Lugo, 3 de maio de 2022. O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación en funcións, Francisco Conde, o conselleiro do Medio Rural en funcións, José González, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, participaron xunto co conselleiro delegado de Altri, Jose Soares, e a directora xeral da Sociedade Impulsa Galicia, Enyd López, nun encontro informativo celebrado esta mañá en Lugo sobre o proxecto de biofábrica de fibras téxtiles de Palas de Rei.
Desde o Goberno galego, considérase que este proxecto contribuirá á transformación industrial ao xerar valor en toda a cadea forestal galega, a través dun investimento de 800 millóns de euros e a previsión de crear máis de 2500 postos de traballo directos e indirectos.
Conde destacou que esta biofábrica encaixa no binomio industria-sustentabilidade porque responde aos criterios que marcou a Comisión Europea para o desenvolvemento dunha economía verde, e exemplifica a aposta pola colaboración público-privada para levar adiante os grandes proxectos cos que Galicia aspira aos fondos europeos. Neste sentido, reiterou a necesidade de que o Goberno central se implique xa que se trata dunha oportunidade na que todas as administracións deben poñer da súa parte.
O vicepresidente económico en funcións explicou que a Xunta trasladou a Altri a máxima confianza para que apostase por implantarse en Galicia, considerando este proxecto industrial estratéxico para garantirlle axilidade administrativa.
Pola súa banda, o conselleiro do Medio Rural en funcións, José González, destacou que esta iniciativa “non ten parangón en ningún outro lugar do mundo” polo feito de pechar o ciclo produtivo e ademais facelo con proximidade ao recurso, é dicir, á madeira.
González definiu o proxecto como un “caso de éxito” da colaboración público-privada e lembrou que se configurou dende o principio como unha iniciativa de xestión forestal sostible, partindo dun recurso propio de Galicia, “moi importante nesta provincia”, como é a madeira. Nesta liña, destacou que a nosa comunidade achega a metade das cortas de madeira de toda España, con 10 millóns de metros cúbicos o ano pasado e que temos “un gran potencial de crecemento”, porque o dato de 2015 era de 7,6 millóns.
Ademais, o titular de Medio Rural cualificou o proxecto como “claramente financiable” no marco dos fondos Next Generation, porque cumpre dous requisitos fundamentais, como son a sustentabilidade e a economía circular. A maiores, o conselleiro vinculou esta iniciativa co desenvolvemento do Plan Forestal de Galicia 2021-2040, no sentido de que supón unha “clara aposta pola certificación dos nosos bosques”. Unha certificación que, engadiu, no caso galego está liderada por organizacións ecoloxistas “que están acreditando que en Galicia hai un monte multifuncional, con biodiversidade e ordenado”.
No encontro explicouse que a localización da fábrica realizouse a partir dun proceso de avaliación de carácter técnico no que se estudaron 46 posibles emprazamentos tendo en conta diversos criterios como a dispoñibilidade dun recurso hídrico suficiente e constante; a dispoñibilidade de 150 hectáreas de terreo; unha orografía plana con posibilidade de ampliación; a compatibilidade coa normativa urbanística, patrimonial e medioambiental; a proximidade á madeira e a infraestruturas enerxéticas e de transporte, así como a distancia a núcleos de poboación cualificados.
Este proxecto suporá un importante impulso para o medio rural e para conseguir unha xestión sostible dos bosques e da silvicultura de Galicia.





















A representación terá lugar este sábado día 18, ás 19:30 horas, no local social da Asociación de Veciños de Marzán, un dos destinos habituais nas xiras anuais da compañía. O Centiño mantén así a tradición de visitar este espazo, onde agarda compartir co público unha tarde divertida e chea de humor. A agrupación teatral continúa así coa difusión da súa nova obra, que segue a percorrer diferentes escenarios da comarca.
Dezaoito locais hostaleiros de Ribadeo, Rinlo e Vilaframil ofrecerán diversas preparacións ata o vindeiro domingo: en escabeche, en salpicón, en empanada, ao allo, á prancha, en albóndega, etc… Todas as propostas poden consultarse nas redes sociais de Acisa Ribadeo, que agradece “unha vez máis o apoio da OPP do Porto de Burela, que nos doou 90 quilos de cabala para estas xornadas, produto que entregamos de xeito gratuíto aos locais participantes. Achegámoslles así unha parte do peixe que empregarán nesta nova cita gastronómica na que tamén colabora o Concello de Ribadeo”. Ata o porto, ao restaurante Marinero, se achegaron este mediodía o director territorial da Consellería de Mar, Alexandre Piñeiro, as concelleiras ribadenses Montse Seijo, Elena Sierra e Begoña Sanjurjo, a presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, o xerente do colectivo empresarial, Jesús Pérez, e o técnico de Acisa, Jorge Fernández, que puideron degustar as elaboracións realizadas por este establecemento hostaleiro.
Durante a xornada Lionel compartirá a súa experiencia no mundo da escrita, dando a coñecer os seus procesos creativos e as temáticas que caracterizan os seus libros. O acto incluirá un coloquio participativo cos asistentes do club onde poderán preguntar e intercambiar opinións co autor sobre o libro lido “A raíña das velutinas”.
O sábado terá lugar no Casino o III Showcooking, con cociña en directo e maridaxe de viños. O público poderá votar os seus pinchos favoritos e participar no sorteo dunha noite no hotel Marqués de Riscal. A entrega de premios será o luns 20 ás 19:00 h. O Concello e Destino Navia animan a veciños e visitantes a gozar desta cita gastronómica.
Haberá degustación diaria de ostras na carpa do porto. Concertos, showcookings, visitas guiadas e actividades mariñeiras. Lancha pola ría, exposición de maquetas e concurso fotográfico #somoslasostra2026, ademais propostas especiais en Acueo, La Casilla e Restaurante Peñalba.
A etapa, cun percorrido duns 150 quilómetros, partiu arredor das 11:30 horas e rematou en Barreiros, atravesando concellos como Xermade, Muras, Viveiro ou Foz. A proba reúne a equipos do ciclismo profesional internacional e sitúa a provincia de Lugo como escenario dunha das citas deportivas máis destacadas do calendario. O Goberno colabora no desenvolvemento da carreira a través das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, que velan polo correcto desenvolvemento da proba e pola seguridade de participantes e afeccionados.
As persoas interesadas poden anotarse ata o 24 de abril na Casa do Concello (Cervo) ou na Casa da Cultura (San Cibrao). A actividade está dirixida a persoas pensionistas empadroadas no municipio. Trátase dunha xornada pensada para compartir, celebrar e desfrutar en comunidade.



