BURELA (FNC) .- Os concelleiros socialistas de Formación e Emprego, Obras e Servizos, e Mar Sonia Fraga, Pascual Doménech e Remedios López, critican o silencio administrativo no que caeu o obradoiro de emprego Faro de Burela IV por parte da Xunta de Galicia e esixen que se fagan públicos os criterios de avaliación da convocatoria.
Os tres edís lembran que presentaron o 12 de abril diante da Xunta de Galicia “un ambicioso proxecto de obradoiro de emprego único en Galicia, que responde ao compromiso do Concello como promotor a participar como axente activo na dinamización do tecido socioeconómico e empresarial. Dito proxecto denominado Faro de Burela IV está dirixido á formación de desempregados da zona na confección e mantemento de artes e aparellos de pesca e a rehabilitación e acondicionamento dunha área pertencente ao Concello para convertela nunha zona axardinada e recreativa con pavimentación con lastras, buscando como fin último poder dotar aos cidadáns do noso pobo e aos seus visitantes dun parque coas instalacións necesarias para o seu uso ademais de buscar a inserción laboral dos desempregados do municipio”.
Este obradoiro de emprego tería unha duración de 12 meses, integraría a 45 persoas desempregadas maiores de 25 anos, dando preferencia aos colectivos de mais risco social e contaría cun presuposto total de 968.611€ que serían invertidos no pobo de Burela.
Os concelleiros de Burela explican que “con data 10 de maio, o Concello de Burela recibe un requirimento dalgunhas deficiencias que se encontraban no proxecto orixinal que resolve con dilixencia para que se lle conceda, e así poder comezalo no mes de xuño tal como establecía a orde de publicación. Dende aquela non temos mais información que a facilitada polos medios de comunicación, da concesión de obradoiros a outros concellos de A Mariña considerando que o noso proxecto caeu nun sospeitoso silencio administrativo”.
Sonia Fraga, Pascual Doménech e Remedios López queren explicarlle á poboación de Burela varias cousas:
1º-“No DOG nº58 do 26 de Marzo do 2010 publícanse as bases reguladoras dos programas de obradoiro de emprego no ámbito da comunidade autónoma de Galicia que teñen como finalidade actividades relacionadas coa recuperación ou promoción do patrimonio histórico, artístico, cultural ou natural, e coa rehabilitación de entornos urbanos ou do medio ambiente; e dan prioridade ao carácter innovador do proxecto cunha valoración de ata dez puntos, tendo en consideración a súa incidencia en novos viveiros de emprego. Lembrar que nós solicitamos un obradoiro de redeiras que sería o primeiro en Galicia resaltando que a pesca é un dos inxectores da economía da Mariña, e que grazas a este sector conséguense importantes ingresos económicos e turísticos que fan que a Mariña Lucense se desenvolva e medre. Ao mesmo tempo, existe un déficit de titulacións de formación integral das tripulacións dos barcos pesqueiros de altura, de litoral e de cabotaxe, tanto na sección de ponte, de máquinas ou de redeiras necesarias para poder sacar o barco ao mar”.
2º-“Tamén se valora na orde, que as subvencións de obradoiro de emprego configúranse como un programa mixto que combina accións de formación e emprego que van dirixidas a mellorar a ocupación das persoas desempregadas, coa finalidade de facilitar a súa posterior integración ao mundo laboral. Recordar que segundo os datos do paro facilitados pola Consellería de Traballo e Benestar, Burela no mes de xuño ten 532 parados, e en cambio concedese un obradoiro de emprego a Ourol con 56 parados e outro a Cervo con 228. Dende logo a calidade deses proxectos, atendendo ás actuacións que se van a realizar e á súa adecuación para a cualificación e adquisición de experiencia profesional do alumnado-traballador, valorado ata quince puntos, deberon ser excepcionais. Ou será tamén que teñen un carácter innovador, polo menos no título: Ourol Natural e Terras de Azul Cobalto. Convén lembrar que a nosa intención tamén era facilitar un asesoramento para a formación dunha cooperativa e ofrecer ese traballo aos armadores de A Mariña que teñen que desprazarse ata as Rías Baixas para coser as súas redes”.
3º-“Recordar tamén que dende o cambio de goberno na Xunta concedéronse cinco obradoiros de emprego na comarca da Mariña: Recunchos de Xove con alcalde do PP, II Obradoiro de Emprego do Concello do Vicedo, con alcalde do PP, Val de Lourenzá, con alcalde do PP, e os xa ditos de Ourol e Cervo, tamén con alcaldes do PP. Isto nos leva a sospeitar que pertencer a un partido tamén puntúa nos criterios de valoración, ou que o partido que sustenta o goberno autonómico está utilizando un sistema clientelista de compra de vontades, actuando como verdadeiros Reis Magos. Non esquecendo que dentro dos concellos gobernados polo Partido Popular, tamén existen diversos grados de connivencia, xa que algúns reciben sempre e outros nunca, debido a cuestións “internas” do partido que nada teñen que ver cos principios de equidade e igualdade distributiva”.
