que se puido ter evitado, porque se coñecía o problema da non existencia de profesionais e a Xunta, a Consellería de Sanidade, o Sergas, non tomou as medidas necesarias”.
Unha nova manobra de distracción do PP no Parlamento: máis anuncios e máis fume
E diante deste clamor da sociedade, das e dos profesionais, dos xulgados, “vén vostede hoxe aquí a facer unha manobra de distracción máis”, reprochou á directora xeral á que cuestionou tamén que comparecera na Cámara para informar sobre o desenvolvemento das reformas previstas no documento estratéxico “Por unha atención vertebradora do sistema de saúde” que no propio título da comparecencia figura como “debatido no Consello Técnico de Atención Primaria”, “cando isto non responde á realidade”.
Prado explicou neste sentido que non só é que dito documento, elaborado por profesionais e consultoras externas de fóra de Galiza sen atender ao traballo que xa levaban avanzado xs máis de 200 profesionais e 15 comisións técnicas que integran o Consello Técnico, fora debatido con este, “senón que o Consello Técnico se ten posicionado en contra deste documento”. ““Estanlle faltando ao respecto a eses máis de 200 profesionais que levan máis de dous anos traballando desinteresadamente en achegar alternativas, na elaboración de carteiras de servizo e que vostedes teñen paralizadas sistematicamente e que non dan aprobado, nin achegado conclusións, nin nada de nada”, criticou.
Neste sentido e no marco dese documento que non integra as achegas do Consello Técnico, reprochou á directora xeral que anuncie agora a aprobación das carteiras de servizo dalgunhas categorías profesionais: “por que non todas? E cal é o cronograma para aprobar as conclusións desas 15 comisións técnicas do Consello e que estas se trasladen ao novo modelo de Atención Primaria?”, cuestionou, logo de censurar que o PP “persista en presentar medidas referentes a un novo modelo organizativo ou a axendas de calidade, cando non hai modelo organizativo nin axendas de calidade que sirvan, se non hai profesionais para levalas a cabo”.
Exemplificando co que está a acontecer co persoal de Enfermería, cada día máis e máis sobrecargado, Prado concluíu que “vostedes o único que pretenden é que as e os mesmos profesionais fagan o mesmo e máis traballo, non incorporar máis profesionais”, polo que pediu á Xunta “menos anuncios e menos fume”. “Sería bo que saíran da súa autocomplacencia e escoitasen o clamor que está aí fóra e que desde logo non está avalando, nin minimamente, a política sanitaria do PP”, concluíu.



















No acto impuxéronlles o birrete e entregáronlles diploma e orla. Despois cantaron unha canción para as familias asistentes. Houbo moitos aplausos e algunhas lágrimas de emoción.
A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, destacou o carácter participativo da iniciativa, organizada xunto á Xunta e co apoio do Concello. O director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, puxo en valor o traballo colectivo e a implicación das novas xeracións. O concerto estivo dirixido por Maximino Zumalave, coa formación Hércules Brass e Rosa Aneiros como mantedora. Ademais, anunciouse que a próxima edición estará dedicada a Xosé Neira Vilas.
O vendedor da ONCE Daniel José López Legaspi foi quen levou a sorte ao municipio desde o seu posto de venda situado na Praza Maior.
Trátase dun programa de actividades para a infancia e a mocidade que se desenvolverá en xullo e agosto con propostas educativas, deportivas e culturais pensadas para facilitar a conciliación familiar. A oferta inclúe ludoteca, talleres creativos e tecnolóxicos, deporte, contacontos e eventos comunitarios como o Mercado Infantil Solidario ou o Carnaval de Verano. As inscricións realizaranse do 1 ao 15 de xuño no Concello, con prioridade para menores empadroados. O programa reforza o compromiso municipal co apoio ás familias e cun verán activo e accesible para a mocidade do concello.
A comunidade educativa convida especialmente a antigos alumnos, mestres e familias a participar nesta xornada de reencontros e lembranzas.
A festa incorporou unha mesa doce decorada con temática de faros e unha sesión de coctelería dedicada á elaboración de vermús. As persoas asistentes recibiron ademais un detalle conmemorativo: unha botella de aceite de oliva virxe extra de Oleonavas, en homenaxe ás raíces familiares do propietario. O evento incluíu numerosos sorteos grazas á colaboración de diferentes empresas, con premios como comidas en O Noso Lar, na Bodega de Ana ou no Restaurante Nito, ademais de licores, paletillas e circuítos termais. Para esta ocasión preparouse tamén unha carta especial con táboas de carne e instalouse un mural conmemorativo no local. O establecemento agradeceu a fidelidade da clientela e o apoio da veciñanza ao longo desta década, fundamentais para acadar este aniversario tan significativo.
Tras máis de vinte anos dedicada ao debuxo científico, expón desde 2013 e a súa pintura, definida pola crítica como expresiva, colorista e próxima ao surrealismo, chegou xa a numerosos países europeos e americanos. 



