Sempre somos máis partidarios desde o goberno de Ribadeo de facer cousas, de propoñer iniciativas que de andar á lea con mingurrias ou tirapuxas máis propias de quen se enreda en fatadiñas estériles. De feito, hai moitas veces que nin entramos ao trapo de criticar actitudes do hiperventilado voceiro do partido da oposición cando nos critica, as máis delas, inxustamente. En todo caso, tendo en conta a nosa experiencia co profesional do botafumeiro que temos enfronte, xa vamos vendo que todo acaba como acaba o incenso nas misas: en fume.
Mais desta volta, si que quero expresar a nosa sorpresa por ver como a Conselleira de Política Social, Fabiola García, estivo onte de visita na Gardería de Ribadeo para supervisar unhas obriñas que fixo o seu departamento e non tivo a consideración de cortesía institucional, como sempre se ten feito, de avisar ao alcalde do pobo. Descoñezo se é por medo, se é por desprezo ou por outro motivo.
Realmente se o decidiu ela mesma, pois que decepción. Se foron os seus asesores quen a aconsellaron, pois que inmadurez e que falta de lealdade institucional. Aínda que non nos une amizade, no tempo que a coñezo, pareceume unha persoa afable, dialogante e con un respecto institucional moi loable. É de estrañar que estando na Gardería para ver unhas obriñas que fixeron, non avisase ao Alcalde ou ao goberno municipal, que está 50 metros máis arriba, na Casa do Concello. Sempre poderiamos ter sacado un bocado do noso tempo en achegármonos a saudala, a ver que obriñas fixeron nesa gardería da Xunta, e de paso preguntarlle canto diñeiro ten consignado no Orzamento da Xunta do ano que vén para a importante rehabilitación que temos que facer no Hospital-Asilo de San Sebastián e San Lázaro, pois estas son tamén áreas da súa Consellaría.
Como ela sabe, porque xa falamos verbal e por escrito varias veces do asunto, estamos á espera de que nos digan de que xeito nos van axudar, pois ás competencias reais destes Servizos Sociais son xenuinamente autonómicas e non municipais, e aínda que na nova Residencia a Xunta non puxo un peso, sempre confíamos que agora nesta outra fagan un propósito de emenda e rediman as súas penas, axudando decididamente con este nobre proxecto. Pero a verdade é que nos últimos tempos vexo que me evita, que me esquiva e que sempre delega o diálogo en outro persoal de rango inferior.
Debería saber, mal que lle pese a algúns, que somos o goberno lexítimo e de representación directa de todo o pobo de Ribadeo por ter gañado as eleccións democraticamente, e que estas novas actitudes que estamos vendo non axudan para nada a buscar solución aos problemas. Pero coma sempre, a veciñanza é testemuña e árbitro de todos nós, dos que fan e dos que enredan.
Fernando Suárez Barcia
Alcalde de Ribadeo.


















Malia a intensa calor, o pavillón encheuse de público para gozar das actuacións das numerosas alumnas, que ofreceron exercicios individuais, por parellas e en grupo, destacando pola súa beleza e dificultade técnica ao ritmo da música escollida. Ao remate, a concelleira Ana Rubal entregou medallas ás participantes, que tamén agradeceron o traballo e os valores transmitidos pola súa monitora, Lorena Fernández. Lémbrase que a festa de clausura das Escolas Deportivas terá lugar o luns 29 ás 19:00 horas, nun acto conxunto co Concello de Alfoz, no que haberá diversas actividades de celebración e a entrega de diplomas.
A cantante e instrumentista asturiana Mónica Acevedo actuará en formato solista, mentres que o equipo do local ofrecerá un menú especial con pratos como o tartar de xarda, gañador do “Ribadeo Sabe”, gazpachuelo de tempada, lomo de sardiña con berenxena afumada, cóctel de lagostinos, bonito de Burela con melocotón asado e sopa de cebola, e solombo de porco celta con xudías tenras. A cita comeza ás 21:15, con prazas limitadas e reserva imprescindible.
A xornada incluíu tamén o IV Torneo de Pádel, que continuará durante a fin de semana. O evento, organizado polo Concello xunto con ASAPA e Miño Vivo e coa colaboración da Xunta, recupera unha iniciativa nacida hai catro anos a petición da mocidade, coa intención de consolidala no tempo. O tenente de alcalde, Marcos García Lombardero, destacou a alta participación —catro veces maior ca na primeira edición— e agradeceu a implicación de entidades, colaboradores e asistentes, así como a presenza de representantes da Xunta, do Parlamento e da Deputación.
Adultos, nenos, familias, grupos de amizades fixeron o percorrido nun día espectacular de sol e cunha temperatura de 26º á hora da saída. Acudiron á cita o presidente provincial da AECC, José Manuel Rozas, o alcalde de Ribadeo, Dani Vega, as concelleiras e concelleiro ribadenses, Marta Saiz, Begoña Sanjurjo, Elena Sierra e Francisco José Silvent, a presidenta e o xerente de Acisa, Carmen Cruzado e Jesús Pérez, así como representantes da AECC de Ribadeo coa súa presidenta, Tea Martínez, á cabeza. A II Andaina Ribadeo en marcha contra o cancro contou co patrocinio de Solán e Acisa Ribadeo e coa colaboración do Concello de Ribadeo, Eroski e 2M.
A partir das 19:45 horas abrirán a xornada o Cuarteto Illa Pancha e Tradigalu, mentres que desde as 20:00 horas se poderán degustar hamburguesas á parrilla, bocadillos de panceta e chourizos asados. Xa pola noite, ás 21:30, tomarán o relevo Mi Rollo es el Rock, antes da tradicional fogueira de San Xoán, prevista para as 00:00 horas. A celebración, organizada por A Rebolaxe coa colaboración do Concello de Cervo e a Deputación de Lugo, inclúe tamén o sorteo dunha paleta de cocho e contará con aparcamento habilitado no Estanco da Praia do Torno.
Pasada a medianoite, un vehículo saíuse da vía na N-634. Como consecuencia do impacto, tres persoas resultaron feridas. Da asistencia sanitaria ocupáronse os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e os axentes da Garda Civil de Tráfico da seguridade na vía. Os Bombeiros de Barreiros tamén acudiron, sen embargo, ningún dos feridos estaba atrapado.
Baixo o título “A guerra en Oriente Medio. Do xenocidio en Palestina á agresión a Irán”, o analista internacional Duarte Correa ofrecerá unha intervención centrada na evolución do conflito, o impacto humanitario e as implicacións xeopolíticas da escalada bélica na rexión.