4º-“O acto de gobernar, sen dúbida, esixe tomar decisións que non sempre son ao gusto de todos mais debemos procurar que nelas rexa o sentido común e estudar as consecuencias que un reparto motivado por criterios de favoritismo político e non de representatividade, pode carrexar á maioría dos cidadáns. É intolerable facer campaña aos alcaldes do PP con fondos públicos, o cal conleva que a distribución destes fondos sexa unha cacicada digna dun reparto arbitrario e sectario. Este reparto, está totalmente falto de rigor e ademais é opaco, xa que non se realiza dentro duns criterios democráticos, que cumpran as leis e non deixan de lado outros procedementos pouco transparentes, xa que non todos os Concellos de A Mariña tiveron as mesmas oportunidades para acceder a un diñeiro que nestes tempos de crise é tan necesitado por todos os municipios. Solicitamos que a cor política non sexa criterio principal de adxudicación, xa que esta actuación da Xunta e do Partido Popular a quen realmente perxudica é aos cidadáns mariñáns, e desemboca nunha total falla de proporcionalidade que deturpa os obxectivos das axudas, malversa recursos públicos en función do interese partidista e é gravísimo que concellos cunha alta taxa de desemprego non reciban ningunha axuda, mentres outros as reciben de forma totalmente desproporcionada. Esiximos tamén a publicación dos criterios de avaliación, e de non facelo, sería unha desvergoña por quen nos goberna en Galicia, e faltaría aos principios xurídicos de pluralismo político e igualdade entre todos os galegos, xa que se malgasta o diñeiro de todos, non o do PP”.





















Trátase de dous MG ZS Hybrid+ Comfort, equipados coa tecnoloxía híbrida autorrecargable Hybrid+, que permite combinar eficiencia e un menor consumo no uso habitual. Segundo os datos do fabricante para este modelo, presenta unhas emisións de entre 113 e 115 g/km de CO₂ e un consumo de combustible de entre 5 e 5,1 litros aos 100 quilómetros, segundo o ciclo WLTP. A adquisición supuxo un investimento de 51.848,50 euros, IVE incluído, financiado a través do Fondo de Compensación Ambiental correspondente ao ano 2026.
Conta con arredor de 90 expositores provintes de todos os puntos tanto de Galicia coma do resto de España e de varias partes do mundo, que exhibirán as súas pezas de tornería en madeira. Tamén acolle a XVIII edición da Exposición CONtornos. Entre os participantes, destaca a presencia dun expositor provinte da cidade arxentina de Córdoba, así coma outros de Reino Unido, Francia e Portugal. Estímase que ata o domingo se acheguen a esta mostra internacional uns 5.000 visitantes, principalmente provintes de toda Galicia e tamén de Portugal.
O horario será o seguinte: Martes, 20 de outubro: de 9:00 a 13:30 horas e de 15:15 a 18:00 horas. Mércores, 21 de outubro: de 9:00 a 13:30 horas. As persoas interesadas poden solicitar cita previa a través do teléfono 981 92 80 80 ou da páxina web
A competición celebrarase entre o 24 e o 27 de setembro en Las Vegas, e Julia Cabarcos emprenderá esta mesma tarde a viaxe cara aos Estados Unidos para afrontar a súa participación na categoría Women's Physique.
O programa inclúe inscricións, concertos, exhibicións, rutas e exposición de vehículos. Con motivo do evento, haberá cambios temporais de tráfico no casco urbano, con prohibicións de circulación e estacionamento en varias rúas e modificacións de sentido. O Concello pide á veciñanza que respecte a sinalización para garantir o correcto desenvolvemento das actividades.
Este luns, 14 de setembro, visitaron Mondoñedo, a Praia das Catedrais e Santa Cruz. A viaxe evocou as lecturas de Cunqueiro e as súas Crónicas do sochantre, nun percorrido que incluíu a catedral mindoniense e o barrio dos Muíños, ademais da emblemática praia de Augas Santas. Pola tarde participaron nunha exhibición de billarda grazas á estimable colaboración dos billardeiros da comarca. O martes partiron de regreso a Loktudi.
A programación arrancará de 13:00 a 15:00 horas cos pinchos de benvida e unha sesión vermú a cargo do DJ Peabody. A continuación, de 15:00 a 17:00 horas, terá lugar a comida na Finca San Antonio, cun menú composto por salpicón de rape e langostinos, codillo con patacas, pan, postre, café, chupito e bebida incluída. Os tickets teñen un prezo de 40 euros e poden adquirirse en O Rincón, Confitería Alianza, Comercial Anjor e Perruquería Oriola; os menores de 5 anos asistirán de balde e os de 6 a 10 anos contan cun desconto do 50 %. Xa a partires das 18.30 horas haberá sesión de música con Toxo Guayaba.



